"Moitos dos descontentos coa peonalización, pasados uns meses cambian de opinión"

Treito peonil no centro de Ferrol CC-BY-SA Praza Pública

"Non somos pioneiros en nada, simplemente queremos que Ferrol avance. Estamos falando de cambiar un modelo de cidade. A peonalización funcionou en todas partes e en ningún caso dos que se levou a cabo deixou de funcionar. Vai ser moi positivo, tanto social como economicamente, e para lograr unha cidade sostible e máis saudable para os seus habitantes. O problema é que imos con moito atraso. Por iso queremos aplicalo canto antes para que se noten os seus efectos". María Fernández Lemos, concelleira de Urbanismo de Ferrol explica a necesidade de poñer en marcha o proceso de peonalización do centro da cidade naval. O Goberno local fixo pública a pasada semana a súa proposta, que entra agora nunha fase de achegas e participación, buscando a mellora e a difusión social dun proxecto que busca fixar poboación e atraer negocios a un Barrio da Magdalena no que catro de cada dez vivendas e locais comerciais están baleiros.

Fernández Lemos destaca que nestes procesos "o primeiro beneficiado é o comercio e a hostalaría e despois sempre se recupera poboación. Ao final o barrio dinamízase e recupérase espazo público". "Pontevedra lévanos 17 anos de vantaxe. Non podemos ser Pontevedra mañá mesmo, temos que ir pouco a pouco, traballando co modesto orzamento que temos, pero que dá para facer bastantes cousas", di.

A concelleira sinala que neste momento, unha vez presentada a proposta do Concello, "imos deixar unhas semanas para que a xente faga as súas achegas. Con iso, elaboraremos un documento definitivo e un calendario de implantación". Con todo, explica, "non hai prazos estipulados, porque dependemos dun orzamento e da aprobación do plan por parte do pleno, onde é necesaria unha maioría simple".

En todo caso, o primeiro paso do proceso vaise dar xa na Praza de Armas, un dos dous espazos abertos do barrio, onde se sitúa a Casa do Concello. En breve comezarán as obras de remodelación da praza, na que desaparecerá un aparcamento subterráneo que, polas súas deficiencias, non podía continuar en uso. Os traballos aproveitaranse para peonalizar as rúas que a rodean, unha demanda que comparte a Asociación de Veciños A Magdalena. "Temos a oportunidade de recuperar ese espazo, suprimindo un aparcamento doutra época que xa non tiña sentido. A recuperación de Armas vai servir como expansión e modelo desa cidade peonil", subliña a edil de Urbanismo.

 

Críticas de comerciantes e veciños

"Falemos do tema. O que se puxo enriba da mesa é unha proposta para comezar a traballar. É só a primeira pedra dun proxecto que debe ser construtivo entre todos"

A proposta do Concello foi recibida, como é habitual en todos os procesos de peonalización, con críticas por parte dun sector dos comerciantes e veciños do barrio. A enxeñeira María Ramos Sanz, experta en sostibilidade urbana, foi a encargada de redactar a proposta de peonalización do barrio, partindo dos estudos e documentos encargados polos anteriores gobernos municipais de PSOE e PP (algúns, de feito, realizados por ela mesma). Destaca que nestas cuestións "a posición da cidadanía é sempre conservadora. Tendemos a ser persoas de costumes e levamos mal os cambios". "Seguramente, de terlle preguntado á xente no seu momento, non se terían feito as Olimpiadas en Barcelona. Ou agora non se tería limitado o tráfico de coches no centro de París. Ás veces os concellos deben dar un paso adiante e apostar polos cambios, buscando o ben común, porque son quen teñen o coñecemento técnico e a capacidade orzamentaria para facelo", di.

"Sempre vai haber xente contenta e xente descontenta con estes procesos. E moitos dos descontentos, unha vez que pasan os meses, cambian de opinión. Os gobernos deben ter frialdade e decatarse de que xogan con tempos distintos", defende Ramos. De igual xeito, Fernández Lemos afirma que "hai que promover un cambio de costumes por parte da poboación, o que sempre custa ao principio. En todas as cidades nas que se puxo en marcha un proceso de peonalización houbo protestas. É algo normal". "O Goberno ten que facer un gran labor de comunicación de cara á cidadanía. En canto implantemos a peonalización, a xente vai ver as súas vantaxes", di.

"Sempre vai haber xente contenta e xente descontenta con estes procesos. E moitos dos descontentos, unha vez que pasan os meses, cambian de opinión. Os gobernos deben ter frialdade e decatarse de que xogan con tempos distintos"

"O que fixemos foi simplemente unha proposta, co obxectivo de que a xente realice achegas", explica María Ramos. "Falemos do tema. O que se puxo enriba da mesa é unha proposta para comezar a traballar. É só a primeira pedra dun proxecto que debe ser construtivo entre todos. Decidamos entre todos se comezamos peonalizando María, ou as transversais, ou Amboaxe, se o facemos todo de golpe, ou se o facemos por fases", di. "No proceso participativo pode haber propostas interesantes. Hai ideas que a min non se me ocorren, porque 70 mil cerebros pensan mellor que un, e a xente achega a súa experiencia de uso", destaca, pero engade que ao final "a planificación urbanística debe ser realizada por expertos".

Ramos destaca igualmente a sesión de participación xa realizada con nenos e nenas da cidade, que achegaron tamén as súas propostas para o barrio en forma de debuxos. "Sobre todo querían máis parques, máis árbores, menos coches e máis bicis", di. "A min parécenme tamén moi valiosas as súas achegas, porque en realidade estamos deseñando a cidade para eles, para os que veñen", salienta.

 

Un barrio para as persoas

Gonzalo Torrente Ballester escribiu que Ferrol é “unha cidade lóxica encravada nunha terra máxica", en referencia ao trazado regular da Magdalena, unha marabilla do deseño urbanístico ilustrado do século XVIII, pioneira en todo o Estado. Neste senso, María Fernández Lemos defende que o barrio "ten unha escala perfecta para levar a cabo unha peonalización" pois "todas as zonas son moi doadamente accesibles dende o perímetro no que si se permite a circulación de coches. É moi fácil chegar a todas partes e aos estacionamentos que a rodean. E tamén ás paradas do autobús, na rúa da Igrexa, cunha distancia máxima entre elas de menos de 300 metros".

María Fernández Lemos defende que o barrio "ten unha escala perfecta para levar a cabo unha peonalización"

En contraposición, María Ramos comenta que, en parte, o problema á hora de peonalizar a Magdalena é precisamente "que ten unha trama xeométrica, a máis antiga realizada en España xunto coa da Barceloneta. E esa trama regular facilita a circulación de vehículos. Se non fose por isto, creo que o centro de Ferrol estaría xa peonalizado". "A maioría dos centros históricos son medievais e o trazado das cidades medievais expulsa directamente o coche, o que facilita as peonalizacións", explica.

 

Debate político

A peonalización do Barrio da Magdalena figuraba nos programas electorais de Ferrol en Común, PSdeG-PSOE e BNG (que mantén a súa aposta). E, de igual xeito, era un dos puntos recollidos no Acordo Programático de Mínimos asinado por socialistas e marea en xuño de 2015 ("remodelación da Praza de Armas e peonalización progresiva do barrio da Magdalena de forma consensuada coa veciñanza, coa habilitación de aparcadoiros periféricos").

Ninguén tivo a valentía política de facelo, pero todos xogaron con este tema. E ao que se atreve, o atacan. Paréceme moi pouco leal coa cidade", di María Ramos

A líder do PSdeG-PSOE na cidade, Beatriz Sestayo, que en setembro decidiu abandonar o grupo de goberno con outros dous edís, mantén neste momento unha posición ambigua con respecto a un proxecto que ata hai uns meses apoiaba con rotundidade. "Este goberno está determinado a seguir os pasos fixados no noso programa electoral e a peonalización é un deses pasos. Cremos que isto é bo para a cidade, entendemos que pode haber obstáculos, pero tamén os houbo na peonalización doutras cidades que hoxe son máis habitables, que é o que aspiramos, e non pensamos que Ferrol sexa unha excepción", afirmaba en novembro de 2015 cando se acordou completar a peonalización da Rúa Real.

"Se non o facemos nós, terá que facelo quen veña despois. Por responsabilidade temos que poñernos en serio con este proxecto", conclúe a concelleira de Urbanismo

Mesmo o PP, cando estivo no Goberno, deu pasos para avanzar na peonalización do centro. Neste senso, María Fernández Lemos destaca que "o proxecto de supermazá para o Barrio da Magdalena foi aprobado en 2013 polo goberno do PP. O único que fixemos agora foi simplificalo, para facelo operativo, porque aquel proxecto tiña un orzamento de 9 millóns de euros que nós non podemos aplicar".

"Isto é algo que perseguiron todos os gobernos que houbo en Ferrol. E agora algúns partidos están utilizando isto para facer un ataque político, cando hai uns anos contratáronme para facer estudos coma este. Ninguén tivo a valentía política de facelo, pero todos xogaron con este tema. E ao que se atreve, atácano. Paréceme moi pouco leal coa cidade", di María Ramos. "Se non o facemos nós, terá que facelo quen veña despois. Por responsabilidade temos que poñernos en serio con este proxecto", conclúe a concelleira de Urbanismo.

 

O Barrio da Magdalena conta cun valioso patrimonio arquitectónico CC-BY-SA Praza Pública
O 40% das vivendas e locais comerciais están abandonados no barrio CC-BY-SA Praza Pública
A reforma da Praza de Armas será o punto de partida para darlle outra cara ao barrio CC-BY-SA Praza Pública
O proxecto busca fixar poboación e atraer comercios e hostalaría CC-BY-SA Praza Pública
Outra das fachadas da Praza de Armas CC-BY-SA Praza Pública
O Teatro Jofre e a Rúa da Igrexa CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.