O pasado mes de outubro Compostela acolleu o Congreso Internacional da Asociación Española de Climatoloxía, unha cita que vén de publicar as súas conclusións, que alertan do importante incremento da temperatura media no Estado española nas últimas décadas. Segundo os datos rexistrados pola Axencia Estatal de Meteoroloxía, entre os períodos 1960-1990 e 1990-2020 as temperaturas máximas medias anuais incrementáronse 0,75º, e as mínimas en 0,73º.
“En Galicia espéranse períodos de seca máis dilatados no tempo, vagas de calor máis longas e intensas, precipitacións concentradas en menos días ao ano e condicións máis favorables para os incendios”, advirten Royé e Martí
Dominic Royé e Alberto Martí Ezpeleta, profesores da USC, explican que “os maiores aumentos producíronse na metade oriental peninsular, na área mediterránea, o cal podería deberse ao efecto de quecemento do Mediterráneo que repercute nas temperaturas das rexións próximas". "A influencia do océano Atlántico, con temperaturas superficiais máis frías, parece atenuar a magnitude do incremento térmico nas áreas máis próximas a este océano”, engaden.
Porén, tamén Galicia está a sufrir xa os efectos do cambio climático. “En Galicia espéranse períodos de seca máis dilatados no tempo, vagas de calor máis longas e intensas, precipitacións concentradas en menos días ao ano e condicións máis favorables para os incendios”, advirten Royé e Martí.
As áreas do interior de Lugo e Ourense poderían ser máis susceptibles a estes cambios
Cun aumento da temperatura media de 1,5 graos, o incremento de días con perigo alto e extremo de incendios en Galicia sería de 5 a 10; e cun ascenso térmico de dous graos, o número de días con perigo alto e extremo aumentaría de 10 a 20 días. As áreas do interior de Lugo e Ourense, comentan, poderían ser máis susceptibles a estes cambios. Nesta entrevista Alberto Martí alertaba que "de manterse as tendencias, nuns anos o clima de Santiago será coma o de Ourense, e o de Ourense coma o de Sevilla"
Este verán España rexistrou unha media de 19 días de vaga de calor, cando no período 1960-1990 a media era tan só de 1,7 días. Polo tanto, este ano o número de días de vaga de calor multiplicouse pode dez
Os docentes poñen como exemplo o verán deste ano 2022 que acabamos de vivir, unha estación con rexistros extremos que se poden converter en habituais a partir de agora. Nestes tres meses España rexistrou unha media de 19 días de vaga de calor, cando no período 1960-1990 a media era tan só de 1,7 días. Polo tanto, este ano o número de días de vaga de calor multiplicouse pode dez. “Rexistráronse valores térmicos excepcionais e anómalos dende o mes de maio ata o mes de outubro. Superáronse os récords históricos (diarios e mensuais) en varios meses de 2022 e en moitos lugares de España e Europa. O vivido este verán é un síntoma do cambio climático", explican.
Nos últimos anos distintos estudos están a constatar a evolución que xa se vén rexistrando no clima de Galicia. Por exemplo, en Compostela os días de verán (xornadas nas que se superan os 25 graos) duplicáronse dende 1950, pasando de 30 a 65; de igual xeito, o primeiro día de calor chegaba moito máis tarde (a finais de maio) que agora (a mediados de abril) e os outonos eran moito máis fríos. Un informe do meteorólogo César Rodríguez Ballesteros subliña que cada década que pasa os veráns duran entre 12 e 15 días máis en Galicia.
Comparado co período 1981-2010, no sur de España, cun incremento do 3º de temperatura, o descenso das precipitacións totais sería superior ao 15%; e en Galicia o descenso podería situarse ao redor do 10%
Ademais, nos vindeiros anos prevese que diminúan as precipitacións, especialmente no sur de Europa. Comparado co período 1981-2010, no sur de España, cun incremento do 3º de temperatura, o descenso das precipitacións totais sería superior ao 15%; e en Galicia o descenso podería situarse ao redor do 10%. Haberá menos chuvia, pero máis concentrada, con fenómenos de precipitacións intensas, tanto no Mediterráneo, en forma de DANAS coma no litoral atlántico, cun aumento da actividade ciclónica na conca do Atlántico norte. Nesta entrevista Dominic Royé facía un chamamento a mudar a xestión da auga ante a nova realidade de chuvias concentradas e de temperaturas máis elevadas.
"Xa vivimos nos efectos do cambio climático e os modelos indícannos que a situación vai empeorar nas próximas décadas”, alertan
Dominic Royé e Alberto Martí advirten de que "xa vivimos nos efectos do cambio climático e os modelos indícannos que a situación vai empeorar nas próximas décadas”. Royé e Martí fan fincapé en que nos atopamos "nun período de emerxencia climática no que é necesario actuar canto antes” e subliñan que “a actual década é fundamental para tomar con urxencia medidas de mitigación” que contribúan a que nos vindeiros anos non se supere o aumento da temperatura media global de entre 1,5º e 2º acordado no cumio de París. De non acadar ese obxectivo, advirten, “os efectos serían catastróficos para a saúde, a economía e os sistemas naturais”.
O Congreso avogou pola posta en marcha de medidas que loiten contra os fenómenos de "illas de calor" que se dan nas cidades
O Congreso avogou pola posta en marcha de medidas que loiten contra os fenómenos de "illas de calor" que se dan nas cidades, onde os efectos das vagas de calor son máis negativos que nas zonas rurais. Na actualidade máis de 700 persoas falecen ao ano nas capitais de provincia españolas a causa da calor e do cambio climático. “Entre outras poderían incluírse a reforestación urbana —o que favorecería o descenso da temperatura, mellor calidade do aire e captura de CO2—, a utilización de materiais que reflictan unha maior porcentaxe de enerxía solar, ou as azoteas verdes, que diminúan considerablemente a temperatura a través da evapotranspiración”, subliñan as conclusións do congreso.