Como sería unha cidade pensada por nenos e nenas?

O primeiro obradoiro celebrouse en Rianxo © La Ciudad del Mañana

Como sería unha vila deseñada realmente polos seus habitantes, nun proceso verdadeiramente participado e que atendese ás necesidades reais da maioría? Como sería unha cidade construída para habitar, pasear, para estar e vivir e non só para ir e vir da casa ao traballo e ao colexio, e do ximnasio ao centro comercial? Como sería unha cidade pensada por nenos e nenas? Son moitos os movementos que veñen reclamando espazos urbanos máis humanos e que tomen como centro os peóns e non os vehículos de motor. Nalgúns casos outórgaselles nesta reflexión un papel protagonista aos nenos e nenas; primeiro porque van ser eles e elas quen habiten no futuro estas cidades e vilas, e segundo porque son eles e elas quen máis ocupan e aproveitan no presente eses espazos: lugares de xogo ou de desprazamento a pé.

Estas reflexións acadaron notoriedade nos últimos anos en Galicia en boa medida da man do psicopedagogo e educador italiano Francesco Tonucci, e da súa obra A cidade dos nenos (dispoñible en galego en Kalandraka), coa cidade de Pontevedra liderando un "cambio de prioridades" que supón pensar na infancia antes que nos coches, con experiencias coma os "Camiños Escolares", postos en marcha tamén por Compostela ou A Coruña.

Tonucci contribúe a difundir o traballo de urbanistas como Aldo van Eyck, que xa nos anos 60 incidía na necesidade de implicar a mocidade no coñecemento, reflexión e deseño dos espazos urbanos, entendendo as cidades tomo taboleiro de xogos para conseguir que as rúas e prazas volvan ser un espazo amable e seguro. "A oportunidade de que o neno descubra o seu propio movemento forma parte da cidade en si; a cidade tamén é un espazo de xogo. O neno utiliza todos os elementos da cidade, todos os obxectos construídos, todas as superficies de por as que pode agatuñar ou rubir. Os nenos saben xogar moi ben con estas cousas, aínda que non teñan permiso para iso", escribía o holandés.

Partindo desta filosofía naceu o pasado ano o proxecto A cidade do mañá, realizado polo estudio coruñés Post Arquitectos e impulsado e financiado pola Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego, co apoio dos concellos nos que se leva a cabo. O obxectivo é "incluír a infancia e adolescencia nos procesos de construción do espazo común, dotándoos das ferramentas necesarias para desenvolver a súa creatividade, co fin de provocar o espertar dunha nova mirada dos espazos nos que habitan". En decembro Rianxo acolleu un primeiro obradoiro, no que durante catro días unha ducia de nenos e nenas realizaron distintas actividades de xogo e reflexión ao redor do espazo urbano. En xullo será a quenda de Bertamiráns (Ames) e Verín, e nos vindeiros meses terá lugar en Milladoiro (Ames) ou Mugardos, entre outras localidades nas que aínda se están decidindo os formatos e datas. 

"Antes tiñamos medo do monte e sentiámonos seguros nas casas, na vila e no barrio. Á volta de poucas décadas cambiou todo e a cidade volveuse fea, gris, hostil, perigosa e monstruosa", escribe Tonucci no comezo de A cidade dos nenos. "O problema é que nos plans urbanísticos nunca se tivo en conta á infancia nin á mocidade. E hai que ter en conta que van ser os habitantes das vilas e cidade do futuro" destaca Sandra González, coordinadora do proxecto A cidade do mañá.

"O problema é que nos plans urbanísticos nunca se tivo en conta á infancia nin á mocidade. E hai que ter en conta que van ser os habitantes das vilas e cidade do futuro" destaca Sandra González

"Búscase estimular unha actitude crítica para que comecen o seu desenvolvemento como unha cidadanía activa", explica. "Partimos da cidade como ferramenta educadora, non neutra, e sobre a que a cidadanía ten dereito ao seu goce, a súa transformación e a que reflicta a súa maneira de entender a vida en comunidade. Consideramos o espazo público como un espazo común de aprendizaxe e construción colectiva dos que normalmente non teñen voz, os nenos e os adolescentes, impulsando o seu dereito a formarse un xuízo propio achega do hábitat no que viven e a poder expresalo", subliña González.

"Queremos que os nenos e nenas se apropien de espazos que lles son vetados a diario, facelos responsables da súa contorna e demostrarlles a súa capacidade transformadora", di. "Se lanzamos estes debates dende a infancia, se os nenos e nenas comezan a pensar sobre a cidade, dentro duns anos teremos adultos formados e conscientes sobre o espazo público, máis participativos, que reclamarán ter voz sobre como se deseñan as súas vilas", engade.

"Na actualidade, os plans urbanísticos en realidade non están resolvendo os problemas da xente e da cidade. Están provocando que cidades e vilas perdan a súa identidade e que todas parezan a mesma. É tempo de pararnos, de reflexionar e de deseñar a cidade do futuro evitando cometer os erros que viñemos cometendo", reclama. "Na actualidade as estratexias de cidade son determinadas pola economía. A cidade non pode ser unha suma de urbanizacións con pequenos espazos públicos no medio, a cidade ten que nacer do espazo público", subliña.

Tamén en Ferrol, os responsables da proposta de peonalización do seu casco histórico levaron a cabo actividades con nenos e nenas, que achegaron tamén as súas propostas para o barrio en forma de debuxos. "Sobre todo querían máis parques, máis árbores, menos coches e máis bicis", dicía a enxeñeira María Ramos Sanz en conversa con Praza. "A min parécenme tamén moi valiosas as súas achegas, porque en realidade estamos deseñando a cidade para eles, para os que veñen", salientaba.

 

Os obradoiros

"Durante eses catro días de decembro apropiámonos de Rianxo, fixémonos donos da vila", destaca Sandra González. A través de xogos nas rúas e prazas, os nenos e nenas participantes reflexionaron sobre como é a súa localidade e pensaron como podería ser. "O primeiro que lles pedíamos era que nos debuxasen que era Rianxo para eles e todos menos un debuxaron as súas casas. Iso confirmou a nosa teoría: que a infancia non vive a cidade, os espazos que ten na súa contorna. Debuxaban caixiñas illadas: a casa, o colexio...  Pero a cidade non a viven. É un ente hostil no que o coche prima sobre todas as cousas e se converte no maior inimigo do neno", explica a arquitecta.

"A cidade non pode ser unha suma de urbanizacións con pequenos espazos públicos no medio, a cidade ten que nacer do espazo público"

Nos futuros obradoiros repetirán a experiencia, pero sempre adaptada a cada localidade. "Cada cidade e vila son distintas. Sempre defendemos a identidade dos lugares, é o que necesitamos recuperar, o que perdemos cos plans urbanísticos. Por isto todos os obradoiros son distintos", di. Os responsables do proxecto reclaman a implicación das administracións para que esta iniciativa se consolide e contribúa a mellorar o coñecemento dos espazos urbanos e a participación da cidadanía no seu deseño. "Necesitamos entender os nosos espazos urbanos, crer neles e querelos. Un sitio que queres non o deformas, non deixas que se perda", conclúe González.

 

Bertamiráns e Verín acollerán as vindeiras actividades desta iniciativa © La Ciudad del Mañana
Nenos e nenas exploraron e fixeron propostas sobre o espazo público © La Ciudad del Mañana
A iniciativa busca promover a participación e o debate sobre a ordenación urbana © La Ciudad del Mañana
Algúns dos e das participantes no primeiro obradoiro © La Ciudad del Mañana
No obradoiro de Rianxo, os nenos e nenas participantes debuxaron o que a vila era para eles e elas © La Ciudad del Mañana
O obxectivo do obradoiro 'A vila do mañá' era repensar o espazo urbano de Rianxo Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.