O Goberno galego fai pública este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG) a súa decisión de renovarlle a autorización ambiental á planta de Ence en Lourizán, que unida á ampliación da concesión dos terreos que ocupa ata 2073 outorgada hai dous anos polo Goberno central de Mariano Rajoy despexa o futuro da factoría xunto á ría de Pontevedra malia o rexeitamento social e as promesas reiteradas de trasladala do presidente Feijóo.
O permiso despexa o futuro da factoría xunto á ría malia o rexeitamento social e as promesas reiteradas de trasladala de Feijóo
A anterior autorización ambiental da fábrica de Ence en Lourizán databa da pasada década e tiña que adaptarse a novos condicionantes impostos en 2016 polo Goberno central. Agora o novo permiso autonómico non terá que ser renovado ata catro anos despois de que o Goberno central considere que no sector hai dispoñibles melloras técnicas que limiten máis a contaminación deste tipo de instalacións.
A nova autorización fixa diversos prazos para que a empresa poña en funcionamento diversas melloras técnicas que reduzan a contaminación. Así, a Xunta esixe que as augas do complexo sexan vertidas tras o seu tratamento lonxe da costa a través do emisario submarino da depuradora pontevedresa dos Praceres. Iso deberá suceder para as augas pluviais antes do 1 de abril de 2019, fronte ao desexo da empresa de darse tres meses máis, ata o 30 de xuño, e para as augas residuais antes do 1 de decembro de 2019, fronte á intención de Ence de demoralo ata 2020. Igualmente, a autorización establece diversos prazos de revisión periódica das emisións contaminantes da fábrica e obriga a instalar un novo punto de control da contaminación en Campelo cuxas medicións sexan máis realistas.
A Xunta rexeita alegacións formuladas polo Concello de Pontevedra, a Asociación pola Defensa da Ría, a Confraría de Lourizán e Marea de Pontevedra
A autorización agora outorgada pola Xunta rexeita diversas alegacións formuladas no seu momento polo Concello de Pontevedra, a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra, a Confraría de Pescadores de Lourizán e Marea de Pontevedra. O permiso asínano a directora xeral de Calidade Ambiental, María Cruz Ferreira Costa, o subdirector xeral de Avaliación Ambiental, José Manuel Tobío Boquete, e a xefa do Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación, María Diéguez Gómez.
Tras a ampliación da concesión dos terreos que ocupa ata 2073 outorgada hai dous anos polo Goberno central de Mariano Rajoy, este permiso ambiental despexa aínda máis o futuro de Ence xunto á ría de Pontevedra malia as reiteradas promesas de traslado das instalacións lanzadas por Feijóo nas súas campañas electorais de 2009 e 2012. Pola súa banda, o PSOE que prometera dar marcha atrás á prórroga da concesión de Ence mudou a súa postura tras a súa chegada ao Goberno central para apostar agora por abrir negociacións para o traslado da fábrica a outro emprazamento. A empresa, mentres, traballa xa na ampliación das súas instalacións coa construción dunha planta de biomasa.