Dúas das concelleiras do PSdeG-PSOE seguirán no Goberno de Ferrol

Rosa Méndez © Concello de Ferrol

O Goberno municipal de Ferrol estará apoiado por oito concelleiros e concelleiras: 6 de Ferrol en Común e as dúas edís do PSdeG-PSOE críticas con Beatriz Sestayo. A pesar de que este luns pola noite a Executiva local dos socialistas aprobou a ruptura do pacto de goberno (por 16 votos a favor, unha abstención e un voto en contra), as edís Rosa Méndez e María Fernández Lemos anunciaron este martes que non pasarán ao grupo mixto. 

Este mediodía a concelleira de Medio Rural, Rosa Méndez, comunicou en rolda de prensa que solicitou a arbitraxe dos órganos galegos do PSdeG-PSOE para mediar na crise de goberno xurdida no concello de Ferrol e na propia crise que vive o partido na cidade. Méndez cualificou os feitos como "moi graves, insólitos nos 137 anos de historia do Partido Socialista". “Nós viñemos cun programa pactado e cunhas actuacións para o beneficio de Ferrol, Ferrol é o máis importante”, dixo e salientou que "unha decisión tan seria" non pode quedar "nas mans de tan só tres persoas", en relación aos concelleiros socialistas que decidiron abandonar o Goberno. Este luns o alcalde Jorge Suárez xustificou a retirada dalgunhas competencias a Beatriz Sestayo, Bruno Díaz e Germán Costoya na "falta de confianza" no seu traballo e acusounos de "deslealdade" e de "facer oposición dentro do Goberno".

Méndez destacou que "as equipas funcionan cando os personalismos non se antepoñen ao ben común. Dende o primeiro día dixemos que tanto Ferrol en Común como o PSOE tiñamos un único obxectivo: a cidade e que para levalo a cabo había que traballar de forma coordinada, con lealdade, información fluida e xenerosidade e non en compartimentos estancos”. Na rolda de prensa, a edil foi moi crítica con Beatriz Sestayo e defendeu o traballo realizado por María Fernández Lemos, concelleira de Urbanismo. A intención de Sestayo de cesar a Fernández Lemos abriu este último conflito.

Rosa Méndez © Concello de Ferrol
María Fernández Lemos © Concello de Ferrol

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.