A cidadanía de Ferrol decidirá sobre a reforma da Praza de Armas

Na Praza de Armas ubícase, dende 1953, a Casa do Concello CC-BY-NC Daniel Fernández

Os e as habitantes de Ferrol poderán participar na definición da reforma da Praza de Armas, un céntrico espazo de sete mil metros cadrados no que dende 1953 se ubica a Casa do Concello. O Goberno municipal vén de abrir un proceso participativo, a través do espazo Ferrol Decide, nunha acción transversal das concellarías de Urbanismo e Participación Cidadá que busca implicar os e as veciñas nas decisións sobre o modelo de cidade.

O obxectivo é procurar "o consenso" e "evitar erros do pasado na planificación urbana como a longamente célebre reforma da Praza de España"

O obxectivo é procurar "o consenso" e "evitar erros do pasado na planificación urbana como a longamente célebre reforma da Praza de España", un proxecto varias veces modificado, cun gran custe económico e un resultado que non deixou satisfeita a boa parte da poboación. "No afán de lograr a cidade que queremos para todos e entre todos, abrimos a participación o proxecto mais importante que temos: a praza de Armas, para tomar o pulso da cidade”, destacou María Fernández Lemos, concelleira de Urbanismo, na presentación da iniciativa. 

Para participar, abonda con rexistrarse na web Ferrol Decide e agardar as instrucións, de cara á creación dunha conta persoal. Álvaro Montes, edil de Participación Cidadá, destacou que na actualidade xa son ao redor de 300 as persoas rexistradas formalmente no proceso para tomar parte activa en todos os proceso participativos do municipio, unha cifra que se incrementará nas vindeiras semanas con esta iniciativa e debate ao redor da reforma da Praza de Armas.

En febreiro o Concello e o COAG asinaron un convenio para a convocatoria dun concurso de proxectos, a nivel de anteproxectos, para a remodelación do espazo

En febreiro o Concello e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) asinaron un convenio para a convocatoria dun concurso de proxectos, a nivel de anteproxectos, para a remodelación do espazo. Poden tomar parte no mesmo tanto arquitectos como enxeñeiros de camiños. O xurado escollerá de 5 a 10 propostas de cara a unha fase final con exposición pública para recadar a opinión dos veciños e veciñas da cidade, antes de anunciar a resolución do concurso, no prazo de dous meses trala exposición "e tendo en conta o sentir da veciñanza", sinala o Goberno municipal. O proxecto gañador ten asociado un premio de 4.000 euros (e dous accésits) como adianto ao encargo do proxecto básico e de execución e dirección de obra. A intención do Goberno é que o 1 de novembro se estea en disposición de iniciar a licitación da obra cun prazo de execución previsto de 12 meses.

Os mecanismos participativos, que se irán ampliando nos vindeiros meses, comezan cun cuestionario que os e as preto de 70 mil habitantes de Ferrol están convidadas a responder

Os mecanismos participativos, que se irán ampliando nos vindeiros meses, comezan cun cuestionario que os e as preto de 70 mil habitantes de Ferrol están convidadas a responder. Pregúntase en primeiro lugar se cren que é "necesario reformar a Praza de Armas" e se esta intervención debe afectar ás rúas colindantes (Real, Terra, Rubalcava e María). Debátese tamén se o Obelisco de Churruca (que ocupou o centro do espazo entre 1812 e 1953, cando foi trasladado aos Xardíns de San Francisco) debería regresar á praza. E se, na reforma, debería ser derrubado o edificio do Concello, inaugurado en 1953, unha decisión que reduciu moito as dimensións da Praza de Armas e rachou coa simetría (en relación coa Praza de Amboaxe) que define o Barrio da Magdalena. De igual xeito, debátese sobre a permanencia ou supresión do aparcamento subterráneo existente na actualidade ou se ese espazo pode ser destinado a usos comerciais ou culturais.

Pregúntase sobre o derrubo da Casa do Concello, a continuidade do actual aparcamento subterráneo ou a recuperación do obelisco que ocupou o centro da preza durante 150 anos

No cuestionario proponse a posibilidade de ampliar a praza, incorporando á reforma un treito da Rúa Real, e tamén se pregunta á cidadanía sobre as actividades que considera que debería acoller o espazo (zona verde, terrazas de hostalería, infantís...) e sobre o uso que actualmente fan da praza (frecuencia das visitas ao lugar) e o medio de transporte empregado para achegarse a ela. Pídese, finalmente, que os e as ferrolás definan como queren que sexa a praza no futuro: verde ou pavimentada, diáfana ou con zonas diferenciadas, soleada ou con espazos de sombra e con árbores ou sen eles.

 

A concelleira de Urbanismo, María Fernández Lemos, e o de Participación, Álvaro Montes © Concello de Ferrol
Na Praza de Armas ubícase, dende 1953, a Casa do Concello CC-BY-NC Daniel Fernández

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.