Ferrol busca reverter coa peonalización a crise poboacional e comercial do seu centro

Estudo dos usos comerciais e de equipamentos no Barrio da Magdalena © Concello de Ferrol

O Barrio da Magdalena, construído no século XVIII e declarado Conxunto Histórico-Artístico en 1983, atravesa dende hai décadas unha profunda crise poboacional e de envellecemento, con milleiros de vivendas baleiras e un tecido comercial en regresión. É, sen dúbida, o lugar de Ferrol no que máis claramente se perciben os efectos da situación que dende os oitenta sofre a cidade. No barrio viven 5.131 persoas, nun espazo de 20 hectáreas, con 3.766 vivendas das que o 40% están baleiras e 944 locais comerciais, dos que o 38% non teñen ocupación.

A diferenza doutros centros históricos galegos, A Magdalena conta con poucas vías peonís, de xeito que o 82% das rúas están abertas ao tráfico rodado. O Goberno ferrolán quere impulsar nesta lexislatura un proceso de peonalización xeral do barrio "participada, flexible nos tempos, ordenada e con alternativas no transporte e no estacionamento" e que sirva para "a revitalización da urbe", o "freo ao deterioro" e como "impulso ao emprego". Ferrol quere seguir así o camiño aberto por cidades como Pontevedra ou Compostela, pioneiras en procesos de peonalización dos seus centros históricos, convertidas en referentes en todo o mundo e cun indubidable éxito e aceptación social, a pesar de que naceron no medio de grandes protestas de grupos de veciños e comerciantes.

No barrio viven 5.131 persoas, nun espazo de 20 hectáreas, con 3.766 vivendas das que o 40% están baleiras e 944 locais comerciais, dos que o 38% non teñen ocupación

"Un barrio peonil, aberto, activo e atractivo é un polo de atracción para asentar novos residentes e novos negocios", destacan dende o Concello de Ferrol, que subliña o obxectivo de "fixar poboación", "frear o deterioro das vivendas baleiras" e "favorecer a ocupación dos baixos comerciais en desuso, coa vontade da de traballar con axilidade administrativa para habilitar -e acadar doutras Administracións- liñas de axudas e subvencións, para favorecer a implantación de novos negocios, que sumen no impulso do pequeno comercio e a hostalaría fronte as grandes superficies do extrarradio".

Ademais de poñer en valor "o trazado urbano racional herdanza da Ilustración e a súa riqueza patrimonial, urbanística e arquitectónica", a peonalización contribuiría a reducir as emisións contaminantes e o ruído, mellorando a calidade de vida e a saúde dos e das residentes e das persoas que se acheguen ao centro histórico.

"Atrasar mais un proceso que é lóxico e natural impediría avanzar cara un modelo de cidade mellor, mais humano, accesible, aberto, moderno, activo e vivo", afirman dende o Goberno ferrolán, que engade que "a pesar das arestas e dúbidas que pode suscitar, a peonalización vai acontecer mais pronto ou mais tarde e require de valentía política e dun traballo previo e progresivo de didáctica".

Na actualidade xa son peonís as rúas Real, Dolores, Galiano, Carme e Manuel de Cal e parte das rúas María e Magdalena. Coa reforma completaríase a peonalización destas últimas dúas vías, e tamén serían peonís Carme, Rubalcaba, Terra, Concepción Arenal, Coruña, Sánchez Barcáiztegui, Méndez Núñez, Gravina e Arce, aproveitando ademais a remodelación da Praza de Armas. O tráfico rodado dentro do barrio limitaríase ás rúas Sol, Igrexa, Lugo e San Diego.

 

Estacionamento

O tráfico rodado dentro do barrio limitaríase ás rúas Sol, Igrexa, Lugo e San Diego

Unha das cuestións que sempre espertan máis debates e conflitos á hora de levar a cabo procesos de peonalización é a do estacionamento dos coches. As algo máis de cinco mil persoas residentes do barrio contan cun total de 1.845 vehículos (o 36% dos veciños e veciñas e o 49% das vivendas teñen coche). Na actualidade, hai 3.344 prazas de estacionamento: 1.006 libres e públicas, entre calzada e superficie e 1.058 privadas (garaxes), ademais doutras 1.279 nos aparcadoiros públicos. Polo tanto os e as visitantes dispoñen dun superavit de 1.499 prazas de aparcamento.

Na proposta realizada polo concello manteríanse as prazas privadas e en aparcamentos públicos, e a redución de prazas na calzada (de 686 a 259) compensaríase coa posta en marcha de novos estacionamentos gratuítos en superficie, que pasarían de sumar 320 prazas a unhas 1.625, incrementando o superavit para visitantes ata as 2.376 prazas. Estes novos estacionamentos distribuiríanse polas marxes do barrio, de xeito que ningún lugar da Magdalena estaría situado a máis de 300 metros dun deles.

 

Proceso participativo

O pasado mércores o Concello de Ferrol celebrou unha asemblea aberta no centro Torrente Ballester para explicar e debater os detalles do proceso de peonalización do barrio. Á xuntanza asistiron máis de 200 persoas, que expuxeron as súas posicións a favor ou en contra das medidas. O alcalde, Jorge Suárez, manifestou o obxectivo do seu Goberno de acadar un "consenso" social sobre este tema, sinalando que a proposta está "aberta" á "suma de propostas". Suárez sinala que o o proceso debe ser "participado por todos os veciños do municipio, os que teñen o centro como punto neurálxico da súa actividade laboral, comercial, escolar ou de ocio, ampliando un círculo no que, necesariamente, deben implicarse residentes, hostaleiros e comerciantes".

A redución de prazas na calzada (de 686 a 259) compensaríase coa posta en marcha de novos estacionamentos gratuítos en superficie, que pasarían de sumar 320 prazas a unhas 1.625

Ademais, dende o pasado venres, os veciños e veciñas que desexen participar no proceso, poden facelo a través dunha urna -situada na entrada da Casa do Concello- na que poden introducir as súas achegas, dúbidas, propostas, suxestións e ideas na mesma. Nese espazo, na mesa de atención a cidadanía, pódense recoller planos do trazado urbano de barrio "para sinalar, de forma gráfica, a cidade que queren". Ademais, foi habilitado un enderezo de correo electrónico co mesmo obxectivo (magdalenapeonil@ferrol.es).

A proposta (da que se pode ler aquí un resumo) parte do traballo desenvolvido na última década polos anteriores executivos locais na Axenda 21 (2006), no Plan de Mobilidade de Ferrol (2009), no Estudo de Viabilidade do Transporte a demanda (2011), no proxecto Supermazás do barrio da Magdalena (2013), no Estudo para a implantación dunha nova rede de bus (2013) e no Proxecto de normalización do mobiliario urbano do barrio da Magdalena (2013).

 

Caixa de correo para achegas e propostas © Concello de Ferrol
Transformacións propostas © Concello de Ferrol
O barrio da Magdalena é un dos principais argumentos da cidade naval no seu obxectivo de ser declarada Patrimonio da Humanidade © Concello de Ferrol
Ferrol é nestes momentos unha das cidades galegas con menos rúas peonís CC-BY-NC-ND Trevor Huxman
Tipo de intervención en cada rúa Dominio Público Concello de Ferrol
Proposta de estacionamento © Concello de Ferrol

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.