0 Gardados para despois

ENCE: 60 anos máis en Pontevedra

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, na actualidade en funcións, vén de outorgarlle a ENCE unha prórroga de 60 anos na concesión que lle permite ocupar os terreos de Lourizán, en Pontevedra. A prórroga, que comeza a contar en novembro de 2013, momento da solicitude, permitirá que a factoría se manteña na súa actual localización ata o ano 2073.

Para Antón Masa (APDR), a prórroga supón "a morte definitiva da ría". Cualifica de "impresentable" que un Goberno en funcións tome esta decisión

Antón Masa, presidente da Asociación pola Defensa da Ría (APDR) afirma que a prórroga supón "a morte definitiva da ría" e que pon fin "á posibilidade de conseguir o seu saneamento" e "á posibilidade de practicar outro tipo de economía" na zona e de crear "postos de traballo de calidade". Sinala, en todo caso, que a resolución "non é firme" e que a súa entidade vai recorrela por vía administrativa. Neste senso, apunta a que a decisión adoptada polo Ministerio poida ser "irregular e mesmo ilegal" pois está aínda en cuestión a caducidade da concesión de ENCE. "Hai unha cuestión fundamental para que esta concesión se considere caducada, pois no título concesional de ENCE dise que a DBO (demanda biolóxica de osíxeno) dos verquidos non poderá superar as 20 partes por millóns, algo que foi superado case sempre.

Pola súa banda, a Plataforma Ence Fóra sinalou nunha rolda de prensa celebrada no Concello de Pontevedra que a decisión "hipoteca o presente e futuro da ría de Pontevedra, da comarca de Pontevedra, e a política forestal de Galiza durante o século XXI”, en palabras da tenente de alcalde Carme da Silva, que compareceu acompañada de representantes dos distintos colectivos veciñais, sociais, ecoloxistas e partidos políticos que conforman a plataforma. Para Carme da Silva, é "lamentable" que “un Goberno sen lexitimidade, en funcións, poida regalarlle a unha empresa privada, a Ence, moitos millóns de euros ao darlle 60 anos máis de concesión”.

Ence Fóra subliña que “a decisión non é firme” e que será contestada  "socialmente e polas vías xudical e política". Fai ademais un chamamento á sociedade para que “se rebele” e, de feito, os colectivos que a conforman reuniranse este martes en asemblea, ás 20 horas, na sede da Federación veciñal Castelao para decidir "como plantar cara a este atropelo". A plataforma pediralle ao novo Goberno central e aos partidos que o apoien a revogación da prórroga da concesión de ENCE.

A Xunta remitiu en novembro un informe favorable sobre o cumprimento da legalidade ambiental por parte da planta

Resulta igualmente significativo que o Goberno central adoptase esta importante decisión co Executivo en funcións, sobre todo tendo en conta que non estaba obrigado a decidir sobre a prórroga ata o remate da actual concesión, en 2018. De feito, a Lei 50/1997 sinala que o Goberno en funcións "limitará a súa xestión ao despacho ordinario dos asuntos públicos, absténdose de adoptar, agás casos de urxencia debidamente acreditados ou por razóns de interese xeral cuxa acreditación expresa así o xustifique, calquera outra medida". 

A este respecto, na presentación da campaña Ence fóra para sempre, o presidente da Federación veciñal Castelao, José Loureiro, preguntouse: “Por que tanta présa se a concesión vence no 2018? Por que un Goberno case en funcións quere hipotecar a ría outros 50 anos máis?”. Neste senso, Antón Masa cualifica de "impresentable" que unha decisión "tan fundamental para a comarca de Pontevedra" fose adoptada por un Goberno en funcións.

"A operación de regalar a permanencia de Ence en Lourizán pode reportarlles aos propietarios uns 2.000 millóns de euros entre o que aforran quedando aquí, e o que deixarían de ganar se tivesen que entregar os terreos"

Aínda que a decisión correspondía en exclusiva ao Goberno central, a través da Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar, a Xunta remitiu en novembro un informe favorable sobre o cumprimento da legalidade ambiental por parte da planta. O Goberno galego quedaba só na defensa da continuidade de ENCE no interior da ría. Ao xa habitual rexeitamento de entidades sociais e de concellos (comezando polo da cidade de Pontevedra), nos últimos meses uniuse o da Deputación de Pontevedra, que aprobou unha declaración favorable ao traslado da factoría a unha nova localización. Porén, finalmente, a mobilización social pontevedresa en contra da continuidade de ENCE non tivo resultados.

O Libro Branco sobre ENCE, publicado hai uns meses, sinalaba que "a operación de regalar a permanencia de Ence en Lourizán pode reportarlles aos propietarios uns 2.000 millóns de euros entre o que aforran quedando aquí, e o que deixarían de ganar se tivesen que entregar os terreos". A APDR lembra que os actuais propietarios "mercaron a empresa a prezo de saldo, porque só estaba autorizada a producir ata 2018". "É un claro caso de rapiña empresarial ligada ao sector público, no que se estima que ten moito que ver que destacados cargos dos gobernos do PP ocupen varios asentos no Consello de Administración", engade

Así pois, se a decisión anunciada hoxe polo Ministerio non é revertida dalgún xeito, ENCE ocupará o litoral de Lourizán ata o 2073, 115 anos despois da súa instalación, en 1958.

 

Promesa incumprida de Núñez Feijoo

"O PPdeG mantén a súa aposta para que ENCE abandone o seu actual emprazamento", sinalaban os populares no seu programa electoral en 2012

"O PPdeG mantén a súa aposta para que ENCE abandone o seu actual emprazamento, considerando irrenunciable a continuación da súa actividade no contorno da comarca de Pontevedra". O programa electoral dos populares nas eleccións autonómicas de 2012 era moi claro ao respecto e mantiña a posición que xa expresara o seu programa de 2009. De feito, o propio Núñez Feijoo, pouco despois de tomar posesión do seu cargo como presidente da Xunta, afirmaba publicamente que "non cabe a posibilidade de manter ENCE na Ría". "Non imos dicir unha cousa e facer a contraria", engadía. En paralelo, Telmo Martín (portavoz local do PP nese momento) acusaba a ENCE de "aproveitar a crise para perpetuarse na ría", sinalando que "a dignidade de Pontevedra non está en venda".

Desa rotundidade pasouse, en 2013 á unha posición máis ambigua, cando Núñez Feijoo comezou a pedirlle "xestos" á empresa para permitir a continuidade da factoría no seu actual emprazamento. Xa dende comezos deste 2015 o PP completou o seu cambio de posición; en marzo, o candidato do PP á alcaldía de Pontevedra, Jacobo Moreira, eliminaba as posibles dúbidas ou ambigüidades que puidesen quedar con respecto á posición popular nesta cuestión, apoiando publicamente a continuidade de ENCE en Lourizán, sempre que reducise as súas emisións e xerase máis emprego, sinalando que "as condicións mudaron".

 

A cuestión do emprego

Nun comunicado, a empresa destaca que a concesión (que superou o mínimo de 50 anos, previsto tamén para estes casos) é froito dun "forte compromiso de investimento" na planta, á que se destinarán 61 millóns de euros, que buscarán unha "mellora da eficiencia" e tamén a "melloras medioambientais". ENCE baralla ademais instalar una planta de biomasa de 40 MW, contemplada no Plano Estratéxico da empresa e na solicitude de prórroga. A empresa afirma tamén que "a renovación da concesión foi posible porque a fábrica de Lourizán cumpre folgadamente a esixente normativa medioambiental europea" e conclúe que "ENCE non defraudará os veciños de Pontevedra e Comarca" e que se "compromete a traballar coa maior responsabilidade pola calidade de vida dos cidadáns e para gañar o apoio á súa actividade e permanencia por parte de todos os pontevedreses".

O Comité de Empresa de ENCE reduce a 366 os empregos directos que xera a empresa en Pontevedra (270 na fábrica e 96 nas oficinas centrais), o 1,1% dos postos de traballo na cidade

No seu comunicado, ENCE salienta que "a prórroga permite o mantemento de 800 empregos en Pontevedra e 5000 en toda Galicia" e "abre a porta á creación dun importante número de empregos adicionais na zona". Estas cifras adoitan ser respondidas polos colectivos críticos á pasteira, que reducen moito os número real de empregos que crea ENCE na comarca e salientan, en oposición, o prexuízo que a presenza da fábrica lle provoca á saúde da ría e ao seu potencial marisqueiro e turístico. De feito, as cifras do Comité de Empresa de ENCE reducen a 366 os empregos directos que xera a empresa na cidade (270 na fábrica e 96 nas oficinas centrais), o 1,1% dos postos de traballo da urbe. De igual xeito, os empregos asociados á factoría son moitos menos dos expresados pola multinacional, segundo a Asociación pola Defensa da Ría (APDR).

A APDR sempre defendeu os beneficios que o traslado de ENCE tería para a economía e o emprego da comarca: "Unha vez que esta industria deixe de producir en Lourizán, poderán xurdir na comarca actividades limpas hoxe imposibilitadas pola presenza de Ence. E calquera actividade económica que se cree, traerá consigo novos salarios, esta vez compatibles coa ría que merecemos os pontevedreses". Ademais, salientaba os postos de traballo que se crearían de forma inmediata: "Máis aló dos empregos que se xerarían a medio e longo prazo coa saída de Ence, están os que se producirían de maneira inmediata, desde o mesmo día do peche. O desmantelamento do complexo industrial e a recuperación dos terreos darían traballo a moita xente, polo que é mentira que a marcha de Ence supoña a inminente desaparición de todos os empregos que xera".

 

Reaccións

Vence (BNG) sinala que se trata dunha "decisión corrupta a favor da pasteira en cuxo consello de administración sentan destacadas figuras" do PP

O BNG considera que a prórroga supón unha “traizón” de Rajoy "aos intereses xerais de Galiza a favor dos intereses particulares dun empresa". O seu voceiro nacional, Xavier Vence, sinala que se trata dunha "decisión corrupta a favor da pasteira en cuxo consello de administración sentan destacadas figuras" do PP e acusa a Rajoy de “desprezar” a demanda maioritaria da sociedade ao poñerse do lado da pasteira, “ignorando unha reclamación que mereceu anos de reivindicación e de loita na rúa e nas institucións por parte de miles de galegos e galegas, aos que o presidente en funcións deixa de lado". A formación afirma que "estudará todas as alternativas na rúa, nas institucións e na xustiza para enfrontar esa decisión e reclamará ao futuro Executivo que a derrogue".

Para Antón Sánchez, a decisión "supón a confirmación do camiño planificado e iniciado dende a reforma da Lei de Protección do Litoral en 2013, na aprobación do Regulamento e do informe ambiental positivo da Xunta"

Para AGE, a concesión da prórroga cun goberno en funcións é “unha cacicada que deixa ao descuberto unha vez máis que o PP está a traballar para os intereses da empresa pasteira”, en palabras de Antón Sánchez. Para Sánchez, a decisión coñecida hoxe "supón a confirmación do camiño planificado e iniciado dende a reforma da Lei de Protección do Litoral en 2013, na aprobación do Regulamento e do informe ambiental positivo da Xunta de Galicia, feitos á medida para a permanencia de ENCE na ría". "Dende AGE xa advertimos no seu día de que o PP, ante o risco dun cambio de Goberno no Estado, forzaría os tempos para deixarlle resolto o expediente a ENCE", engade, anunciando que o grupo parlamentar de AGE "recorrerá por vía administrativa esta decisión e que presentará no Parlamento galego unha iniciativa instando ao goberno do Estado a que proceda á revisión de dita resolución e a deixala sen efecto".

Podemos Pontevedra e Salvemos Pontevedra salientan que ENCE "nin siquiera ten concesión", porque o expediente de caducidade "non está resolto", polo que "prorrogársea é prevaricar"

Para Podemos Pontevedra e o colectivo Salvemos Pontevedra, a prórroga a ENCE asinouse "de costas á sociedade pontevedresa que na súa maioría solicitaba que non se ampliase esta concesión e que ENCE pechase en 2018". Sinalan que "nin siquiera ten concesión", porque o expediente de caducidade "non está resolto", polo que "prorrogársea é prevaricar". Conclúen que se trata dun "despropósito político soamente pagable con portas xiratorias como a de Carlos do Álamo e Isabel Tocino", membros do Consello de Administración da empresa.

Para ADEGA "este acto administrativo dun goberno en funcións transcende o meramente ordinario e tampouco é urxente, agás para os intereses dos candidatos/as a pasar pola porta xiratoria"

Pola súa banda, ADEGA cualifica a prórroga de "fraude democrática e burla ambiental" e sinala que "este acto administrativo dun goberno en funcións transcende o meramente ordinario e tampouco é urxente, agás para os intereses dos candidatos/as a pasar pola porta xiratoria", violando o artigo 21 da Lei 50/1997". A entidade ecoloxista subliña que o modus operandi empregado é "razón de peso xa non só para denunciar publicamente a ilexitimidade desta prórroga, senón para impugnar o acto administrativo nos tribunais e mesmo solicitar á Fiscalía que investigue as presuntas responsabilidade penais -prevaricación- derivadas deste acto ilegal cometido a mantenta".

ADEGA conclúe que "está nas mans" do vindeiro goberno "emendar as corruptelas a chafallada administrativa cometidas polo executivo saínte", instándoo a derrogar a prórroga da Lei de Costas, a cumprir as resolucións do Supremo que obrigan o Ministerio a abrir expediente de caducidade da concesión dalgunhas instalacións estratéxicas da pasteira en Lourizán, e a revisar a propia prórroga. Con todo, ADEGA alerta de que cunha "futura revogación administrativa e/ou xudicial", ENCE podería "reclamar fortes indemnizacións por lucro cesante".

O PSdeG-PSOE considera a prórroga “opaca e pola porta de atrás" e sinala que chega "da man dun goberno en funcións e cun suposto informe favorable da Xunta que ninguén coñece”

Finalmente, o PSdeG-PSOE considera a prórroga “opaca e pola porta de atrás" e sinalan que chega "da man dun goberno en funcións e cun suposto informe favorable da Xunta que ninguén coñece”. “Ence vai estar 114 anos en Lourizán con esta prórroga, non hai investimento que amortice esta situación”, asegura Patricia Vilán, portavoz de Medio Ambiente do PSdeG no Parlamento.

Franco 'inaugura' ENCE en 1963

O NO-DO do 23 de setembro de 1963 recolleu a inauguración oficial da planta de ENCE en Lourizán, aínda que xa estaba en funcionamento dende 1957

© TVE

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.