Zonas de baixas emisións por lei nas principais cidades, novas contornas peonís, chamadas a impulsar un transporte público que segue sendo deficiente en moitos puntos do país... E todo, coa descarbonización xa en marcha, a medio camiño entre o obxectivo político-económico e a necesidade polo horizonte de escaseza de combustibles fósiles e a emerxencia climática.
O xeito en que nos movemos dun lugar a outro, tanto dentro de vilas e cidades como en distancias máis longas, leva anos nunhas axendas políticas e gobernamentais agora aceleradas coa pandemia. E, no caso europeo, agora tamén impulsadas con fondos de recuperación para paliar a COVID, nos que a transición ecolóxica é clave e, dentro dela, un novo modelo de mobilidade no que o vehículo privado -cando menos, sobre o papel- debe perder peso.
Galicia chega aos anos clave do reto da mobilidade futura con avances e mesmo exemplos internacionais -o máis recoñecido, a cidade de Pontevedra-, pero tamén con fortes déficits na súa vertebración interna mediante transporte público e, ligado con todo isto, con máis coches ca nunca. Así o acreditan os datos máis recentes da Dirección General de Tráfico (DGT) do Ministerio do Interior, procesados polo Instituto Galego de Estatística (IGE).
Os 1,56 millóns de turismos que estaban inscritos en Galicia en 2019 eran un 40% máis que vinte anos antes, pero tamén un 7% máis que no anterior máximo, antes da crise financeira internacional de 2008
Estes datos, cuxa última actualización corresponde co ano 2019, retratan a situación inmediatamente anterior á pandemia e, daquela, non recollen a contracción do mercado automobilístico ligada á COVID nin o impacto da actual suba xeral dos combustibles. Galicia finalizou aquel ano cun parque móbil composto por máis de dous millóns de vehículos dos que 1,56 millóns eran turismos.
Ese máis de millón e medio de coches supuña un incremento superior ao 40% a respecto dos turismos que estaban inscritos en Galicia apenas vinte anos antes, cando comeza a serie histórica destes datos. Pero tamén case un 7% máis que no anterior máximo, rexistrado no ano 2008, xusto antes da crise financeira internacional.
Outro tipo de vehículos tamén aumentaron a súa presenza no parque móbil galego, pero o seu peso sobre o total é moito menor. É o caso das motos que (excluíndo ciclomotores, non incluídos nesta estatística) son agora case un 200% máis que hai dúas décadas, con algo máis de 253.000 unidades rexistradas en Galicia no ano 2019.
A Coruña, o concello con menos coches por habitante
En Galicia hai moitos coches e van en aumento -cando menos, así sucedía ata xusto antes da pandemia-, pero este fenómeno ten claras diferenzas xeográficas. Estas disparidades é posible cruzalas con outras variables como o avellentamento da poboación e a súa dispersión, así como o acceso a servizos e transporte público ou a proximidade de grandes vías de comunicación.
Os concellos con máis vehículos por habitante concéntranse sobre todo no interior e neles conflúen outras variables como o avellentamento da poboación ou a maior dificultade para o acceso ao transporte público
Así, o concello con menos coches inscritos por cada 100 habitantes era o da Coruña, con 46,32 -dato que cómpre ler, non obstante, tendo en conta a maior proporción de vehículos en municipios da súa área metropolitana encabezados por Oleiros, con case 60-. Xusto na banda contraria están diversos concellos do interior con case tantos coches como habitantes. Encabézaos Avión (95,8 coches por habitante), municipio en que todas as variables sociodemográficas están influídas polo gran peso da emigración, seguido de Portomarín (93,8) e A Pastoriza (90,4).
Como amosa o mapa sobre estas liñas, as maiores concentracións de concellos con maior proporción de coches por habitante atópanse en zonas do interior das provincias de Pontevedra e Ourense e mais cara á montaña de Lugo. Tamén cara ao Eume e Ferrolterra. Mentres, no litoral -agás excepcións, como algúns municipios da Costa da Morte-, a tendencia é un menor número de coches.
Entre as sete principais cidades, alén da Coruña, a seguinte con menos coches inscritos por habitante é Vigo (51,09), seguida de preto por Pontevedra (51,49). Na banda contraria está Ferrol (case 57 coches por cada cen habitantes) e nun punto intermedio están Santiago e Lugo (uns 53 coches por cada cen habitantes) e mais Ourense (algo máis de 52).
Os maiores incrementos en vinte anos
O incremento no número de coches nestas dúas décadas sobre as que hai datos tamén é xeograficamente dispar. En xeral, os municipios onde máis aumentou porcentualmente o número de automóbiles neste período atópanse nas contornas dalgunhas das principais cidades, das que absorberon importantes continxentes de poboación.
O forte incremento de coches en Burela e na Illa nos últimos vinte anos, superior ao 300%, está ligado a cadansúas segregacións municipais a finais dos 90
Así e todo, os maiores incrementos porcentuais, ambos superiores ao 300%, non teñen que ver estritamente -ou non só- con hábitos de mobilidade. Son os rexistrados en Burela (un 310% máis de coches inscritos en 2019 que en 1999) e na Illa de Arousa (+303%). Naquel 1999, tanto un coma outro municipio levaban pouco tempo sendo concellos independentes (Burela dende 1995 e A Illa, dende 1997). Este efecto na estatística do parque móbil é especialmente significativa no caso burelao, xa que neste mesmo período no concello ao que pertencía, Cervo, caeu o número de coches inscritos case un 20%.
Alén destes dous casos singulares, o resto de municipios que rexistran os maiores incrementos no seu número de coches coinciden en situárense en áreas de influencia de cidades e en seren lugar de residencia de importantes bolsas de poboación que realizan a súa vida diaria nesas urbes e que experimentaron incrementos de poboación notables neste tempo. É o caso de Ames, concello lindeiro con Santiago que en 2019 tiña un 184% máis de coches que vinte anos antes.
Alén dos cambios no mapa municipal, os concellos con maiores incrementos no número de coches nestes vinte anos sitúanse en contornas das cidades, das que absorberon gran número de residentes
Tamén por riba do 100% de incremento no número de coches neste período están Barbadás e O Pereiro de Aguiar, ambos na contorna de Ourense. O mesmo sucede en Oroso, lindeiro con Santiago cara ao norte, en Outeiro de Rei, ao carón de Lugo, ou en Salceda de Caselas, onde tamén inflúe a súa proximidade a Vigo.
Mentres, na banda contraria sitúanse os concellos onde no ano 2019 había menos coches rexistrados que en 1999. Están encabezados por un grupo de concellos do interior das provincias de Pontevedra e Ourense moi marcados pola emigración (Beariz, Avión, A Lama e Boborás). Aínda que por pouco, no escaso grupo de concellos que diminuíron o seu número de coches neste tempo tamén está á cidade de Ourense (-1,15%). En todas as demais aumentaron, onde máis en Lugo (+37%) e onde menos, en Vigo e na Coruña (+13% e +12%, respectivamente).