O Instituto Galego de Estatística publicou este venres as cifras poboacionais de referencia correspondentes ao remate do primeiro semestre de 2021. Como xa anticipara o INE hai unhas semanas, a poboación galega sitúase -de forma momentánea- no seu nivel máis baixo dende o ano 1972, con 2.691.213 habitantes, fronte aos 2.696.876 cos que se pechara o ano 2020. Dende xullo de 2020, a caída supera as dez mil persoas. Nos últimos 49 anos (dende o 1 de xaneiro de 1972) nin no mes de xaneiro nin no de xullo se rexistrara unha cifra tan baixa.
Dende 1972 Galicia non rexistraba unha cifra de poboación tan baixa, cunha caída de máis de 10.000 habitantes dende xullo de 2020
As razóns son coñecidas: unha baixa natalidade que leva a que ano se rexistren menos nacementos, o que unido a un número de mortes crecente (debido ao envellecemento da poboación), leva a un saldo vexetativo cada vez máis negativo. No primeiro semestre de 2021 o saldo negativo foi de -9.326 persoas, isto é, a diferenza entre nacementos e defuncións.
A outra explicación para a caída poboacional que se rexistrou entre 2020 e a primeira metade do 2021 está na caída da inmigración procedente de fóra do Estado Español, que nos últimos anos servira para equilibrar o negativo saldo vexetativo. No primeiro semestre de 2021 o saldo migratorio co resto do Estado foi de +2.116 (chegou máis xente da que marchou) e o saldo migratorio co estranxeiro seguiu sendo positivo (+1.620), pero moi lonxe das cifras de 2018 (cun saldo positivo total para todo o ano de +13.015) ou 2019 (+17.857)
A Coruña cae dous mil habitantes máis en seis meses, que se unen aos dous mil que xa perdera en 2020. O mesmo lle sucede a Vigo, cun descenso de máis de 2.500 habitantes en ano e medio
A caída da inmigración estranxeira leva a que se manteñan as tendencias poboacionais negativas nas grandes cidades galegas, iniciadas en 2020 co comezo da pandemia. A Coruña cae dous mil habitantes máis en seis meses, que se unen aos dous mil que xa perdera dende xaneiro e decembro de 2020. O mesmo lle sucede a Vigo, cun descenso de máis de 2.500 habitantes en ano e medio. E, igualmente, Lugo e Ourense viron diminuír a súa poboación en máis de dúas mil persoas dende xaneiro de 2020.
Houbo 7.076 nacementos entre xaneiro e xullo de 2021, por debaixo dos 7.593 do primeiro semestre de 2020
As cifras deste primeiro semestre afondan na crise da natalidade que se vén rexistrando en Galicia nas últimas décadas. Houbo 7.076 nacementos entre xaneiro e xullo de 2021, por debaixo dos 7593 do primeiro semestre de 2020. A cifra de defuncións foi algo inferior á que se rexistrara no ano 2020, pode que polo efecto da COVID nos primeiros meses daquel ano. En todo caso, o saldo vexetativo segue a ser moi negativo e de feito é o máis negativo nun semestre nos últimos anos.