0 Gardados para despois

A APDR chama a manifestarse o 16 de xuño contra ENCE e Elnosa

Redacción | @prazapublica

O sábado 16 de xuño terá lugar a marcha anual contra ENCE-Elnosa, convocada pola APDR. A manifestación deste ano adquire unha importancia maior tralo cambio de Goberno no Estado, situando en primeiro plano a demanda a Pedro Sánchez de que anule os efectos da prórroga de 60 anos concedida á celulosa para manter a súa actividade en Lourizán. Tamén está sobre a mesa a esixencia de que o Goberno decrete a caducidade da concesión a ELNOSA para evitar a súa continuidade en Lourizán. A marcha contra as celulosas terá lugar unha semana despois da convocada para este domingo en Compostela contra o proxecto mineiro de Touro-O Pino.

A manifestación adquire unha importancia maior tralo cambio de Goberno no Estado, situando en primeiro plano a demanda a Pedro Sánchez de que anule os efectos da prórroga de 60 anos concedida a ENCE

A manifestación partirá ás 19.30 das Alamedas de Pontevedra e de Marín, para confluír diante do complexo industrial, onde se lerá un manifesto. O lema escollido este ano é 'Debaixo da fábrica están as praias', botando man do coñecido eslogan do maio do 68 en París ("Debaixo das pedras está a praia") e facendo fincapé na defensa da ría e das praias que existían neste lugar antes da chegada das fábricas, e da actividade produtiva que aquí se desenvolvía, principalmente marisqueira, da que vivían centos de familias. "É importante que a xente non esqueza como era a zona antes da chegada de ENCE” dicía o pasado ano Antón Masa, presidente da APDR, na estrea do documental Paraíso Roubado.

A APDR esíxelle a Pedro Sánchez "que aborde a solución definitiva á presenza do complexo ENCE-ELNOSA na Ría e cumpra así o compromiso adquirido coa APDR tanto polo PSOE como polo grupo Marea-Podemos no pasado ano 2016". Pídelle en primeiro lugar que"free a continuidade de ELNOSA na Ría decretando a caducidade da súa concesión, impedindo así os plans do PP de mantela en Lourizán agardando tempos mellores", unha primeira medida que sería un "primeiro paso no camiño cara á saída definitiva do complexo ENCE-ELNOSA da Ría", unha saída que "pasa pola derrogación da prórroga ilegal concedida por Mariano Rajoy á celulosa", subliña a entidade.

O lema é 'Debaixo da fábrica están as praias', facendo fincapé na defensa da ría e das praias que existían neste lugar e da actividade produtiva que aquí se desenvolvía

De igual xeito, o alcalde pontevedrés Miguel Anxo Fernández Lores remitiulle unha carta a Pedro Sánchez pedíndolle axuda para "reverter" a prórroga a ENCE e convidándoo a visitar a cidade da man do goberno local, ofrecemento que "o teu predecesor nunca atendeu". "A vosa colaboración política dende o Goberno suporía un apoio decisivo no camiño de liberar a ría e a cidade dese monstro contaminante", engadía o texto.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.