"O cambio climático afecta a todo o sector primario, sendo o da horta un dos que máis está a sufrir as consecuencias", advirte o Sindicato Labrego Galego
Produtores e produtoras agrarias e gandeiras están sempre entre os sectores máis afectados polos efectos do cambio climático. Uns efectos que, cómpre lembralo, non se limtan a un incremento lineal das temperaturas, senón que se traducen en fenómenos meteorolóxicos cada vez máis extremos, dende vagas de calor máis frencuentes e prolongadas, precipitacións de grande intensidade, treboadas con pedrizo, períodos alongados de seca e a proliferación de pragas para os cultivos.
Os exemplos duns e doutros destes fenómenos podemos velos en calquera momento do ano, pero semellan acrecentado nestas últimas semanas, da man de episodios de altas temperaturas que levaron a récords históricos para o mes de xuño en Galicia, ás fortes sarabiadas deste mércores en moitas comarcas e, igualmente, á proliferación do verme soldado nas colleitas de boa parte do país.
“A presenza do verme no millo vai provocar perdas, falamos de perdas que pode que sexan millonarias para as granxas de leite”, advirte Brais Álvarez, que lle reclama á Xunta que actúe "de maneira urxente"
Esta situación, unida á falta de forraxe e á mala calidade deste, levaron esta semana ao Sindicato Labrego Galego a solicitar a convocatoria dunha Mesa do Cambio Climático en Galicia. Así o fixo a través dun comunicado de prensa e farao tamén, de xeito oficial, no pleno do Consello Agrario Galego deste venres. O SLG subliña que "o cambio climático afecta a todo o sector primario, sendo o da horta un dos que máis está a sufrir as consecuencias".
O SLG leva semanas alertando de que este será un verán "especialmente duro para a produción de alimentos" e reclamando "medidas de fondo" para "facer máis resiliente o sector primario en Galiza na loita contra o cambio climático”, segundo destacaba o seu Secretario de Acción Sindical, Brais Álvarez, engadindo que "precisamos dotar de fondos xa ao sector, cos seguros existentes non chegamos".
O Sindicato Labrego Galego solicitou a convocatoria dunha Mesa do Cambio Climático en Galicia
Agora, a praga do verme soldado vén unirse a un conxunto de factores que fan cada vez máis difícil a actividade de produtores e produtoras. “A presenza do verme no millo vai provocar perdas, falamos de perdas que pode que sexan millonarias para as granxas de leite”, advirte Brais Álvarez, que lle reclama á Xunta que actúe "de maneira urxente".
"No verán non só hai festas, concertos, celebracións, onde capturar fotografías nun ambiente festivo. Do outro lado desas imaxes, hai labregas e labregos producindo os alimentos que comemos día a día. Labregas que están desamparadas. É urxente que a Xunta reaccione xa a esta situación e que garanta os recursos e fondos necesarios para cubrir as perdas que están tendo as persoas labregas e as que aínda han de vir", di.
"As labregas e os labregos están recollendo pouca forraxe, e sendo este de peor calidade, o que supón ter menos alimentos para os animais, menos gando, no caso do leite menos litros...", advirte o SLG
Á calor e aos estragos causados polo pedrizo hai que unir o problema -igualmente derivado das altas temperaturas e da seca- da falta de forraxe e da súa mala calidade. "As labregas e os labregos están recollendo pouca forraxe, e sendo este de peor calidade, o que supón ter menos alimentos para os animais, menos gando, no caso do leite menos litros...", advirte o SLG.
“Estamos vivindo as consecuencia dos episodios tan extremos de frío e calor, o que prexudican en grande medida ao sector primario. O frío seca a herba, a calor aínda a seca máis, a auga encharca os prados e non permite facer o traballo, chegan enfermidades, a humidade, temperaturas moi altas.. e isto afecta tanto ás zonas de alta montaña, ás zonas de leite, ao vacún de carne, xa que incide na alimentación e coidados dos animais”, di o Secretario de Acción Sindical, Brais Álvarez.
"Se dentro dunha semana non hai un plan de actuación e unha resposta firma ante esta crise, dende o Sindicato Labrego Galego estableceremos intelocución con outras organización agrarias, e non descartamos saír á rúa para mobilizarnos, porque a situación é crítica”, advirte o SLG
“O sector está desamparado, non temos resposta por parte da Consellería. Se dentro dunha semana non hai un plan de actuación e unha resposta firma ante esta crise, dende o Sindicato Labrego Galego estableceremos intelocución con outras organización agrarias, e non descartamos saír á rúa para mobilizarnos, porque a situación é crítica”, sinala Brais Álvarez. "Porque son moitas as labregas e os labregos que acoden diariamente á nosa organización dando testemuño desta situación crítica. Labregas e labregos ás que nas oficinas agrarias non lles dan ningún tipo de solución e que hoxe e cada día alimentan o mundo", engade.