A autorización do Goberno central en funcións para que ENCE permaneza na ría de Pontevedra ata 2073 ten abeiro na reforma da Lei de Costas impulsada polo gabinete de Mariano Rajoy no verán de 2012 entre o rexeitamento dos colectivos contrarios á factoría e de institucións como o Concello pontevedrés, a cuxa postura se sumou tamén a Deputación dende o cambio de Goberno. A aposta por que a pasteira continúe en Lourizán contradí as promesas formuladas durante anos por Alberto Núñez Feijóo, que chegou a elevar o traslado á categoría de "convicción persoal", ademais de incluílo nos seus programas electorais de 2009 e 2012.