0 Gardados para despois

Da LOMCE a ENCE: Os movementos sociais presentan as súas esixencias a Pedro Sánchez

Redacción | @prazapublica

A moción de censura que este venres expulsou do Goberno a Mariano Rajoy e ao PP trouxo esperanza a moitos colectivos sociais, formacións políticas e gobernos municipais e puxo sobre a mesa un gran número de reivindicacións para o novo executivo que forme Pedro Sánchez. Xa este venres En Marea, BNG e tamén o PSdeG sinalaron unha serie de prioridades ao futuro Goberno. Tamén dende o Concello da Coruña Xulio Ferreiro dixo confiar en que o cambio "abra un tempo novo de oportunidade para A Coruña, que durante estes dous últimos anos non foi tratada como corresponde” e sinalou de forma particular o futuro dos terreos do porto. E dende Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores convidou a Sánchez a "falar de cousas que nos interesen aos pontevedreses e aos galegos”, facendo referencia ao "espantoso legado político" deixado por Rajoy na cidade, centrado entre outros asuntos na prórroga concedida a ENCE.

Dende este venres, tamén moitos colectivos sociais están facendo públicas as súas esixencias para o novo presidente do Goberno, en asuntos coma a derrogación da LOMCE ou, precisamente, a reversión da prórroga concedida a ENCE ou a continuidade de Elnosa en Lourizán.

 

"Agora si, derroguemos a LOMCE"

A Confederación de ANPAS Galegas lembra que o 17 de xullo de 2013 "toda a oposición parlamentaria acordou derrogar a LOMCE en canto houbese un cambio político", e que "nese acordo estaba o PSOE, IU, CiU, PNV e ERC". E engade que, de novo o 5 de abril de 2016 o Congreso votou maioritariamente a favor de paralizar a LOMCE, "unha maioría formada polos votos do PSOE, Podemos, Compromís, ERC, PNV, IU, DL e EH Bildu". E pregúntase: "se son as mesmas formacións as que apoiaron o cambio de Presidente de Goberno que as que rexeitaron a LOMCE no pasado, se temos un Congreso dos Deputados que ten unha maioría partidaria de rematar coa vixencia da lei educativa máis lamentable que deu o noso sistema legal, temos algo máis que agardar?".

"Se son as mesmas formacións as que apoiaron o cambio de Presidente de Goberno que as que rexeitaron a LOMCE no pasado temos algo máis que agardar?"

"Levamos moitos anos, dende que no 2012 apareceron as primeiras mencións a unha reforma legal clasista, recentralizadora, segregadora, confesional e discriminatoria do sistema educativo, pelexando e dicindo, sempre dun xeito maioritario, que non queremos esa Lei, que vén crear moitos problemas e a non resolver ningún, que hai que derrogala e logo comezar a falar, con calma e un amplo consenso, dun modelo educativo novo, que é imprescindíbel, que o camiño pasa por un cambio rotundo e por un acordo o máis xeral posíble", subliña a entidade presidida por Javier Sánchez. "Agora é posíbel facelo, hai maioría e non hai outros atrancos que os que queiramos autoimpoñernos", conclúe. "Derroguemos pois esa Lei, pechemos estes anos de erros, e emprendamos un camiño novo que teña futuro e no que participemos todas, para que o Ensino Público, o único que importa, sexa o motor que coloque ás novas xeracións nun mundo actual, inclusivo e con futuro", sinala.

 

Caducidade da concesión a ELNOSA

Pola súa banda, a Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) esíxelle ao novo Goberno do Estado "que aborde a solución definitiva á presenza do complexo ENCE-ELNOSA na Ría e cumpra así o compromiso adquirido coa APDR tanto polo PSOE como polo grupo Marea-Podemos no pasado ano 2016". "É hora de cumprir as promesas e facer xustiza coa poboación da comarca pontevedresa que vén esixindo a saída do complexo da Ría". A APDR pídelle ao PSOE que "free a continuidade de ELNOSA na Ría decretando a caducidade da súa concesión, impedindo así os plans do PP de mantela en Lourizán agardando tempos mellores".

A APDR esíxelle ao novo Goberno do Estado "que aborde a solución definitiva á presenza do complexo ENCE-ELNOSA na Ría e cumpra así o compromiso adquirido tanto polo PSOE como polo grupo Marea-Podemos no pasado ano 2016"

A APDR lembra que "os distintos gobernos do PP mantiveron sempre unha absoluta conivencia coa dirección de ENCE e ELNOSA permitíndolle, na práctica, o incumprimento da lexislación en materia medio ambiental, argallando todo tipo de argucias para pasar por riba da legalidade urbanística e mesmo modificando as leis para favorecer a súa permanencia no seu actual emprazamento".

"Esixímoslle ao PSOE a adopción desta primeira medida como primeiro paso no camiño cara á saída definitiva do complexo ENCE-ELNOSA da Ría, unha saída que non pode ter volta atrás e que pasa pola derrogación da prórroga ilegal concedida por Mariano Rajoy á celulosa", conclúe.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.