"O descenso do caudal dos ríos dende xullo" pola escasa chuvia, "a evaporación de auga pola calor" e o "aumento notable da poboación durante o verán" en concellos "explican o escenario", sinala Medio Ambiente
Dunha vintena a finais de agosto a máis de corenta no inicio de outubro. Un total de 44 concellos nos que residen máis de 800.000 persoas, entre eles as cidades de Vigo e Pontevedra, están dende este 7 de outubro en "prealerta por escaseza moderada de auga".
A Oficina Técnica da Seca, dependente da Consellería de Medio Ambiente, tomou este martes a decisión de estender aos municipios das contornas do río Verdugo, a rías de Vigo e Baiona e a costa de Pontevedra a declaración que xa tiña vixente nos ríos Lérez, Grande e Anllóns. Ademais, no caso de Baiona, a Xunta vai un paso alén e activa "medidas equivalentes a un escenario de alerta".
Na decisión de adoptar esta "medida de precaución", di Medio Ambiente, o Goberno galego atendeu a que á actual escaseza engádese que "as previsións de MeteoGalicia para outubro non sinalan unha clara melloría dende o punto de vista das chuvias". "O descenso do caudal dos ríos detectado dende xullo, debido á ausencia de chuvias e á evaporación de auga pola calor, unido ao aumento notable da poboación durante o verán" en varios destes concellos, moi turísticos, "explican o escenario".
"Teñen unha programación ridícula e queren que Vigo quede sen auga", sostén Abel Caballero
Xunto cun "seguimento intensivo da situación meteorolóxica e dos niveis dos ríos e encoros", a prealerta por seca implica que os concellos deban comunicar a Augas de Galicia "os seus datos diarios de caudais de consumo". Ao tempo, "recoméndase á poboación realizar o uso máis responsable posible da auga", evitando "actividades que xeran máis consumo", caso de encher piscinas ou regar con auga potable. Para os concellos en prealerta, os consellos pasan por "minimizar consumos non esenciais", como baldeo de rúas ou rego de parques.
Todo isto sucede nun contexto no que os encoros da demarcación hidrográfica Galicia-Costa, a de competencia da Xunta, están ao 62,08%. Son máis de 15 puntos menos que á mesma altura do pasado ano e case 7 por baixo da media dos últimos dez, indica a Consellería.
Dende o Concello máis poboado entre os afectados por esta medida, a cidade de Vigo, o seu alcalde reaccionou ao anuncio esixindo á Xunta reducir "inmediatamente o caudal ecolóxico da presa de Eiras". "Estamos nunha situación moi complicada e a Xunta empeóraa. Non só non tomou as medidas que tiña que tomar, non só non quere facer unha segunda presa augas arriba que non dana a ninguén, senón que, ademais, aumenta o caudal ecolóxico porque teñen unha programación absolutamente impensable, ridícula, desastrosamente mala e queren que Vigo quede sen auga", mantén Abel Caballero.