O Goberno galego publicita Galicia como 'Refuxio Climático': "a temperatura media medra 0,2 graos anuais fronte aos 0,25 estatais"
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, presentaron este xoves na feira de turismo Fitur en Madrid a marca Galicia Refuxio Climático. Fixérono con argumentos que presentan o quecemento global como unha oportunidade para Galicia en comparación con outros territorios xa que entre outras cuestións "nos últimos anos a temperatura media anual en Galicia incrementouse a un ritmo notablemente inferior ao do resto do país, cunha suba de 0,2 graos anuais fronte aos 0,25 graos rexistrados a nivel nacional".
"Somos uns privilexiados", dixo en Fitur a conselleira de Medio Ambiente, que presentou a marca Galicia Refuxio Climático con "vocación de futuro" e para consolidar a imaxe dun territorio "verde e azul" cunha meteoroloxía "benigna e amable".
Nos últimos tempos a Xunta, con escaso persoal nese eido, vén sumándose a discursos contra medidas da UE para atallar o cambio climático, que xa se comeza a notar en Galicia con vagas de calor máis longas, condicións máis favorables para incendios ou aumento do nivel do mar.
O Goberno galego instala en Fitur "unha reprodución a pequena escala dun bosque galego" na que non está presente o eucalipto e salienta que o quecemento global ten no país "un ritmo notablemente inferior"
Por outra banda, para a presentación en Fitur a Xunta instalou no seu expositor "unha reprodución a pequena escala dun bosque galego con algunhas das principais especies vexetais existentes nas catro provincias". Porén, entre elas non se atopa o eucalipto, malia que ocupa máis dunha cuarta parte da superficie arborada do país.
Segundo a Xunta, o bosque instalado en Fitur "ofrece a oportunidade de somerxerse, a través dunha experiencia multisensorial, nun bosque coas cores, sons e mesmo olores dun ecosistema moi representativo da comunidade".