Os días de verán duplicáronse en Compostela dende 1950

Primeiro día 'de verán' en Compostela © USC

Santiago de Compostela, 1950. A cidade tiña máis ou menos 30 días que superaban os 25 graos de temperatura máxima. A primeira xornada de verán chegaba a finais de maio. O 16 de novembro chegaban as primeiras xeadas e ao longo do ano había máis de 20 días de xeada. Os máis vellos do lugar lémbranse ben e non están errados cando falan de que agora os invernos "xa non son o que eran" ou de que os veráns eran moi diferentes.

E é que 65 anos despois a realidade do clima en Compostela é moi distinta, segundo amosan as estatísticas: os anos teñen ao redor de 65 días de calor e os veráns comezan moito antes, de xeito que xa a mediados de abril podemos ter máximas por riba dos 25 graos. De igual xeito, as xeadas son moito menos frecuentes (14 días por ano) e chegan máis tarde (ao redor do 1 de decembro). Os outonos, así mesmo, tardan moito máis en chegar, rexistrándose nesta estación cada vez máis días de temperaturas elevadas. Así, incrementáronse os días con anomalías térmicas positivas, pasando dunha media de 15 días calorosos nos outonos dos anos 50 e 60 en Santiago ata os 20 ou 25 días de media nos últimos anos.

A todas estas conclusións chegaron os xeógrafos da USC Alberto Martí e Dominic Royé, que veñen de publicar un estudo que a través da análise de diferentes indicadores evidencia os efectos do cambio climático en Galicia. Martí e Royé destacan que o cambio máis salientable prodúcese nas temperaturas e no número total de días de calor (por riba de 25 graos) cada verán. Dende 1950 cada ano rexistra cinco días máis por riba desta temperatura, de xeito que a cifra total máis que se duplicou dende entón. Os investigadores advirten que neste ano 2017 o rexistro será aínda máis elevado, o que amosa a continuidade desta tendencia.

Os dous investigadores, que pertencen ao grupo Geobiomet que integra especialistas en xeografía e medicina e saúde pública das Universidades de Santiago e Cantabria, salientan que estes cambios "teñen unha repercusión directa no benestar e na saúde das persoas, en actividades económicas como a agrogandeira, a forestal ou o turismo, nos recursos hídricos ou no risco de incendios, que se caracterizan pola súa notable sensibilidade ante os cambios do clima".

Neste senso, alertan de que “o aumento das perdas de auga no solo e na vexetación por evapotranspiración pode supor un maior estrés hídrico negativo para as plantas nos períodos que coincidan cunha maior escaseza de precipitacións, ademais de favorecer unhas condicións ambientais que fan aumentar o risco e o período de incendios. Engaden que os efectos si son positivos para o turismo e que a diminución das xeadas e a súa chegada máis serodia modifica o efecto que estas teñen para determinados cultivos. 

Os datos do Informe Climatolóxico de Meteogalicia correspondente a 2016 xa alertaban de que nos últimos 15 anos os indicadores anuais medios para Galicia amosaban un incremento sostido das temperaturas e a existencia -cada vez con máis frecuencia- de anos secos, por debaixo da media habitual de precipitacións.

 

Evolución dos días 'de verán' en Santiago de Compostela (clica para ampliar) © USC
Chegada das primeiras xiadas a Santiago © USC
Días anuais de xiada en Santiago © USC
Anomalías térmicas no outono en Santiago de Compostela © USC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.