No que levamos de xullo o sistema de Vixilancia da Mortalidade diaria (MoMo) estima que morreron pola calor unhas 45 persoas en Galicia, a maioría durante a última semana
Despois dunha primavera moi cálida, as altas temperaturas tardaron en chegar a Galicia este verán e só nos últimos dez días de xullo asistimos á primeira vaga de calor da estación, que deixou valores superiores aos 40 graos no interior do país, especialmente na provincia de Ourense e áreas da provincia de Pontevedra. Estas altas temperaturas comezaron a provocar tamén os habituais impactos na saúde, que para as persoas de idade avanzada poden ser moi graves, mesmo fatais.
Dende hai anos o sistema de Vixilancia da Mortalidade diaria (MoMo) xestionado polo Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII), monitoriza os excesos de mortalidade en España, realizando estimacións que comparan os falecementos esperados e os reais e analizando as causas destas desviacións, entre elas as temperaturas.
O MoMo estima que entre o 22 e o 29 de xullo faleceron en Galicia por mor da calor excesiva unhas 33 persoas, practicamente todas elas de máis de 65 anos e por riba de 85 anos a maioría. Trátase do primeiro episodio de altas temperaturas que provoca un efecto tan sinalado na saúde no que levamos de ano, aínda que o sistema de Vixilancia estima que a calor excesiva causou unha ducia de mortes nas primeiras tres semanas de xullo e outras 16 no mes de xuño.
Trátase do primeiro episodio de altas temperaturas que provoca un efecto tan sinalado na saúde no que levamos de ano
As estimacións do MoMo sitúan o pasado ano 2023 como o máis mortíferon por mor da calor excesiva de toda a serie histórica, sobre todo o mes de agosto (166 falecementos por esta causa en Galicia), pero tamén setembro (60) e outubro (75).
As 45 mortes estimadas ata o momento en xullo en Galicia sitúanse en valores semellantes aos rexistrados en anos anteriores, por debaixo dos datos de 2016, 2017, 2020 e 2022 (o máximo da serie, con 137 defuncións), pero por riba dos indicadores de 2015, 2018, 2019 e 2021.
As estimacións do MoMo sitúan o pasado ano 2023 como o máis mortíferon por mor da calor excesiva de toda a serie histórica. Entre maio e outubro do pasado ano estímase que morreron pola calor excesiva en Galicia unhas 390 persoas,
Os primeiros 29 días de xullo provocaron 590 mortes pola calor no conxunto do Estado, das que as defuncións estimadas en Galicia representan o 7,6% do total, valores coherentes co peso da poboación maior do noso país. 403 desas mortes teríanse producido na semana do 22 ao 29 de xullo, a de máis calor de todo o mes.
Entre maio e outubro de 2023 estímase que morreron pola calor excesiva en Galicia unhas 390 persoas, superando o anterior máximo de 235 do ano 2022. No conxunto do Estado tamén se superou amplamente o máximo histórico, chegado a casa oito mil falecementos.
7 de cada 10 mortes son de mulleres e o 63% dos falecementos corresponden a persoas de máis de 85 anos
7 de cada 10 mortes son de mulleres, unha desproporción que en parte se explica pola maior lonxevidade e a maioría de mulleres que, polo tanto, existe entre as persoas de máis de 65 anos e, sobre todo, de 85 anos.
E é que o 95% destes falecementos estimados polas altas temperaturas corresponden a persoas de máis de 65 anos, especialmente as que superan os 85 anos de idade.
No informe completo correspondente ao ano 2022, calculábase que o 63% das mortes tiveran lugar no grupo de idade das persoas de 85 anos ou máis, que segundo os informes do período estival que realiza o MoMo son as máis gravemente afectadas polas anomalías de temperaturas. Outro 22% dos falecementos estimados por esta causa corresponderon a persoas entre 75 e 84 anos e un 9% a persoas entre 65 e 74 anos. Por debaixo desa idade os falcementos ligados ás altas temperaturas foron moito menos numerosos.
No que levamos de ano Pontevedra é a provimcia con máis mortes pola calor, moi por diante da Coruña e Ourense
O MoMo tamén ofrece datos por provincias e sitúa a Pontevedra e A Coruña -os dous territorios máis poboados- como aquelas nas que se producen máis defuncións. Neste ano 2024 é, en todo caso, Pontevedra a que acumula máis mortes pola calor, moi por diante da Coruña e Ourense.
Hai tres anos un estudo coordinado pola Universidade de Berna e a Escola de Hixiene e Medicina Tropical de Londres concluía que un terzo dos falecementos por calor están relacionados co quecemento global
Cada vez son máis as mortes relacionadas coas temperaturas excesivas ligadas ao cambio climático provocado pola acción humana sobre o planeta. Hai tres anos un estudo coordinado pola Universidade de Berna e a Escola de Hixiene e Medicina Tropical de Londres concluía que un terzo dos falecementos por calor están relacionados co quecemento global.
"O incremento da temperatura ten consecuencias", dicía en conversa con Praza.gal o investigador da USC Dominic Royé, e estamos comenzando a velas. O ano pasado foi o máis cálido da Historia.