A Xunta pon Ence como exemplo de aforro de auga e aposta por colaborar "a prol da sustentabilidade do monte"

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, co presidente de Ence, Ignacio de Colmenares, este venres en Pontevedra CC-BY-SA Xunta de Galicia

As conselleiras de Medio Ambiente e Medio Rural manteñen e publicitan encontros cos máis altos responsables da empresa

Nas dúas últimas xornadas as conselleiras de Medio Rural e Medio Ambiente mantiveron diversas reunións cos máis altos responsables de Ence, empresa á que presentaron como exemplo de aforro de auga e coa que estudan liñas de "colaboración público-privada a prol da sustentabilidade social, económica e ambiental do monte galego".

O presidente de Ence, Ignacio de Colmenares, á dereita no centro, coa conselleira de Medio Rural, María José Gómez CC-BY-SA Xunta de Galicia

Este venres a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, desprazouse á fábrica de Lourizán, en Pontevedra, onde acompañada polo presidente e conselleiro delegado de Ence, Ignacio de Colmenares, coñeceu un proxecto de reutilización da auga nesas instalacións. A celulosa de Pontevedra vén sendo polémica pola súa alta demanda de auga do río Lérez, nunca detallada pola Xunta, que debe deixar de consumir cando a conca presenta problemas de seca, como na actualidade. 

Segundo a conselleira de Medio Ambiente, Ence reduciu máis dun 60% o consumo de auga do río Lérez, sen detallar canto supón iso

Neste contexto, este venres a conselleira de Medio Ambiente, que hai uns días abriu o debate sobre a necesidade de construír máis encoros nos ríos galegos, apelou ás industrias a reutilizar a auga e puxo como "exemplo o caso da biofábrica de Ence en Pontevedra, que desde 2024 conta cun sistema propio de recircularización de auga" que segundo as súas estimacións logrou "reducir en máis dun 60% o consumo de auga procedente do río Lérez respecto aos datos do ano 2017. Datos brutos que non se detallan. 

A conselleira de Medio Ambiente na súa visita á fábrica de Lourizán CC-BY-SA Xunta de Galicia

Un día antes, o xoves, era a conselleira de Medio Rural, María José Gómez, a que recibía na sede da consellería ao presidente de Ence e outros altos cargos da empresa. Dese encontro, do que non transcenderon máis detalles, a Xunta limitouse a informar de que as dúas partes avaliaron "a situación actual e as perspectivas de futuro do sector forestal, así como para analizar a colaboración público-privada a favor da sostibilidade social, económica e ambiental do monte galego". 

O BNG considera que Ence "ten tres cadeiras no Consello da Xunta" e un "pacto de goberno de facto" co PP

Este mesmo venres o BNG criticou o "pacto de goberno de facto" que ao seu ver ten a Xunta con Ence. Segundo o deputado Luís Bará, a empresa conta con "tres cadeiras no Consello da Xunta, a do presidente e as das conselleiras de Medio Rural e Medio Ambiente". Para Bará as reunións coas dúas conselleiras poñen de manifesto que empresa e PP "teñen unha comuñón de intereses".

Fábrica de Ence en Lourizán (Pontevedra), nunha imaxe de arquivo divulgada pola compañía © Ence

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.