Falta de chuvia, calor e presión turística sitúan vinte concellos en prealerta por seca

Praia de Silgar, en Sanxenxo, un dos concellos afectados pola prealerta por seca CC-BY-SA Farrangallo

A Xunta activa a situación de prealerta por escaseza moderada de auga nos sistemas do Lérez e do río Grande e aplica medidas equivalentes en Baiona

A Xunta activou este mércores a situación de prealerta por escaseza moderada de auga nos sistemas do río Lérez, na provincia de Pontevedra, e do río Grande, en Camariñas. Así o acordou a Oficina Técnica da Seca, que non advirte un problema de falta de auga prolongado  en ningunha das bacías da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa pero optou por esta "medida precautoria" en dúas delas. 

A medida, xa que logo, abrangue as bacías do río Lérez e ría de Pontevedra e a do río Grande, ría de Camariñas e Costa da Coruña ata o Anllóns. A maiores, acordouse activar tamén a aplicación de medidas equivalentes a un escenario de prealerta (pero sen chegar a declarala) no subsistema de Baiona.

Reunión da Oficina Técnica da Seca CC-BY-SA Xunta

Segundo explica a Xunta, durante a reunión os técnicos tiveron en conta tanto datos meteorolóxicos —os correspondentes ao mes de xullo e as previsións de cara a agosto—, como a evolución dos caudais circulantes mensuais nos ríos da conca e outros indicadores de seca e escaseza, segundo o protocolo establecido no Plan especial de seca de Galicia-Costa.

A Oficina Técnica da Seca tivo en conta a falta de precipitacións, as elevadas temperaturas e o aumento de poboacion durante o verán nalgúns concellos

Así, constataron un importante descenso do caudal circulante nestes ríos desde mediados do mes pasado, provocado fundamentalmente por unha combinación de falta de precipitacións e elevadas temperaturas, o que incrementa a evaporación da auga. Así mesmo, no caso de Pontevedra e do subsistema de Baiona tamén se valorou o aumento de poboación que experimentan durante o verán os concellos que dependen dos encoros destas zonas.

Por todo o exposto, engade a Xunta, e tendo en conta as previsións meteorolóxicas para a primeira metade de agosto, que anticipan un escenario marcado polas altas presións e o tempo seco, "acordouse decretar a prealerta por seca nas dúas unidades territoriais sinaladas, mentres que no resto se mantén a situación de normalidade".

Segundo os datos que se expuxeron durante a reunión, a ocupación actual dos encoros de abastecemento en Galicia-Costa sitúase no 84,32%, sendo un 7,19% inferior á do ano pasado pero só un 1,74% inferior á ocupación media nos últimos 10 anos.

Implicacións da declaración

A situación de prealerta por escaseza de auga implica a realización dun seguimento intensivo da situación meteorolóxica e os niveis de ríos e encoros dos sistemas afectados da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, así como das posibles incidencias que se detecten. Ademais, prevense medidas de concienciación dirixidas á cidadanía. 

Neste contexto, Augas de Galicia intensificará o labor de control do estado dos sistemas de abastecemento e dos propios ríos. En concreto, os 20 concellos afectados pola prealerta son Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Forcarei, Marín, Meaño, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra e Sanxenxo, no caso da UTE río Lérez; e Cabana de Bergantiños, Camariñas, Laxe, Muxía, Vimianzo e Zas, pertencentes á conca do río Grande. A maiores, tamén se lle comunicará ao concello de Baiona.

Encoro de Pontillón, en Verducido, Pontevedra CC-BY-SA Adrián Estévez

Nestes municipios recoméndase á poboación realizar un uso o máis responsable posible da auga, evitando as actividades que máis consumo xeran, como o enchido de piscinas ou o rego con auga potable así como ter especialmente presentes as boas prácticas no fogar, como ducharse en vez de bañarse, utilizar as funcións eco dos electrodomésticos ou evitar malgastar recursos pechando a billa cando non se estea utilizando. 

Nos 20 municipios afectados, a Xuntarecomenda evitar o enchido de piscinas ou o rego con auga potable, ademais de ducharse en lugar de bañarse

A Oficina Técnica da Seca tamén recomenda aos concellos afectados pola prealerta que minimicen os consumos municipais de auga que non sexan esenciais, como o baldeo de rúas, o rego de parques e xardíns ou as duchas de auga potable das praias. Nesta liña, e tal e como establece o Plan especial de seca da Demarcación Galicia-Costa, o organismo hidráulico informou esta mañá por escrito da declaración de prealerta aos alcaldes dos municipios incluídos nas unidades territoriais do Lérez e do río Grande, así como ao de Baiona, onde se acordou aplicar medidas equivalentes.

O organismo hidráulico autonómico tamén traslada nesta comunicación aos concellos as medidas que propón adoptar neste estado de prealerta, entre as que que se inclúe o incremento da frecuencia do control e vixilancia dos indicadores e o intercambio e actualización de información da evolución dos caudais.  estivo presidida por 

A reunión da Oficina Técnica da Seca estivo presidida, vía telemática, polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández, e que contou tamén coa participación do xerente do organismo hidráulico, Gonzalo Mosqueira, e doutros cargos directivos, así como de representantes de Protección Civil, de MeteoGalicia e das Consellerías de Sanidade e Medio Rural.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.