Menos poboación nas cidades e máis nas contornas urbanas e no rural: o cambio de tendencia que provocou a pandemia

Durante o 2020 as cidades galegas perderon un gran número de habitantes, que se trasladaron maioritariamente a concellos da súa contorna CC-BY-SA Alejandro Otero Cortizo

As localidades máis beneficiadas por esta tendencia foron, sobre todo, as situadas nas contornas das sete cidades. Aparentemente, produciuse un desprazamento de poboación dende as sete urbes ata os concellos limítrofes

O INE publicou esta semana as cifras oficiais de poboación dos padróns municipais correspondentes ao 1 de xaneiro do ano 2021. A estatística confirma os datos apuntados anteriormente, que indicaban que ao longo do 2020, marcado pola pandemia de COVID-19, se producira un singular cambio de tendencia con respecto aos anos precedentes: as cidades galegas perderon poboación de forma importante, mentres que os concellos non urbanos melloraban os seus indicadores, mudando anos de despoboamento por un aumento do seu número de residentes en moitos casos. Neses meses cambiaron tamén algúns dos patróns dos habituais movementos migratorios.

As localidades máis beneficiadas por esta tendencia foron, sobre todo, as situadas nas contornas das sete cidades. Aparentemente, produciuse un desprazamento de poboación dende as sete urbes ata os concellos limítrofes, en moitos casos a través do empadroamento en segundas residencias. Haberá que agardar aos datos que se coñecerán nos vindeiros meses para saber se esta tendencia se mantivo ao longo do ano 2021 ou se foi unicamente un movemento puntual e reversible.

A Coruña ou Vigo perderon cinco mil residentes entre as dúas cidades, practicamente todos os que gañaran entre 2018 e 2020

No mapa poden observarse os cambios poboacionais experimentados por cada concello entre o 1 de xaneiro de 2020 e o 1 de xaneiro de 2021. A diferenza do que era habitual nos anos anteriores, as cidades perden poboación, nalgúns casos de forma importante, pois A Coruña ou Vigo perden cinco mil residentes entre as dúas, practicamente todos os que gañaran entre 2018 e 2020. Tamén se reduce de forma importante a poboación de Ourense, Lugo, Pontevedra e Ferrol e só Compostela resiste esta tendencia, cun aumento de 10 habitantes, moi inferior aos 600 novos empadroados que viña sumando nos anos precedentes.

En cambio, moitos concellos rurais que viñan experimentando fortes descensos de poboación nos anos anteriores pasaron a gañar habitantes ou, cando menos, limitaron as perdas poboacionais. Un dato: no ano 2020 un total de 125 concellos incrementaron a súa poboación, fronte aos 86 que o fixeran no 2019 ou os 75 do 2018.

Este cambio de tendencia pode ter salvado a algúns concellos de perderen o nivel dos 5.000 habitantes, de grande importancia orzamentaria e administrativa

Este cambio de tendencia pode ter salvado a algúns concellos de perderen o nivel dos 5.000 habitantes, de grande importancia orzamentaria e administrativa. Así, Neda ou Vedra, que estaban a piques de baixar desa cifra (5.023 e 5.007 habitantes) despois de anos de descensos incrementaron levemente a súa poboación. Tamén A Illa de Arousa, que está un chisco por debaixo dos cinco mil residentes, viu medrar o seu padrón. O mesmo podemos dicir, no nivel dos 10.000 habitantes, de Salvaterra do Miño (pasou de 9.990 a 10.048) ou de Foz (de 10.016 a 10.078)

O meirande cambio foi experimentado polas localidades situadas na contorna das sete cidades. Así, Valdoviño, San Sadurniño ou Cabanas gañaron poboación mentres que Ferrol empeoraba a súa tendencia; tamén foi claro o efecto en Oleiros, Sada, Bergondo, Abegondo ou Carral fronte á Coruña; e o mesmo sucedeu nas contornas de Lugo (Castro de Rei, Friol, O Corgo, Castroverde, Guntín...), Ourense (Amoeiro, Toén, San Cibrao das Viñas, O Pereiro de Aguiar ou Coles) e mesmo Compostela (Trazo ou Vedra).

Nas Rías Baixas, Pontevedra ou Vigo perderon poboación mentres a gañaban moitos concellos do Salnés (Sanxenxo, O Grove, Poio, Meis) ou O Baixo Miño (Mos, Nigrán, Baiona, Oia, Tomiño ou O Rosal).

O mapa resultante é, abofé, moi distinto ao do ano anterior (sobre estas liñas), que reflicte os cambios experimentados ao longo do 2019. Nese ano (e nos anteriores), as cidades gañaran poboación e moitos máis concellos das zonas rurais a perdían.

A Teixeira, Mondariz-Balneario, Valdoviño, Covelo, Petín ou Sobrado foron algunhas das localidades que máis incrementaron o seu número de residentes

Por último, no seguinte cadro pódense observar as diferenzas entre a evolución da poboación durante o pasado ano e nos anos precedentes, concello a concello. A Teixeira, Mondariz-Balneario, Valdoviño, Covelo, Petín ou Sobrado foron algunhas das localidades que máis incrementaron o seu número de residentes, mentres que ata o 1 de xaneiro de 2020 viñan perdendo habitantes en case todos os casos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.