20 concellos mantéñense en prealerta por seca e refórzase a vixilancia noutros 5

Concellos con medidas por escaseza de auga e praia de Ribeira en Baiona CC-BY-SA Praza Pública

A Xunta di que o resto de áreas costeiras de Galicia "seguen en situación de normalidade, cunha ocupación dos encoros do 75,90%, un 4,78% inferior á media dos últimos 10 anos, a pesar da falta de precipitacións"

O pasado 7 de agosto a Oficina Técnica da Seca da Xunta activou a situación de prealerta por escaseza moderada de auga nos sistemas do río Lérez, en Pontevedra, e do río Grande, en Camariñas, e decidiu aplicar medidas equivalentes a un escenario de prealerta, pero sen chegar a declarala, no subsistema de Baiona. En total eran medidas que afectaban a 20 concellos. Este venres, nunha nova reunión, a oficina decidiu manter o mesmo nivel neses concellos e reforzar a vixilancia noutros 5 abastecidos desde o río Anllóns.

A situación de prealerta recomenda aos concellos afectados minimizar os consumos municipais de auga que non sexan esenciais, como baldeo de rúas, rego de parques e duchas nas praias, ademais de pedir á poboación que faga o mesmo coas súas actividades particulares. Esa situación estaba declarada e mantense nos concellos de Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Forcarei, Marín, Meaño, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra e Sanxenxo, no caso da unidade territorial do río Lérez; e Cabana de Bergantiños, Camariñas, Laxe, Muxía, Vimianzo e Zas, pertencentes á conca do río Grande. Ademais, no caso de Baiona, tamén se aplican "medidas equivalentes" sen que se declarase formalmente a prealerta. 

Ademais de manter esa situación, este venres decidiuse "realizar durante as vindeiras semanas un seguimento para ver a evolución da unidade territorial do río Anllóns tras detectar unha baixada no valor do indicador de escaseza". Esa vixilancia afectará aos concellos de Carballo, Coristanco, A Laracha, Malpica de Bergantiños e Ponteceso. 

Reunión da Oficina Técnica da Seca deste venres 22 de agosto CC-BY-SA Ana Varela - Xunta de Galicia

Sanidade reforzará o control da auga de consumo humano nos concellos afectados por incendios

A falta de chuvia, a calor e a presión turística son os principais factores detrás da actual situación, que a Xunta aínda non considera preocupante. Segundo di o Goberno galego, o resto de unidades territoriais da demarcación hidrográfica Galicia- Costa "seguen en situación de normalidade, cunha ocupación actual dos encoros de abastecemento do 75,90%, sendo un 4,78% inferior á ocupación media dos últimos 10 anos, a pesar da falta de precipitacións nas últimas semanas".

Por outra banda, relacionado co consumo humano e os incendios, a Consellería de Sanidade está a elaborar un plan reforzado de control das augas de abastecemento para garantir a súa salubridade nos concellos máis afectados polo lume.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.