A Xunta quere novas presas: "Se non temos grandes encoros ao final a auga acaba no mar"

Ángeles Vázquez este xoves nunha acción de sensibilización cidadá en Oleiros a través dunha campaña divulgativa, desenvolvida en colaboración con Ecoembes CC-BY-SA Xunta de Galicia

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, argumenta que "os nosos ríos son moi curtos", critica preventivamente a "aqueles que sempre é o non polo non" e di que "se necesitan máis depósitos"

"Cando dicimos que no inverno choveu moito, foi nos meses de xaneiro e febreiro, pero sabemos que os nosos ríos son moi curtos. Iso quere dicir que se non temos grandes encoros ao final a auga acaba no mar". A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, defendeu este xoves a necesidade de incrementar os "depósitos" de auga en Galicia. 

Nunha visita a Oleiros para participar nunha acción no marco dun convenio entre a Xunta e Ecoembes sobre a correcta separación dos residuos, en concreto, dos que van no colector de lixo amarelo, Vázquez insistiu en que o seu departamento está a traballar cos concellos "con auditorías" e "cambiando a rede, que é fundamental para non ter tantas perdas". "Pero iso non quere dicir que non haxa evaporación, que non se multiplique a poboación e que as empresas non sigan tirando moito porque moitas delas necesitan moita auga", apostilou.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático no encoro de Caldas o pasado febreiro CC-BY-SA Xunta de Galicia

"No verán dicímoslle á xente que a súa mente non ten que descansar á hora de reciclar, que descanse noutro ámbito, pero non na reciclaxe", incidiu a conselleira, que se referiu á seca a preguntas das xornalistas. "Hai que planificar do inverno para o verán unhas cousas, e do verán para o inverno outras cousas", sinalou, para a continuación avanzar que con "aqueles que sempre é o non polo non, cando se fala dun encoro, se pon o grito no ceo"

"A miña pregunta é: 'Oe, nalgún sitio temos que embalsar a auga para despois tirar dela, non?'. Iso non quere dicir que haxa que encher Galicia de encoros"

"A miña pregunta é: 'Oe, nalgún sitio temos que embalsar a auga para despois tirar dela, non?'. Iso non quere dicir que haxa que encher Galicia de encoros, tampouco quere dicir que teñamos que poñer grandes depósitos en todos os sitos; pero si se necesitan máis depósitos e si temos que seguir avanzando no estudo das augas subterráneas", aseverou Ángeles Vázquez. 

Sobre o aproveitamento das augas subterráneas, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático aclarou que "non van dar para abastecer unha poboación tan ampla como pode ser a de Oleiros, pero si para abastecer parroquias ou aldeas para que non teñan esa problemática". "Todos temos que concienciarnos, levamos moito tempo dicindo que a auga hoxe está limitada como calquera outro eido que teña un concepto natural", afirmou. 

A pasada semana 32 concellos galegos entraron en alerta por escaseza de auga e a maioría do resto de Galicia está en prealerta. O nivel de alerta actual é o segundo máis alto dos establecidos no Plan de seca da demarcación Galicia-Costa. 

"De aí que sexa moi importante tamén a reciclaxe, porque imaxínate: cunha lata, por exemplo, de Coca-Cola ou de Fanta, se a reciclamos estamos aforrando unha cantidade inmensa de auga. Pero co papel e o cartón máis do mesmo, cunha tonelada que reciclemos estamos aforrando 26.000 litros de auga, polo tanto isto vai todo en cadea e nesa liña temos que seguir afondando", exemplificou a conselleira.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.