Galicia rexistra 123 mortes atribuíbles á calor dende o 1 de xuño, o 14% das producidas no Estado

Mortes pola calor © Montaxe: Praza.gal Imaxe: Pexels

Dende o 1 de xuño producíronse en Galicia 123 mortes atribuíbles á calor, o que a converte na comunidade autónoma con máis falecementos ligados a esta causa

"28 graos en Galicia poden ser peores para a saúde que 37 en Andalucía". Hai unhas semanas a 'Guía práctica de comunicación. Saúde e calor. Verán 2025' elaborada polo Observatorio de Saúde e Cambio Climático era moi clara á hora á hora de alertar dos riscos que para a saúde poden ter as altas temperaturas, destacando ademais que a calor excesiva é "a principal vía pola que o cambio climático afecta á saúde da poboación en España".

Cando estamos a superar a primeira vaga de calor deste verán, que deixou récords de temperatura para o mes de xuño en moitos lugares, tamén en Galicia, vimos de coñecer a estimación de mortes atribuíbles á calor durante as primeiras semanas do verán realizada polo sistema de Vixilancia da Mortalidade diaria (MoMo) xestionado polo Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII). Esta ferramenta monitoriza os excesos de mortalidade en España, realizando estimacións que comparan os falecementos esperados e os reais e analizando as causas destas desviacións, entre elas as temperaturas.

As cifras supoñen que máis do 14% mortes atribuíbles á calor dende o 1 de xuño no conxunto do Estado producíronse en Galicia

MoMo alerta de que dende o 1 de xuño produciuse en Galicia un exceso de mortalidade atribuíble ás altas temperaturas dunhas 123 defuncións, o que a converte na segunda comunidade autónoma con máis falecementos ligados a esta causa, despois de Cataluña (195 mortes). Madrid (107), Andalucía (93) ou a Comunidade Valenciana (73) presentan cifras inferiores, mesmo a pesar de contar con menos poboación e de rexistrar, ademais, temperaturas máis elevadas.

As cifras supoñen que case máis do 14% das mortes atribuíbles á calor dende o 1 de xuño producíronse en Galicia. Cómpre aclarar que só unha parte destas mortes notifícanse como directamente causadas polas altas temperaturas (por exemplo os golpes de calor). Porén, o efecto negativo das altas temperaturas, sobre todo cando estas se estenden no tempo, provocan un debilitamento da saúde, especialmente en persoas de idade avanzada ou aqueixadas por outras patoloxías.

A propia guía do OSCC destaca que "a mortalidade atribuíble á calor é entre 20 e 30 veces superior á mortalidade por unha vaga de calor e, de feito, só o 3% da mortalidade asociada á calor prodúcese por un golpe de calor". De igual xeito, destácase que as vagas de calor provocan "un aumento medio do 10% dos ingresos en urxencias, aínda que nalgunhas enfermidades os ingresos chegan a duplicarse". 

Unha maioría das mortes corresponderon a mulleres (83) e sobre todo a persoas de idade avanzada

Segundo as estimacións do Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII), das 98 mortes atribuíbles á calor producidas en Galicia nas últimas cinco semanas, unha maioría corresponderon a mulleres (83) e sobre todo a persoas de idade avanzada, pois 78 foron de maiores de 85 anos. Por provincias, A Coruña foi a máis afectada (41), seguida de Pontevedra (35), Lugo (23) e Ourense (23).

Os territorios nos que tradicionalmente as temperaturas eran máis altas no verán adoitan estar mellor adaptadas á calor por desenvolver unha serie de hábitos (permanencia en espazos máis frescos nas hora de máis calor), de medidas de protección individual (maior presenza de aire acondicionado, persianas, toldos) e deseños urbanísticos (rúas máis estreitas, fontes, zonas de sombra) que reducen os impactos da calor na saúde.

Ata agora en Galicia o verán con efectos máis negativos á saúde por mor da calor foi o 2023, con 317 falecementos

O impacto das altas temperaturas sobre a saúde non é unha novidade. O ISCIII vén monitorizando os efectos da calar sobre a mortalidade da poboación dende hai unha década. Nestes dez anos houbo períodos estivais (medidos dende o 15 de maio e o 30 de setembro) especialmente prexudiciais, coma o do ano 2022, cando se calcula que a calor provocou a morte de case cinco mil persoas en todo o Estado (235). En Galicia o ano con efectos máis negativos foi o 2023, con 317 falecementos.

Neste ano 2025 dende o pasado 15 de maio as mortes atribuíbles á calor rexistradas en Galicia representan o 18,3% das producidas no conxunto do Estado, unha porcentaxe moi superior ao peso da poboación galega sobre o total (o 5,5%) e tamén ás proporcións rexistradas nos últimos anos, cando as mortes galegas supuxeron entre o 5% e o 11% do total.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.