A conversa sobre a maternidade é un clamor cando as mulleres empezan a achegarse á década dos trinta, vai das redes sociais ás terrazas, e a conxelación de óvulos é agora o tema máis comentado
As salas de parto teñen mulleres de máis de 40 anos dando a luz a diario nos hospitais galegos. O atraso da maternidade vai moito máis alá da fertilidade e da cuestión sanitaria. É unha cuestión social que vén determinada tamén pola crise da vivenda e polo feito de que cada vez máis hai traballadores e traballadoras pobres, ás que non lles chega o seu salario para facer fronte aos gastos mínimos. Tamén hai, por outra banda, un aumento das mulleres que deciden ser nais soas e acoden ás técnicas de reprodución asistida. Neste contexto, a conversa sobre a maternidade é un clamor cando as mulleres empezan a achegarse á década dos trinta, vai das redes sociais ás terrazas, e a conxelación de óvulos é agora o tema máis comentado.
A preservación de oocitos, como se define en termos clínicos, permite atrasar a maternidade e é unha das apostas do Plan galego de reprodución humana asistida 2024-2028 da Xunta, dotado con 7,84 millóns de euros segundo avanzou en novembro do ano pasado o presidente Rueda, que é un dos seus “compromisos” de lexislatura para“ampliar o número de beneficiarios” dos servizos de reprodución asistida da sanidade pública, tendo en conta que “un 15% das parellas precisan dun tratamento” deste tipo para “ter un fillo”.

Para 2028 a Xunta di que as mulleres entre 30 e 35 anos que queiran preservar oocitos para pospoñer a súa maternidade poderán facelo na sanidade pública. As especialistas indican que "o problema é que ninguén sabe a demanda que vai haber" nin se o Sergas estará capacitado para asumila
Para desenvolver este plan constituiuse o pasado 13 de xuño o Comité clínico de reprodución humana asistida do Sergas, presidido polo director xeral de Asistencia Sanitaria Alfredo Silva Tojo, coa subdirectora xeral de Integración Asistencial e Innovación Alicia Piñeiro Redondo como vicepresidenta, e coa xefa de servizo de Ordenación de Profesionais Sanitarios e Recursos Asistenciais Mercedes Suárez Domínguez como secretaria.
Como vogais, participan as responsables das Unidades de reprodución humana asistida dos hospitais de Santiago, A Coruña e Vigo, as especialistas en Xinecoloxía Marta Veiga González, Ana Aurora Pereda Ríos e Emilia María Ocón Moraleda, respectivamente. Tamén están as responsables dos laboratorios destas unidades: Luis Fernando Pérez Suárez, Mariana García García e Digna Rodríguez Pérez. Ademais da subdirectora xeral de Investimentos do Sergas, Belén Suárez Massó; o xefe de servizo de Selección Temporal, Daniel González Ramos; e Carmen María Louzao García, técnica do servizo de Prestacións e Contratación Asistencial do Sergas.
A facultativa especialista de área de Xinecoloxía da Unidade de reprodución humana asistida do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), Marta Veiga González, advirte de que a reprodución asistida “non vai ser responsable do aumento da natalidade”.
“Entendemos que é unha demanda social ampliar o acceso ás técnicas de reprodución asistida e que por iso se quere chegar aos 45 anos para a fecundación in vitro (FIV), porque a muller cada vez accede máis tarde a un embarazo, con todo o que iso supón. Temos todos os días na unidade mulleres de 38 anos en adiante que non puideron poñerse a intentalo antes”, describe a especialista. Con todo, considera que para facer fronte á crise demográfica cómpren outra serie de medidas que permitan reducir o atraso da idade na que as mulleres poden ser nais.
“Vaise permitir a conxelación de óvulos na sanidade pública a mulleres con patoloxías non oncolóxicas e a aquelas de entre 30 e 35 anos que por motivos persoais, sen necesidade de padecer unha patoloxía, decidan pospoñer a súa maternidade”. Este é o compromiso de lexislatura que anunciou Alfonso Rueda xa na campaña electoral. Pero as expertas que forman parte do comité clínico, as tres directoras das unidades de reprodución asistida que hai en Galicia, advertiron a Consellería de Sanidade de que non o vían “viable”. “Nós pensabamos que só debiamos tratar a mulleres con patoloxías”, explica Veiga sobre a preservación de oocitos, que xa se está facendo en clínicas privadas.

A decisión tomouse en contra do seu criterio ético, que responde principalmente á incógnita sobre a demanda que vai ter o Sergas e se poderán facer fronte a ela. “O problema é que ninguén sabe a demanda que vai haber”, agrega a especialista, que detalla que actualmente se están a realizar uns 2.000 ciclos ao ano de fecundación in vitro en Galicia, e que o Sergas se está a dotar de máis material e persoal. Pero os profesionais aínda están a chegar e teñen un serio problema para atopar embriólogos, que non está resolto.
A dificultade está en que para a conxelación de óvulos hai que realizar o mesmo proceso que para unha FIV, salvo a última parte; de aí a preocupación pola demanda e a capacidade de asumila: “Se temos unhas 3.800 mulleres censadas en Galicia entre os 30 e os 35 anos e a demanda que se estima para a preservación por parte da Xunta é dun 5%, imos ter que aumentar case 200 ciclos máis por unidade, é dicir, moito volume. Pero é que a demanda pode ser do 50%, non o sabemos”, incide Marta Veiga.
A xinecóloga do CHUS adiántase e pensa tamén na demanda en aumento de óvulos de doante, pois resalta que "a partir dos 42 anos non se deben empregar óvulos propios" para unha FIV
En todo caso, as mulleres entre 30 e 35 anos que desexen atrasar a súa maternidade por esta vía terán que cumprir unha serie de requisitos (igual que para as FIV). Por outra banda, Marta Veiga apunta outra dificultade engadida nestes procesos, que é a infraestrutura necesaria para manter eses óvulos vitrificados, que ademais para a lexislación vixente no Estado español teñen a mesma consideración legal que un embrión (un óvulo fecundado) e non que o seme (o seu equivalente masculino). Isto complica a súa xestión e, tamén, as opcións das mulleres que finalmente non teñen que empregar estes óvulos preservados, que son moitas, posto que o retorno das pacientes que conxelan é só do 10%.
Neste sentido, a xinecóloga do CHUS adiántase e pensa tamén na demanda en aumento de óvulos de doante, pois resalta que “a partir dos 42 anos non se deben empregar óvulos propios” para unha FIV. “As clínicas privadas levan moitos anos comprando óvulos, porque hai moi poucas doantes. Cómpranse a bancos, igual que o seme. Pero ao abrir os centros públicos e ao ampliar o rango de idade das pacientes ás que lles ofreces as técnicas de reprodución asistida, hai que ofrecerlles a ovodoación. Por iso a demanda de óvulos agora é tan grande, e vai ser maior”, relata a xinecóloga, que mostra a súa preocupación co que pasará en 2028 cando o plan da Xunta prevé que as mulleres de ata 45 anos poidan acceder ás técnicas de reprodución asistida na sanidade pública.

Unha das ideas que se abordou neste comité clínico recentemente creado é a posibilidade de que as mulleres que conxelan óvulos na sanidade pública e xa non os van poder empregar, teñan a opción de doalos. Así, o Sergas dotaríase de óvulos ‘propios’ para esas mulleres de 40 a 45 anos que aposten por unha FIV para seren nais. De momento, esta é unha das ideas que teñen sobre a mesa e para a que precisarán consultar con especialistas en Dereito e, probablemente, co comité de ética do Sergas.
Segundo o calendario de actuacións do plan, para 2026 porán en marcha a prestación de preservación de oocitos sen indicación médica para mulleres "de 34 a <35 anos (34 anos+364 días)". En 2027 chegará aos 32 anos de idade para realizar esa conxelación de óvulos e para o ano 2028 será cando se incorporen as mulleres a partir dos 30.
"Hai que falar coa mocidade e explicarlles isto: tes que reproducirte antes dos 35 anos porque vimos programadas para iso. Fóra de aí podemos facer filigranas a nivel reprodutivo, pero poucas"
No comité clínico de reprodución asistida tamén poñen o foco na formación, na información e na educación de base. “As mulleres novas teñen que saber que teñen un límite se queren ser nais. Que aínda que aos 40 se sintan estupendas e sexa o mellor momento da súa vida, pois xa están traballando e teñan un salario que lles permita seren independentes, é moi probable que se buscas un embarazo xa non chegues. A tendencia da xente nova é a atrasalo todo porque pensa que hai moito tempo, e son consciente de que hai moitos problemas tanto nas condicións laborais como no acceso á vivenda que non axudan, de que están chegando tarde á situación de benestar”, conta.
“Pero hai que falar coa mocidade e explicarlles isto: tes que reproducirte antes dos 35 anos porque vimos programadas para iso. Fóra de aí podemos facer filigranas a nivel reprodutivo, pero poucas. Na consulta temos pacientes de 40 ás que lles dicimos que cos seus oocitos non van ter un embarazo viable e non saben que iso pasa. Non podemos fallar no básico, igual que facemos educación sexual, temos que falar de educación reprodutiva empezando polos centros de ensino”, argumenta Marta Veiga.