O cambio climático trae a Galicia as 'noites tropicais' asociadas a mal durmir e problemas de saúde

As noites tropicais son algo aínda estraño en Galicia, pero o seu número está a incrementarse nas últimas décadas © Montaxe: Praza.gal

Este venres e sábado -especialmente na noite do venres ao sábado- varias zonas de Galicia rexistrarán o que se coñece como noites tropicais, é dicir, que os termómetros superarán os 20 graos en todo momento, mesmo durante a noite

Volve a calor a Galicia. Ao igual que sucedeu nos últimos días de maio, a entrada dunha masa de aire cálido dende o sur elevará as temperaturas, que chegarán aos 38 graos o sábado en Ourense e que superarán os 30 graos o venres e o sábado en practicamente toda Galicia, novamente rozando -ou superando- os récords de temperatura para o mes de xuño en moitos lugares.

Cando se fala do aumento da calor, adoitan destacarse sobre todo os récords rexistrados nas temperaturas máximas. Valores que superan os 30 graos en lugares onde isto resulta bastante insólito ou que se achegan aos 40 nalgunhas zonas abofé que chaman a atención. E a sensación de calor durante as horas centrais do día é indubidablemente motivo de conversa.

Temperaturas mínimas previstas para o sábado 13 de xuño no centro e sur de Galicia. Chegan as primeiras noites tropicais do ano © Meteogalicia

As noites tropicais adoitaban ser algo moi excepcional en Galicia, limitado a algún día puntual no medio do verán, principalmente nas zonas litorais do centro e do sur. Porén, nos últimos anos cada vez máis días se rexistran valores mínimos que superan os vinte graos

Pero o incremento de temperaturas tamén se sofre polas noites, con efectos que en ocasións son máis molestos (pola dificultade que engade á hora de conciliar o sono ou de ter un sono profundo e reparador). De feito, estudos científicos desenvolvidos nos últimos anos alertan de que o impacto negativo que sobre a saúde ten o aumento das temperaturas -sobre todo para os colectivos máis vulnerables- é mesmo máis importante durante as noites. É dicir, ao igual que o aumento das máximas, debería importarnos o aumento das temperaturas mínimas no verán.

Este venres e sábado -especialmente na noite do venres ao sábado- varias zonas de Galicia rexistrarán o que se coñece como noites tropicais, é dicir, que os termómetros superarán os 20 graos en todo momento, mesmo durante a noite, cando as temperaturas deberían ser máis baixas. Isto sucederá, sobre todo, na cidade de Vigo (21 graos de mínima) e, en xeral, en todas as comarcas litorais, dende a Costa da Morte ao Baixo Miño (Noia-Muros, Barbanza, O Salnés, Pontevedra, O Morrazo...) e tamén no interior de Pontevedra e no val do Miño en Ourense.

Os efectos son máis negativos, por suposto, nas denominadas noites tórridas -estas, si, aínda moi raras en Galicia- nas que as mínimas superan os 25 graos

As noites tropicais adoitaban ser algo moi excepcional en Galicia, limitado a algún día puntual no medio do verán, principalmente nas zonas litorais do centro e do sur. Porén, nos últimos anos cada vez máis días se rexistran valores mínimos que superan os vinte graos. As noites tropicais son xa unha realidade cada vez máis frecuente que moita xente sofre en Galicia, con consecuencias negativas para o descanso e a saúde. Os efectos son máis negativos, por suposto, nas denominadas noites tórridas -estas, si, aínda raras en Galicia- nas que as mínimas superan os 25 graos.

Un estudo liderado desde Galicia polo investigador Dominic Royé presentou as evidencias que relacionan o exceso de calor nocturna cun incremento do risco de mortalidade a nivel global.  “A análise revela que as noites calorosas están asociadas cun incremento de ata un 3% na mortalidade, e que a calor nocturna ten un efecto independente da diurna, polo que precisa de medidas preventivas específicas”, detallaba Royé. O investigador destaba, ademais, que non é necesario que se trate dunha noite tropical porque apenas unhas horas de exceso de temperatura pola noite abondan para incrementar o risco de mortalidade.

Vigo a urbe na que se sofren as noites máis calorosas

O primeiro gráfico amosa os récords de temperatura mínima rexistrados nas sete cidades galegas entre maio e outubro. Os datos amosan que é Vigo a urbe na que se sofren as noites máis calorosas, con récords que superan os vinte graos todos os meses. Na cidade olívica mesmo se chegou a rexistrar unha noite na que os termómetros non baixaron dos 27,5 graos. Lugo é, pola contra, a cidade con noites máis frescas.

Un estudo liderado desde Galicia polo investigador Dominic Royé presentou as evidencias que relacionan o exceso de calor nocturna cun incremento do risco de mortalidade. A calor nocturna ten un efecto independente da diurna, polo que precisa de medidas preventivas específicas

As noites tropicais son aínda, afortunadamente, unha excepción en Galicia. Mesmo en Vigo o número anual de xornadas con mínimas por riba dos vinte graos rolda a decena, con algún ano no que se supera esa cifra, como se pode ver no segundo gráfico. Pero esta realidade está cambiando. 

A investigación liderada por Royé alertaba de que o seu número estaba a crecer en relación ás décadas anteriores, facendo que nas zonas máis calorosas do sur de España -si habituadas ás noites tropicais- estas se impuxeran como norma no verán, rexistrándose moitos casos de noites tórridas. E que no norte da Península, onde as temperaturas nocturnas por riba dos 20 graos eran algo estraño, isto comece a ser algo frecuente nos meses estivais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.