O investigador da USC Dominic Royé explica que máis de 700 persoas falecen ao ano nas capitais de provincia españolas a causa da calor e do cambio climático
Un terzo dos falecementos por calor están relacionados co quecemento global do planeta, provocado pola acción humana na Terra. Así o demostra un estudo coordinado pola Universidade de Berna e a Escola de Hixiene e Medicina Tropical de Londres, no que participou o investigador da Universidade de Santiago de Compostela Dominic Royé, que cuantifica a contribución do quentamento inducido polos humanos nas mortes relacionadas coa calor en 732 cidades de 43 países desde o ano 1991 ata o 2018. ″É o primeiro estudo a nivel global que analiza cantas mortes relacionadas coa calor son atribuíbles ao cambio climático″, salienta Royé.
No traballo, que vén de publicar a revista especializada Nature Climate Change, identifican a relación real entre temperatura e mortalidade e van máis alá, sendo capaces de establecer o vínculo do 37% destas mortes cos efectos do cambio climático. Coas temperaturas máis baixas hai un punto onde a mortalidade chega a mínimos, o que chaman a zona de confort, pois non existe un aumento da mortalidade a respecto da temperatura, pero a partir de aí prodúcese un crecemento exponencial nas cidades analizadas.
Só estudan os meses cálidos do ano, que non teñen que corresponder exactamente coa estación do verán. E non é posible establecer a partir de cantos graos comezan a producirse os falecementos. Xa que en función do país e do clima, a temperatura mínima de mortalidade pode ser máis alta ou máis baixa, e o aumento pode ser maior ou menor. Pero, en xeral, vése que chega un punto no que o incremento das mortes é exponencial. Con todo, a escala de temperaturas nas que a situación comeza a ser crítica depende do lugar e pode estar preto dos 25º ou pasados os 30º.
"En xeral, canto máis temperatura máis risco existe", sinala Dominic Royé
″É unha cuestión de clima, non só de temperatura. A poboación local está adaptada ao clima da súa zona e por iso pode aguantar mellor certas temperaturas. Iso tamén explica que certas máximas, que levan a riscos moi altos en cidades do norte, non o fan noutras zonas onde as temperaturas son máis altas. Aínda así, en xeral, canto máis temperatura máis risco existe″, explica o xeógrafo da USC.
Este traballo forma parte dunha serie recente de estudos de atribución do cambio climático, no que empregan un modelo que contén todas as emisións producidas polos seres humanos, e outro no que supoñen que non existen esas emisións antropoxénicas. É dicir, eliminan o factor do cambio climático e o seu impacto: ″Quitamos todas as emisións antropoxénicas e deixamos só as naturais, creamos como unha realidade ficticia. E o que comparamos, precisamente, é cantas mortes tería habido sen cambio climático en comparación coa realidade histórica″.
A temperatura da Terra está hoxe un grao por enriba da era pre-industrial
″O resultado non nos sorprende, pois sabemos que existe unha relación entre temperatura e mortalidade″, asegura Dominic Royé. De media, a temperatura da Terra está hoxe un grao por enriba da era pre-industrial. Aínda que con moita heteroxeneidade, como explican neste traballo, xa que en bastantes rexións do planeta a temperatura medrou por enriba dos dous graos e noutras zonas case non experimentaron cambios. España está no primeiro grupo. ″Sabíamos que este incremento de temperatura xa tiña que ter consecuencias″, incide o investigador.
O estudo The burden of heat-related mortality attributable to recent human-induced climate change, indica que en moitos lugares a mortalidade atribuíble ao quentamento global xa é ″da orde de decenas a centos de falecementos cada ano″. En concreto, Dominic Royé apunta que máis de 700 persoas falecen ao ano nas capitais de provincia españolas a causa da calor e do cambio climático. As cifras superan os 170 falecementos en Madrid e achéganse ao centenar en Barcelona, e no caso e Galicia calculan que se producen preto de 20 mortes ao ano por mor do quecemento global.
″España, Italia, Grecia e os países do Mediterráneo en xeral son os máis afectados polo cambio climático. Pero por si mesmos son países que, co efecto do cambio climático ou sen el, teñen unha relación de mortalidade por calor bastante elevada″, explica Royé.
No caso de Galicia, o investigador salienta que a fachada atlántica mitiga moito os efectos do quentamento do planeta, pero o interior do país vése xa ″bastante afectado″. Neste sentido, sinala que ″Ourense é a capital con máis falecidos por 100.000 habitantes por calor atribuídos ao cambio climático″. ″Tanto en Ourense como no interior de Lugo é onde se están a extremar máis as temperaturas″, engade.
″Ourense é a capital con máis falecidos por 100.000 habitantes por calor atribuídos ao cambio climático″, di Royé
Os datos galegos mantéñense moi lonxe das cifras da costa mediterránea e están por debaixo da media estatal. Porén, Dominic Royé insiste en que ″o custo está aí porque calquera cambio xa é un problema″ e lembra que ″Galicia ten unha poboación moi envellecida, a máis sensible á calor″.
″Imos aumentar bastante a temperatura, en 2025 xa podemos alcanzar unha temperatura global de 1,5º por encima do momento pre-industrial, polo que xa non imos cumprir cos obxectivos dos grandes acordos do clima. Agora case nos temos que concentrar en non subir dos 2º a nivel global″, debulla.
″Os achados deste estudo apoian a necesidade urxente de estratexias de mitigación para minimizar os efectos do cambio climático", apunta o investigador
Dominic Royé tamén estivo a cargo da análise dos países latinoamericanos, onde asegura que ″a proporción de mortalidade relacionada coa calor atribuíble ao cambio climático é maior″. ″En Brasil pode chegar a supoñer o 80% dos falecementos por calor, está moi por enriba da media do 37% do global de países analizados″, sinala.
″Os achados deste estudo apoian realmente a necesidade urxente de estratexias de mitigación e adaptación para minimizar os efectos do cambio climático. Ao fin e ao cabo hai que reducir o máximo posible os efectos que imos sufrir, pois o cambio climático xa está en curso. Non é algo que vén, está aí. Hai que actuar″, resalta Royé, quen tamén pon o foco en que as desigualdades da poboación das cidades son parte do contexto deste traballo: ″Está claro que unha persoa con recursos pode poñer aire acondicionado e alguén máis pobre, non″.