Poucas horas antes da chegada oficial do verán, a Xunta decretou para este domingo o nivel 3 —alerta vermella, o máximo contemplado— en máis dun cento de concellos galegos por altas temperaturas. Fíxoo tendo en conta os datos enviados este sábado por MeteoSalud e Meteogalicia e para os municipios das zonas isoclimáticas do interior da Coruña, centro e montaña de Lugo, interior de Pontevedra e montaña de Ourense.
O interior da Coruña, Pontevedra e Lugo e as montañas das provincias ourensá e lucense están en alerta vermella por altas temperaturas
Ademais, decrétase tamén o nivel laranxa no noroeste da Coruña, sur de Lugo e Valdeorras, mentres que en nivel amarelo quedan A Mariña ou noroeste, sur e Miño, na provincia ourensá.
As previsións indican que se superarán os 30 graos en boa parte do país, con máximas por riba dos 35 na maioría de municipios do interior de Lugo e da provincia de Ourense e valores semellantes en moitas zonas do interior da Coruña e de Pontevedra.
A crise climática volve bater con forza aínda en xuño debido ás altas presións situadas ao norte da península Ibérica que atraen unha masa de aire moi cálida procedente do norte de África que chega este domingo a Galicia e estará sobre o país ata o mércores, con xornadas extremas nos vindeiros días favorecidas pola combinación desta situación co ceo despexado e moitas horas de sol.
A masa de aire moi cálida procedente de África estará sobre Galicia ata o mércores
Ante estas previsións, a Xunta suspende a actividade deportiva federada e do programa Xogade no exterior das zonas afectadas por alerta vermella e laranxa de 12 a 20 horas. Ademais, as actividades náuticas ou acuáticas non terán restricións nos concellos do litoral afectados pola alerta laranxa, mentres que nos concellos do interior estarán permitidas con recomendación de non realizalas nas horas centrais do día.
Ademais, a Consellería de Sanidade expón varias recomendacións para evitar problemas coa calor, como beber máis líquidos sen esperar a ter sede, evitar comidas copiosas ou suar sombreiro, lentes de sol e cremas protectoras.
Boa parte de Galicia está en situación de risco moi alto por incendio
Os concellos en alerta vermella para este domingo son Ames, Aranga, Arzúa, Baña A, Boimorto, Boqueixón, Brión, Capela, A, Coirós, Curtis, Frades, Irixoa, Melide, Mesia, Monfero, Negreira, Ordes, Oroso, Pino, O, Pontes de García Rodríguez, As, Santa Comba, Santiago de Compostela, Santiso, Sobrado, Somozas, As, Teo, Toques, Tordoia, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra, Vilasantar, no interior da Coruña.
Tamén Abadín, Antas de Ulla, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, O Corgo, Cospeito, Friol, Guitiriz, Guntín, Láncara, Lugo, Meira, Monterroso, Muras, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Paradelaz, O Páramo, A Pastoriza, Pol, Portomarín, Rábade, Riotorto, Sarria, Vilalba e Xermade no interior de Lugo, así como Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín, Samos e Triacastela, na montaña da mesma provincia.
En Ourense os concellos afectados no interior son O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Esgos, A Gudiña, Maceda, Manzaneda, A Mezquita, Montederramo, Parada de Sil, A Pobra de Trives, San Xoán de Río, Riós e A Teixeira, ademais da Veiga, Viana do Bolo, Vilariño de Conso, Xunqueira de Espadanedo na montaña. Tamén no interior de Pontevedra están en alerta vermella Agolada, O Campo Lameiro, A Caniza, Cerdedo Cotobade, Covelo, Cuntis, Dozón, Estrada, A, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, Moraña, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces.
Ademais de en Galicia, a calor pon en alerta estes días a toda a península Ibérica, activando o "risco extremo" no País Vasco por temperaturas de máis de 40 graos.
A Aemet advirte de nivel laranxa de alerta por fortes tormentas na montaña de Lugo
Por outra banda, a pasada noite, tal e como informa Meteogalicia, máis de 500 raios caeron en Galicia nunha xornada con chuvascos especialmente intensos no norte do país. As treboadas volverán ser protagonistas á tarde segundo as previsións.
De feito, a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) informa dun fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa por tormentas e choivas que afectará a montaña de Lugo desde primeira hora desta tarde. As choivas poderán ser intensas e as treboadas poderán vir acompañadas de sarabia e refachos de vento moi fortes, segundo advirte a Axencia Galega de Emerxencias.
Ademais, na Mariña, centro e sur de Lugo, o nivel de aviso por tormentas e chuvias será amarelo.
En canto ao risco de incendios forestais, e segundo o IPIF (Índice de Perigo de Incendios Forestais) establecido por Aemet, boa parte de Galicia estará este domingo en risco moi alto de lume, unha situación que será extrema na contorna da comarca da Fonsagrada.
Incendios na Mezquita e na Capela
A primeiras horas da mañá deste domingo, a Consellería de Medio Rural informaba xa de dous incendios que superaban as 20 hectáreas, limiar a partir do cal a Xunta comunica a presenza de lume. Os focos rexistráronse no concello ourensán da Mezquita, en Manzalvos, a onde as lapas entraron desde Portugal e xa queimaron 50 hectáreas; e na Capela, no norte da provincia da Coruña, con arredor de 25 arrasadas.
Ademais, quedou extinguido o incendio de Padrón, parroquia de Herbón, que prendeu o pasado día 12 e segundo as últimas estimacións afectou unhas 373,21 hectáreas.