"28 graos en Galicia poden ser peores para a saúde que 37 en Andalucía": a calor xa é un risco vital

39 graos de temperatura no termómetro da Praza de América de Vigo no pasado mes de xuño CC-BY-SA Praza.gal

O Observatorio de Saúde e Cambio Climático do Goberno de España elabora unha guía para comunicar as altas temperaturas, porque a evidencia científica é clara: a calor prexudica seriamente a saúde e, canto mellor nos adaptemos a ela, máis se reduce o seu impacto na saúde pública e máis vidas se salvan

Entre o pasado venres e este luns superáronse en Galicia os valores máximos e mínimos de temperatura. A calor mantívose durante a noite e producíronse noites ecuatoriais (cando o termómetro non baixa dos 25º) e mais noites tropicais (cando a temperatura mantense nos 20º ou máis). "Deuse unha situación de temperaturas moi altas producidas pola entrada dunha masa de aire cálida africana, combinada coa influencia anticiclónica en superficie. Estes factores levaron a que se superasen todos os limiares", explican dende MeteoGalicia

A situación climatolóxica comezou a mellorar no primeiro de xullo na zona norte do país, e xa este mércores chegará á metade sur, onde tamén baixarán as temperaturas. Liberados dos avisos por calor destes días, é tempo de analizar como nos afecta no día a día, se estamos a comprender os riscos e se os comunicamos correctamente. Niso se centra a 'Guía práctica de comunicación. Saúde e calor. Verán 2025' elaborada polo Observatorio de Saúde e Cambio Climático (OSCC) do Goberno de España, porque a evidencia científica é clara: a calor prexudica seriamente a saúde e, canto mellor nos adaptemos a ela, máis se reduce o seu impacto na saúde pública e máis vidas se salvan. 

"Xunto ás políticas públicas para garantir contornas máis frescas e comunidades máis responsables, os hábitos autoprotectores fronte á calor funcionan, pero a súa efectividade depende en gran medida de que a poboación os coñeza, os entenda e poida poñelos en práctica", aseguran no informe. Pois "28º en Galicia poden ser peores para a saúde que 37º en Andalucía" e é precisa unha "coordinación multinivel" entre as administracións estatais, autonómicas e locais para promover "comportamentos adaptativos á calor" no conxunto da sociedade.

Determinación de umbrais de mortalidade por vaga de calor segundo rexións isoclimáticas no Estado español (2024) © ISCIII/Escuela nacional de Sanidad

"As altas temperaturas son a principal vía pola que o cambio climático afecta á saúde da poboación en España", afirma o Observatorio, que recolle como as vagas de calor provocan "un aumento medio do 10% dos ingresos en urxencias, aínda que nalgunhas enfermidades os ingresos chegan a duplicarse". 

Segundo o sistema de Vixilancia da mortalidade diaria en 2022 e 2023 producíronse 4.744 e 3.009 defuncións atribuíbles ao exceso de temperaturas a nivel estatal, respectivamente. "A mortalidade atribuíble á calor é entre 20 e 30 veces superior á mortalidade por unha vaga de calor e, de feito, só o 3% da mortalidade asociada á calor prodúcese por un golpe de calor", sinala a guía do OSCC.

"A mortalidade atribuíble á calor é entre 20 e 30 veces superior á mortalidade por unha vaga de calor e, de feito, só o 3% da mortalidade asociada á calor prodúcese por un golpe de calor"

Aquelas comunidades autónomas nas que tradicionalmente as temperaturas eran máis altas no verán adoitan estar mellor adaptadas á calor por desenvolver unha serie de hábitos (permanencia en espazos máis frescos nas hora de máis calor), de medidas de protección individual (maior presenza de aire acondicionado, persianas, toldos) e deseños urbanísticos (rúas máis estreitas, fontes, zonas de sombra) que reducen os impactos da calor na saúde.

De aí a creación das 'meteozonas' –16 en toda Galicia– por parte do Ministerio de Sanidade, en substitución das provincias, para activar as alertas por calor. Isto contribúe a unha mellora da "cultura da calor", que se leva a cabo con "estratexias comunicativas de alto risco / alta eficacia", que comunican tanto o risco persoal como a eficacia e facilidade dos comportamentos adaptativos que se propoñen. "Comunicar o risco sen comunicar o comportamento adaptativo e a súa eficacia pode ser contraproducente", apunta o Observatorio.

"A mortalidade atribuíble á calor é entre 20 e 30 veces superior á mortalidade por golpe de calor" © OSCC

Para que a comunicación sexa eficaz, é preciso asociar a calor a emocións negativas. "Este factor é especialmente relevante na comunicación para a adaptación á calor xa que o verán e a calor, incluso a calor extrema, adoita ir asociada a emocións positivas como as vacacións, a praia ou o bo tempo", sinala a guía.

Aquelas persoas que máis cren no cambio climático teñen máis probabilidade de adoptar comportamentos autoprotectores fronte ás súas consecuencias. Segundo o Observatorio de Saúde e Cambio Climático, diferentes enquisas indican que os negacionistas son unha minoría no Estado español (entre o 10-20% da poboación), e "a asociación do cambio climático ás vagas de calor pode axudar a adoptar comportamentos adaptativos" nas persoas.

Fan fincapé na importancia de "evitar utilizar imaxes positivas ao falar do impacto da calor na saúde". É dicir: non usar imaxes vacacionais ou de praias cheas

Na guía tamén salientan que "a comunicación adaptativa máis eficaz é a que usa un modelo de alto risco, alta eficacia, alta aceptación". De feito, indican que os principais factores que motivan a xente para adoptar comportamentos autoprotectores son a percepción de que son comportamentos sinxelos, eficaces e usados maioritariamente para afrontar un risco que nos afecta persoalmente".

Neste sentido, fan fincapé na importancia de "evitar utilizar imaxes positivas ao falar do impacto da calor na saúde". É dicir: non usar imaxes vacacionais ou de praias cheas, paseos baixo o sol, xente en terrazas, persoas tomando o sol... Pola contra, propoñen empregar as imaxes negativas para asociar a calor a un risco para a saúde: hospitais, salas de urxencias, persoas indo ao médico, sendo atendidas por servizos sanitarios ou persoas pasando un mal momento ao sol

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.