ENCE chama "populista" a quen pide a anulación da prórroga e afirma ser quen máis fai pola limpeza da ría

Instalacións de Ence-Elnosa na ría de Pontevedra CC-BY-SA encefora.gal

Nos últimos días varias voces situaron entre as demandas máis urxentes para o novo Goberno presidido por Pedro Sánchez a reversión da prórroga de 60 anos concedida a ENCE polo executivo (en funcións) de Mariano Rajoy no ano 2016. Así o fixeron tanto a APDR coma o propio alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores ou o BNG a través da súa voceira Ana Pontón. E así o fará tamén a manifestación convocada para o vindeiro sábado 16 en Marín e Pontevedra. A multinacional non tardou en responder a estas críticas e á situación de incerteza que para a planta se abre tralo cambio de goberno.

"Non podemos caer nas actitudes dalgúns políticos nacionalistas de ignorar as normas establecidas e os procedementos que marca a nosa lexislación", afirma ENCE

A empresa cualificou de "populistas" as declaracións públicas realizadas polas entidades e institucións críticas coa planta e pediu respecto para os prazos legais en que deben resolverse os recursos presentados contra a prórroga. "Non podemos caer nas actitudes dalgúns políticos nacionalistas de ignorar as normas establecidas e os procedementos que marca a nosa lexislación", afirmou a compañía nun comunicado en referencia supostamente a Cataluña.

Na mesma nota de prensa, ENCE negou unha vez máis que a de Lourizán sexa unha planta contaminante, cualificando o seu comportamento de "intachable" e asegurando que cumpre "rigorosamente" coa "esixente normativa europea". ENCE "non contamina nin prexudica en absoluto a calidade das augas da ría de Pontevedra", afirma, engadindo que o que está a contaminar a ría son as "augas fecais" vertidas pola cidade de Pontevedra e outras localidades da ribeira. A empresa vai máis alá e acusa o Concello de Pontevedra de "non ter feito nada" para evitar a contaminación que sofre a ría. Así mesmo, a multinacional presume de ser quen máis está a facer pola limpeza da contorna a través do investimento de 15 millóns de euros que destinarán á ampliación da depuradora de Praceres, o que facilitará a loita contra a contaminación "a pesar de non ser en absoluto causante da mesma", afirma.

 

A APDR denuncia que os contaminantes de ENCE incumpren a normativa

Hai dez días a APDR presentou as súas alegacións á revisión da Autorización Ambiental Integrada (AAI) de ENCE, un procedemento que a APDR considera "irregular" por tratarse da revisión dunha AAI concedida no seu día sen conformidade coa  lexislación de aplicación. Pero, ademais, a entidade denuncia que a AAI fixa uns valores máximos permitidos nos contaminantes presentes nas augas residuais de ENCE que se sitúan por riba dos límites legais.

A APDR denuncia que a AAI fixa uns valores máximos permitidos nos contaminantes presentes nas augas residuais de ENCE que se sitúan por riba dos límites legais

A APDR sinala que a AAI que agora se pretende revisar permite vertidos á Ría de Pontevedra con valores de SS (Sólidos en Suspensión), DBO (Demanda Bioquímica de Osíxeno), DQO (Demanda Química de Osíxeno), N (Nitróxeno) e P (Fósforo) moito máis elevados do permitido pola Directiva 91/271/CE. Nas sucesivas declaracións ambientais presentadas pola empresa pódese observar como os valores medios diarios máis elevados superan os permitidos por esta lexislación en función do caudal vertido, pero a pesar diso a AAI permitiríalle superar estes niveis nalgúns días. A media dos valores diarios ao longo do ano si se sitúan nas marxes legais.

A entidade apoia as súas alegacións na resposta oficial dada en 2016 polo comisario europeo de Medio Ambiente, Karmenu Vella

A APDR esixe que a Xunta "revise a AAI no sentido de adecuar as esixencias de vertido aos valores fixados pola lexislación europea, pois só así será posíbel protexer a calidade das augas da Ría, obxectivo último da lexislación". A entidade sinala igualmente que "os valores límite asociados ás Mellores Técnicas Dispoñíbeis, aspecto no que se centra a Memoria presentada por ENCE, non son de aplicación a esta empresa, xa que a UE resérvaos para aquelas empresas que verten as súas augas residuais de forma directa ás augas receptoras, indicando con claridade que para aquelas empresas que -é o caso de ENCE- que verten a través dunha instalación de augas residuais urbanas, se debe aplicar os valores recollidos na Directiva 91/271/CEE". A entidade apoia as súas alegacións na resposta oficial dada polo comisario europeo de Medio Ambiente, Karmenu Vella, en 2016.

Manifestación contra ENCE, ante a factoría CC-BY-NC GZ Foto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.