En xaneiro de 2016, co Goberno de Mariano Rajoy en funcións, o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente outorgoulle a ENCE unha prórroga de 60 anos na concesión que lle permite ocupar os terreos de Lourizán, en Pontevedra, ata o ano 2073.
A polémica decisión causou un forte impacto, sobre todo entre os colectivos e administracións que levan tempo loitando por sacar a factoría da ría. Desde que Pedro Sánchez chegara á Moncloa, foron moitas as voces que situaron entre as demandas máis urxentes para o novo Goberno a reversión da prórroga. Así o fixeron tanto a APDR coma o propio alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores e varias formacións políticas.
O Goberno central cambia o criterio e desmárcase da decisión de Rajoy, renunciando a opoñerse aos procedementos xudiciais promovidos polo Concello, a APDR e Greenpeace contra a prórroga
Agora, e segundo vén de comunicar a propia ENCE, o Goberno central cambia o criterio respecto á prórroga concedida na etapa de Rajoy e desmárcase, renunciando a defender aquela medida e a seguir opoñéndose aos procedementos xudiciais promovidos polo Concello de Pontevedra, a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) e por Greenpeace, e que se atopan na Audiencia Nacional.
Así o explica a compañía nun duro comunicado contra o Executivo, no que amosa o seu "rexeitamento" ante a "sorprendente decisión" e o "inesperado cambio de criterio da Direción Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar" de "avirse" --amosar conformidade-- cos tres procedementos que se seguen na Audiencia Nacional e que pretenden que se declare nula a prórroga concedida oficialmente o 20 de xaneiro de 2016.
A avinza da Administración como acto de disposición da acción procesual, segundo aseguran fontes xurídicas consultas por Praza.gal, necesita dun acto expreso do órgano de goberno correspondente. Como alternativa práctica máis frecuente a isto, os letrados da Administración adoitan solicitar unha sentenza conforme a dereito.
A Avogacía do Estado advirte que prórrogas como a concedida só son viables de non poder ter outra ubicación a fábrica e que os 60 anos máis de concesión "non son conformes a dereito"
No escrito presentado pola Avogacía do Estado ante a Audiencia Nacional respecto aos procesos abertos, alerta de que o Constitucional xa advertiu de que "a prórroga a concesións transitoriamente vixentes só poderá concederse a instalacións ou actividades que, pola súa natureza, non poidan ter outra ubicación".
Xa que logo, aclara que, "dado que na Orde Ministerial recorrida non queda xustificado que a ubicación" da empresa "sobre o dominio público marítimo-terrestre non poida ter outro emprazamento, iso non sería conforme co réxime normativo aplicable".
Ademais, e respecto do prazo de 75 anos máximo ao que se refire a lei e o regulamento de Costas, di que "non pode ser entendido como un novo prazo máximo a sumar ao propio inicial da concesión", senón "resultado da concesión inicial e o prazo da prórroga, non podendo superar en conxunto os 75 anos". Xa que logo, aclara a Avogacía do Estado, a orde ministerial pola que se outorgou a prórroga da concesión por 60 anos a contar desde 2013 "non sería conforme a dereito".
Xa que logo, aclara o Estado que, no caso que no caso de obter prórroga, esta nunca sería máis aló do ano 2033, ao contarse 75 anos dende 1958, data en que ENCE se instalou na ría de Pontevedra.
ENCE advirte de que utilizará "todas as vías xurídicas" para defender a prórroga e carga contra os "intereses de parte e acordos políticos" que queren anulala
Así, ante esta decisión do Estado, ENCE advirte de que utilizará "todas as vías xurídicas para defender a validez da prórroga" que, segundo di, "seguiu escrupulosamente o procedemento establecido pola Lei de Costas vixente" e que, asegura, quere ser anulada por "intereses de parte e acordos políticos en contra dos dereitos e intereses dos seus traballadores, provedores, accionistas e todo o sector forestal do noroeste de España".
Para ENCE, a actuación do Estado "é contraria ao ordenamento xurídico e implica un cambio arbitrario no criterio que viña mantendo durante todo o procedemento". A firma vai máis aló e asegura que esta actuación "só pode ser explicada en clave electoral e supón unha falta de respecto aos postos de traballo de miles de empregados, provedores e do mundo rural, altamente dependente da actifividade forestal da empresa" que, lembra, "é destinataria da metade da madeira que se produce anualmente en Galicia". "O 30% das persoas empregadas no sector forestal de Galicia dependen da actividade de ENCE", insisten.
ENCE considera "sorprendente" que o Estado "dea argumentos contrarios aos que defendeu até a data no último momento procesual, cando até hai nada estaba defendendo a absoluta legalidade da orde ministerial que outorgou a prórroga". E advirte de que se esta avinza --conformidade coa demanda-- é aceptada nas sentenzas "podería provocar unha forte destrución de emprego en toda Galicia".
A fábrica advirte de que se as sentenzas anulan a prórroga poderían "provocar unha forte destrución de emprego en toda Galicia"
Así, ENCE sobe o ton e advirte que da súa fábrica de Pontevedra "dependen de forma directa e indirecta máis de 5.100 familias". "O sector forestal do noroeste de España verase moi afectado por unha forte baixada dos prezos provocada pola caída da metade da demanda, o que afectará máis de 200.000 familias produtoras forestais", engade.
Non é a primeira vez que ENCE reacciona con duras respostas a decisións ou intencións contrarias aos seus plans. O pasado mes de xuño chamou "populista" a quen reclama a anulación da prórroga e afirmou ser quen máis fai pola limpeza da ría.
A fábrica de Lourizán relata tamén que coa prórroga comprometérase a investimentos por máis de 70 millóns de euros, dos que tería realizado xa 40, así como outros 47 millóns en Galicia e un plan social de 3 millóns ao ano en Pontevedra. O pasado mes de novembro, a Xunta renovoulle a autorización ambiental a Ence, despexando así o futuro da factoría xunto á ría malia o rexeitamento social e as promesas reiteradas de trasladala de Feijóo. Agora, o futuro élle máis negro á fábrica.