"Esta crise visibilizou o absurdo e a inxustiza do reparto do espazo que había nas cidades a prol dos coches"

A Coruña avanzou nas últimas semanas na peonalización de rúas © Concello da Coruña

Cidades e grandes vilas puxeron en marcha accións para ampliar o espazo que a cidadanía pode empregar para camiñar, correr ou xogar, poñendo en marcha medidas de peonalización total ou parcial

O coronavirus mudou moitas cousas, entre eles numerosos hábitos de consumo e de mobilidade. Había décadas que non se usaban tan pouco os coches e a súa ausencia revelou o enorme espazo físico que todas as cidades reservan para os vehículos privados de motor, en prexuízo dos peóns ou ciclistas, que se ven obrigados a moverse unicamente por unha estreita franxa de terreo. Unha franxa de terreo que tamén é a do paseo, a do xogo, a do lecer.

O permiso para que as crianzas e -unha semana máis tarde- o conxunto da poboación puidesen saír camiñar ou facer deporte durante unhas horas cada dia devolveu a vida ás rúas baleiras, unhas rúas que foron ocupadas de inmediato e de forma masiva polas persoas. A maior parte das cidades e grandes vilas puxeron en marcha nese momento accións para ampliar o espazo que a cidadanía pode empregar para camiñar, correr ou xogar, poñendo en marcha medidas de peonalización total ou parcial (coa reserva dalgúns carrís que antes estaban reservados aos coches). Estas medidas buscan incrementar a comodidade para a realización destas accións, pero sobre todo garantir a seguridade e evitar posibles contaxios. 

Algúns concellos anuncian que estas medidas se poderían manter máis aló do actual estado de alarma

Nalgún casos, os concellos anuncian que estas medidas se poderían manter máis aló do actual estado de alarma, de xeito que algunhas das rúas que están a ser peonalizadas poderían manter esa condición. E, igualmente, nalgunhas vías os coches poden poden ver limitada de forma permanente a súa velocidade máxima a 30 quilómetros por hora e mesmo a 10 quilómetros por hora. En parte, trátase de accións que xa estaban previstas ou que foran previamente estudadas (ás veces mesmo ensaiadas nalgún evento coma a Semana da Mobilidade Sostible), pero foi a actual situación excepcional de epidemia a que deu o empurrón definitivo para levalas a cabo. A necesidade feita virtude, para conseguir unhas cidades máis amables coa persoa, máis habitables, máis seguras e máis limpas. Unha oportunidade que Greenpeace e Ciudades que Caminan chaman a aproveitar.

O Concello de Vigo decidiu a peonalización de numerosas rúas na cidade, sobre todo en fins de semana © Concello de Vigo

Pontevedra, emblema da mobilidade sostible. A Coruña, na boa dirección

"Púxose de manifesto a inxusta repartición do espazo urbano das rúas, acaparadas na súa maioría polo automóbil e con beirarrúas insuficientes"

Este luns Greenpeace publicou un informe que analiza as medidas postas en marcha polas principais cidades do Estado e no que destaca o impulso levado a cabo polas cidades da Coruña, Valladolid, Barcelona e Valencia, con plans de mobilidade "que abranguen unha estratexia integral para mellorar a mobilidade peonil, ciclista e o transporte público a través de peonalizacións completas, novas vías ciclistas e plataformas reservadas para o autobús". "Este tipo de iniciativas, máis aló de desconxestionar temporalmente as rúas máis concorridas, están orientadas a mellorar o modelo de transporte de cara ao futuro", destaca Greenpeace, que destaca a Pontevedra como referente e que tamén sinala os avances que estes días houbo en Lugo e Ourense.

A organización ecoloxista subliña que "desde que o pasado 26 de abril se autorizaron os paseos con menores, púxose de manifesto a inxusta repartición do espazo urbano das rúas, acaparadas na súa maioría polo automóbil e con beirarrúas insuficientes que en ocasións nin sequera permiten cruzarse mantendo o metro e medio aconsellado". O propio Ministerio de Sanidade reclamoulles ás autoridades locais que "faciliten a repartición do espazo público a favor dos que camiñan e dos que van en bicicleta, nesa orde de prioridade".

"É interesante concibir as rúas non como un espazo ríxido, senón como un espazo flexible, que uns días permita unha maior circulación de tráfico rodado e outros días permita un uso moito máis lúdico"

Adrián Fernández, responsable da campaña de Mobilidade de Greenpeace, explica que dende a organización "diferenciamos moito entre as medidas que son temporais, ou que se levan a cabo só en certos días, das medidas permanentes". Explica, iso si, que as medidas temporais "non supoñen un cambio de modelo, pero son moi positivas igualmente, porque pode resultar interesante concibir as rúas non como un espazo ríxido, senón como un espazo flexible, que uns días permita unha maior circulación de tráfico rodado e outros días permita un uso moito máis lúdico". Porén, Greenpeace dálle máis valor ás medidas permanentes "porque si supoñen un cambio de modelo e un cambio no reparto do espazo, como levamos reclamando dende antes desta crise". "Ata agora nós reclamabamos o espazo peonil por algo tan básico e tan importante como ter cidades accesibles, pero agora, esa necesidade de espazo é unha necesidade sanitaria", engade.

Un dos carrís provisionais para peóns habilitado na Coruña © A Coruña

Unha oportunidade "para cambiar a forma en que nos movemos nas cidades e usamos o espazo" 

Fernandez destaca que "estas medidas baseadas na urxencia, sobre todo aquelas consistentes en empregar unha parte do espazo que ata agora era ocupado polos coches, como ampliar beirarrúas ou construír carrís-bici, permítennos visibilizar outras formas de reparto do espazo urbano". "É unha oportunidade para cambiar a forma en que nos movemos nas cidades e a forma na que usamos o espazo" engade. O representante de Greenpeace fai fincapé en que estas medidas "se funcionan, pódense consolidar máis adiante mediante unha obra, e se non funcionan, pódense reverter con facilidade e case sen custo, porque falamos de pintado de rúas ou de colocación de valados ou conos, non falamos de grandes infraestruturas".

"O que está a suceder é un bo exercicio para espertar conciencias, revelando o mal que estaba repartido o espazo, e amosando que hai outros modelos posibles, como o de Pontevedra"

O confinamento e as medidas de distancia social están a cambiar a mentalidade da xente sobre a mobilidade urbana e sobre a forma en que se debe organizar o espazo nas cidades? Para Adrián Fernández, "esta crise visibilizou o absurdo e a inxustiza do reparto do espazo que había nas cidades en favor dos coches". "Unha vez que os coches desapareceron, vimos como nas nosas rúas máis do 80% do espazo estaba destinado a un tráfico que xa non está", di. "E, despois, xuntouse o feito de que cando por fin podemos saír á rúa, non temos espazo nas beirarrúas para poder pasear ou para que xoguen os nenos", engade. 

"O que está a suceder é un bo exercicio para espertar conciencias, revelando o mal que estaba repartido o espazo, e amosando que hai outros modelos posibles, como o demostran moitas cidades, como Pontevedra. Que todo isto se visibilice nos nosos barrios está cambiando a mentalidade da xente", remata, destacando a  dificultade para o cambio de hábitos, que neste caso foron obrigados: "estamos nunhas circunstancias que nos permiten facer modificacións no noso comportamento. A mobilidade está moi ligada ás rutinas: é moi difícil cambiar unha rutina, agás cando hai feitos distorsionantes, como os que estamos a vivir. É unha oportunidade para buscar novas rutinas que poidan ser máis beneficiosas".

Ciudades que Caminan pide "valentía política" aos gobernos locais

"As autoridades locais deberían aproveitar esa predisposición ao cambio de hábitos para introducir modificacións substanciais na súa mobilidade"

Pola súa banda, Ciudades que Caminan (entidade da que forman parte Pontevedra, Ferrol, Carballo, O Carballiño e á que en breve se incorporará A Coruña) publicou hai uns días un memorandum con recomendacións "para unha nova mobilidade urbana" adaptada á crise da Covid-19 e os seus efectos. O documento que destaca que "as autoridades locais deberían aproveitar esa predisposición ao cambio de hábitos para introducir modificacións substanciais na súa mobilidade coa finalidade de facela máis amable coa natureza". Partindo do feito de que as novas condicións de separación interpersoal no obrigan a dispor, cando menos durante un período de tempo seguramente longo, de maior número de metros cadrados de espazo público por habitante, "e necesario tomar medidas que garantan que os desprazamentos peonís se poden levar a cabo en condicións de seguridade, o que pasa necesariamente polo aumento do espazo peonil nas nosas cidades", recomenda a entidade.

A asociación chama a converter o maior número posible de rúas en espazos sen tráfico a motor

A asociación chama a converter o maior número posible de rúas en espazos sen tráfico a motor, limitando o seu uso ao estritamente necesario para o acceso a garaxes, abastecemento comercial e traslado de persoas con mobilidade reducida, coa velocidade limitada a 10 km/h. Así mesmo, crear espazos compartidos con prioridade peonil e máxima velocidade 20 km/h, como regra xeral en todas as rúas dun só carril por sentido de circulación, onde non sexa posible aplicar a recomendación anterior. E, no resto de rúas, aumentar substancialmente a anchura das beirarrúas suprimindo liñas de aparcadoiro e/ou carrís de circulación. Ciudades que Caminan recomenda, igualmente, mellorar o transporte público, favorecer a mobilidade ciclista, ampliar o espazo para a infancia nas rúas e "calmar" e desincentivar o tráfico motorizado. 

En Lugo habilitouse un percorrido peonil na Ronda da Muralla © Concello de Lugo

Ciudades que Caminan pide "valentía política". "Non podemos deixar pasar a oportunidade de reconverternos en algo mellor do que fomos", di

Ana Montalbán, secretaria da entidade, sinala que "as medidas provisionais que se adopten deberían servir como ensaios para convertelas en definitivas, conseguindo así melloras substanciais para o medio ambiente urbano, a mobilidade infantil, o uso da rúa como lugar de sociabilidade, o descenso da violencia viaria e a accesibilidade universal" e fai un chamamento aos gobernos locais a ter "valentía política" para aplicar estas medidas e facelas permanentes, a través da concienciación cidadá e a procura do consenso político. 

"Pode haber concellos que non se decidían a aplicar este tipo de medidas e gañar espazo para o peón, pero este é un momento inmellorable para facelo. E unha vez que se poñen en marcha, normalmente xa non se volven atrás, porque quedan en evidencia as vantaxes dunha cidade con menos coches", subliña, engadindo que "a sensación xeneralizada entre boa parte da poboación é que non se quere volver a esas rúas cheas de ruído e de contaminación". Montalbán fai fincapé "nos beneficios da redución da contaminación, que todos os anos provoca milleiros de mortes en España, sobre todo a persoas con dificultades respiratorias, unha contaminación que deriva en boa medida do tráfico motorizado".

"A sensación xeneralizada entre boa parte da poboación é que non se quere volver a esas rúas cheas de ruído e de contaminación"

"Non podemos deixar pasar a oportunidade de reconverternos en algo mellor do que fomos. Estamos nunha situación na que rachou o taboleiro e isto dános unha oportunidade para repensar como queremos que sexan as nosas cidades. Poden volver ser como eran antes da crise, pero poden ser mellores. Podemos reinventalas", conclúe Montalbán.

Ciudades que Caminan salienta o esforzo que está a realizar A Coruña, que é xunto con Valladolid unha das cidades do Estado que puxo en marcha medidas máis ambiciosas. E subliña, igualmente, o caso de Pontevedra, referente internacional en mobilidade sostible e respecto polo tránsito peonil. "Pontevedra xa tiña todo feito, e está a recoller os froitos do seu bo labor", indica.

A Coruña

A Coruña foi unhas das cidades que presentou unha acción máis ambiciosa, cun Plan de mobilidade que busca dar prioridade ao uso cidadán das rúas como espazos públicos diversos. Por exemplo, estableceuse a zona 10 naquelas rúas dun único carril de circulación durante a franxa horaria de 20.00 a 23.00 horas. Ademais, habilitáronse corredores verdes, acelerouse a peonalización de rúas e levou a cabo un impulso do transporte público, que conta con carrís específicos para o bus e o taxi e con plataformas únicas. 

Algunhas destas medidas, como as peonalizacións das rúas Puga y Parga, Alcalde Marchesi ou Compostela ou a creación dunha senda peonil entre o barrio da Agra do Orzán e o Parque de San Diego xa estaban en marcha ou previstas, pero coincidindo coa actual situación, o Concello apostou por aceleralas. 

O Plan de Mobilidade desenvolverase ata o ano 2023 e permitirá a adhesión da Coruña á Rede de Cidades que Camiñan. A alcaldesa Inés Rey destacou que o obxectivo é "recuperar espazos públicos para que a veciñanza estableza relacións sociais" e “avanzarmos así cara a novos dereitos en que as e os coruñeses desfruten dese contorno urbano”. “Cómpre unha continua migración da mobilidade actual a unha máis branda, cunha mellor eficacia do transporte público que reverta nunha maior conectividade e a creación de itinerarios que faciliten a utilización de vehículos brandos”, destacou a rexedora.

Vigo

Dende este martes Vigo duplica as rúas peonís nos días laborables. O Goberno municipal anunciou que entre as 17 e as 23 horas, 22 rúas máis serán total ou parcialmente peonís todos os días laborable, engadíndose ás máis de vinte que xa o son desde finais da semana pasada. En domingos e festivos, as restricións ao tráfico rodado afectan a unhas 70 rúas. Nas vías peonís permítese aos residentes a circulación rodada a un máximo de 10 quilómetros por hora.

Encontro de Francesco Tonucci con nenos e nenas de Pontevedra © Concello de Pontevedra

Pontevedra

Pontevedra é dende hai anos un referente internacional en materia de mobilidade sostible e de respecto aos peóns. O alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores participou esta fin de semana nunha mesa redonda  sobre as cidades do mañá organizada pola entidade francesa 'la Meute d'amour', un evento que ten por obxectivo repensar o mundo tras a crise sanitaria do Covid-19. A participación do rexedor obedece á proxección que o modelo urbano pontevedrés está tendo a nivel internacional nos últimos anos e que se ve reforzada, a raíz da crise sanitaria do Covid-19, coa busca de referentes en mobilidade sostible e pensada para as persoas que funcionen e estean xa contrastados, como é o caso de Pontevedra.

Este martes, ademais, o pedagogo italiano Francesco Tonucci, un dos referentes internacionais das propostas de mobilidade sostible e de cidades pensadas para as persoas (e non para os coches), especialmente para as crianzas, participou nun encontro telemático con nenos e nenas de Pontevedra, no que interveu tamén o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores.

Lugo

En Lugo a área de Mobilidade do Concello abriu un novo percorrido peonil na ronda da Muralla, pechando o carril interno do vial para habilitar unha nova zona de paseo para peóns de 2.5 Km no centro de Lugo. "Debido á redución de tráfico, o peche do carril interno da Ronda permitirá aumentar espazos para o paseo, facilitando manter a distancia de seguridade, e non producirá conxestións de tráfico”, destaou o concelleiro Rubén Arroxo, que engadiu “durante os primeiros días de saídas controladas, tanto a Muralla como a Ronda foron os percorridos máis utilizados para practicar deporte ou pasear”. Con todo, Arroxo animou a saír a pasear pola periferia da cidade, sinalando que “Lugo conta con moitos espazos verdes, parroquias e barrios dos que se pode desfrutar camiñando e evitando as aglomeracións no centro”.

Senda peonil habilitada en Ferrol © Concello de Ferrol

Compostela

En Santiago, o Concello decidiu a peonalización de varias rúas do Ensanche (Xeneral Pardiñas, Alfredo Brañas e República do Salvador) durante as fins de semana. "Se a experiencia funciona ben –indicou- a vindeira semana engadiríamos outras rúas como Fernando III O Santo ou Santiago de Chile", indicou o alcalde Xosé Sánchez Bugallo.

Ferrol

En Ferrol o Concello habilitou un paseo peonil de oito quilómetros desde a avenida do Mar ata A Malata. A denominada 'Senda 8.000' supón o corte total o parcial do tráfico de vehículos polo seu itinerario, que se pode percorrer a pé sábados e domingos. Ademais, o Goberno local decidiu pechar ao tráfico unha serie de vías, entre elas varias rúas do barrio da Magdalena, no que se creou un perímetro destinado aos viandantes e delimitado polas interseccións de Sol con Carmen, Coruña e Sánchez Barcaiztegui; as de Igrexa con Rubalcava e Concepción Arenal; a de Méndez Núñez con Magdalena, e a de Real con Arce.

Ourense

En Ourense o Concello decidiu a peonalización da rúa San Lázaro e do primeiro treito da rúa Bedoya (ata Maristas) mentres se manteña o estado de alarma. O obxectivo é "dotar á cidade de maior espazo de paseo para a cidadanía".

Peonalización en Ponteareas © Concello de Ponteareas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.