O país dos mil ríos (secos): case todos teñen menos caudal do que adoitan

Persoal da Xunta traballando nun río e mapa interactivo sobre a situación fluvial en Galicia CC-BY-SA Fotos: Xunta / D. Royé. Montaxe: Praza.gal

A pasada semana a Xunta activou a situación de prealerta por escaseza moderada de auga nos sistemas do río Lérez e do río Anllóns e Costa da Coruña, ademais de medidas equivalentes —sen chegar a declarar a prealerta— na contorna de Baiona pola situación do río Verdugo. O "notable descenso" dos caudais en varias zonas pola falta de precipitacións e as elevadas temperaturas, que incrementan a evaporación da auga, unidas ao aumento do consumo hídrico nas zonas máis turísticas provocaron estas medidas. Tamén en Vigo, malia que o Goberno galego non ve risco aínda, o Concello impulsou medidas que impiden o baldeo ou o enchido de piscinas, medidas que tamén se recomendan para o resto de municipios afectados no país. 

Aínda que a situación dos encoros en Galicia non semella polo momento preocupante, as altas temperaturas, as escasas ou nulas precipitacións e a seca meteorolóxica volven revelar as consecuencias da crise climática, que ten na situación dos ríos un fiel reflexo do seu impacto malia o inverno extraordinariamente húmido de hai tan só uns meses. 

No "país dos mil ríos", que dixo Otero Pedrayo, unha gran maioría atópanse nesta altura en situación de seca. Case o 80%. Así se pode comprobar —xa cunha simple ollada— no mapa interactivo que vén de facer público Dominic Royé, investigador Ramón y Cajal na Misión Biolóxica de Galicia do Consello Superior de Investigacións Científicas (MBG-CSIC). 

Case o 80% das estacións de control dos ríos galegos advirten da súa situación de seca fronte ao 26% no conxunto do Estado

Nesta web, de acceso libre e gratuíto e que se actualiza diariamente, analízase a situación dos ríos en España en base aos datos das arredor de 900 estacións de ocupación, puntos de control nos leitos fluviais que miden continuamente o nivel da auga e calculan o seu caudal. Compárase o caudal de cada xornada co caudal histórico nese mesmo punto o mesmo día do ano, nunha análise que chega até 1992, un cuarto de século atrás. 

Cada estación coloréase segundo o percentil climatolóxico do caudal medio diario, e unha ollada ao mapa da península ibérica pinta Galicia case enteira de diferentes tons marróns, cor que alerta da seca que marcan os puntos de control dos principais ríos. De feito, a 11 de xullo, máis do 77% dos 75 analizados no país indicaban situación de secura, fronte a case un 15% que advirten de normalidade e só un 8% de humidade

Unha ducia de ríos están "extremadamente secos" en Galicia segundo a análise de Dominic Royé, investigador do CSIC

Na mesma xornada, no conxunto de España, o 26% dos ríos atópase seco, o 14% húmidos e o 60% nunha situación normal. "Os datos globais mudan completamente se lle engades ou non Galicia, que sofre unha anomalía enorme, especialmente nalgunhas zonas", explica Royé, tamén secretario da Asociación Española de Climatoloxía, que lembra que o país leva "case desde finais de maio sen precipitacións importantes" e sufrindo desde aquela "varias vagas de calor". 

Situación dos ríos en Galicia a 11 de xullo de 2026, 2025 e 2021 CC-BY-SA Dominic Royé

A situación é especialmente grave nunha ducia das estacións en Galicia (o 16%), onde os ríos están "extremadamente secos". Acontece así en tres puntos próximos a Vigo que miden o caudal do río Louro ao seu paso por Porriño e dos ríos Tea (que leva parte das súas augas ao encoro de Eiras) e Uma ao seu paso por Ponteareas. Neste último caso, por exemplo, o caudal o pasado sábado era de 1,82 m³/s cando o normal é de 2,52 metros cúbicos por segundo. 

Os ríos Tea e Louro, na contorna de Vigo, e o Barcés e o Mero, na da Coruña, son algúns dos que teñen menor caudal nesta altura

A situación tampouco é moito mellor na área da Coruña, onde a estación do río Barcés en Carral ten un caudal de 0,049 m³/s fronte ao 0,077 habitual, e a do río Mero de 0,165 m³/s fronte ao 0,248 normal. Son os dous principais caudais que achegan auga ao encoro de Cecebre, a só uns quilómetros. 

Ademais, outras estacións que indican a situación de extrema seca son as do río Ouro en Foz, do Arnego en Agolada, do Ulla en Santiso, do Sarria na Pobra de San Xiao, do Neira no Páramo, do Limia en Ponteliñares e a do río Caldo en Lobios. 

Do inverno máis chuvioso á primavera máis seca

Outra ducia de estacións, boa parte delas na zona norte, advirten dunha situación "moi seca" dos ríos, ,mentres que 23 delas alertan de seca e once máis dun nivel "moderadamente seco" dos caudais. Todo logo de que Galicia pechase hai uns meses o inverno máis chuvioso do actual século para logo dar paso á primavera máis seca desde hai 36 anos, que se despediu cunha abafante vaga de calor á que seguiron outras que bateron récords de temperaturas

É aquela abondosa chuvia do inverno a que permite manter os encoros en Galicia a un nivel máis que aceptable (de máis do 65% de capacidade na demarcación Galicia Costa e no 76% na do Miño-Sil) pero non uns ríos que amosan como nada a dependencia que da chuvia ten un territorio como o galego. 

Evolución do ano hidrolóxico en Galicia CC-BY-SA Dominic Royé

Os datos e gráficos da web interactiva elaborada por Royé permiten observar con claridade o enorme contraste entre un inverno extremadamente chuvioso e unha primavera e verán moi secos tendo en conta os datos dos caudais dos ríos. 

O río Eo, ao seu paso pola Pontenova, multiplicou por seis o seu caudal habitual en febreiro; en xullo, é tres veces inferior ao normal

Analizando a evolución por comunidades autónomas (ou demarcacións hidrográficas) durante o vixente ano hidrolóxico, o gráfico —que se pode ver arriba— amosa claramente o exceso de auga no inverno, especialmente en febreiro, que levou a que en moitos días dese mes todas as estacións analizadas amosasen unha situación extremadamente húmida, con casos o do río Eo ao seu paso pola Pontenova, que chegou a multiplicar por máis de seis o seu caudal habitual daquela en varias xornadas. Agora, nese mesmo punto, o caudal é máis de tres veces inferior ao normal nestas datas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.