0 Gardados para despois

O PSOE pontevedrés comprométese a facer presión ante o novo Goberno para sacar ENCE da ría

Redacción | @prazapublica

Os socialistas comprometéronse a transmitir a Madrid a necesidade de tomar decisións que favorezan a saída de Ence e Elnosa da ría e o traslado da súa produción a outra localización

A Executiva local do PSdeG-PSOE e a Asociación para a Defensa da Ría (APDR) mantiveron este luns unha xuntanza para valorar a actual situación de ENCE e Elnosa e da mobilización social e política para que trasladen a súa actividade fóra do complexo de Lourizán. Os socialistas comprometéronse a transmitir a Madrid a necesidade de tomar decisións que favorezan a saída de Ence e Elnosa da ría e o traslado da súa produción a outra localización.

O voceiro municipal, Agustín Fernández, manifestou a súa "confianza" en que as actuacións que Costas tome a partir de agora serán beneficiosas para Pontevedra e suliñou a "total dispoñibilidade" do PSdeG-PSOE para "empurrar nunha mesma dirección" e "darlle saída a unha situación indesexada creada polo Goberno do PP". Con todo, os socialistas pediron "tempo" para que o novo Executivo de Pedro Sánchez actúe e para que se cree a estrutura ministerial necesaria para tomar decisións,

Igualmente, propuxo agardar á resolución do recurso xudicial que presentou o Concello de Pontevedra contra a prórroga a ENCE. Fernández comprometeuse a solicitar ao goberno de Madrid a toma das medidas político-administrativas necesarias para derrogar a prórroga no caso de que a sentenza non se resolvese de forma satisfactoria.

APDR: "Solicitamos a súa implicación para abordar a resolución do expediente de caducidade da concesión de ELNOSA"

Así mesmo, a APDR lembra que faltan menos de 20 días para que remate o prazo da caducidade da concesión de Elnosa. Neste senso, a entidade solicita a mediación do PSdeG-PSOE para que se celebren as entrevistas solicitadas pola APDR con Pedro Sánchez e coa ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribeira. "Solicitamos a súa implicación para abordar a resolución do expediente de caducidade da concesión de ELNOSA, impedindo que o fagan os cargos de confianza da administracións que lle precedeu no Goberno e, consecuentemente, decrete a súa caducidade", destaca a asociación.

A secretaria xeral da agrupación local do PSdG de Pontevedra, Maica Larriba, asegurou que como nova subdelegada do Goberno en Pontevedra un dos seus primeiros obxectivos será entrevistarse coa Xefa do Servizo Provincial de Costas para informarse da situación.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.