"A rúa é perigosa porque non hai nenos nela, está abandonada"

Tonucci, antes da súa conferencia en Pontevedra © Salón do Libro de Pontevedra

"Antes tiñamos medo do monte" e "sentiámonos seguros nas casas, na vila e no barrio". "Á volta de poucas décadas cambiou todo" e "a cidade volveuse fea, gris, hostil, perigosa e monstruosa". Así comeza A cidade dos nenos, a obra clave do psicopedagogo e educador italiano Francesco Tonucci, xa dispoñible en galego en Kalandraka, que plasma o seu modelo de cidade. Tonucci pasou esta semana por Galicia para compartir o seu pensamento con institucións, estudantes, representantes políticos e co público en xeral e tamén para comprobar sobre o terreo, en Pontevedra, os efectos que trae consigo o "cambio de prioridades": pensar na infancia antes que nos coches, e non ao revés.

En senllas conferencias en Pontevedra e Compostela Tonucci detívose a explicar, cun ton pedagóxico e cun aquel de amable provocación, o que, ao seu xuízo, é o paradigma de "cidade mal feita", ese que xurdiu tras as guerras do século XX e que "está feita para os coches". "Se está feita para os coches non está feita para os nenos, nin para os anciáns, nin para os discapacitados". Isto é tan certo como que a cidade ou, máis concretamente, quen a goberne, "pode elixir pasar de ser para os coches a ser para as persoas". De aí que o seu sexa un proxecto "non educativo, senón político".

Tonucci defende o cambio de "prioridades", que a cidade "elixa pasar de ser para os coches a ser para as persoas"

Tonucci propón unha cidade na que a infancia exerza como cidadanía activa. Pero "se os nenos non poden saír sós da casa non poden ser bos cidadáns, non contribúen a facer a cidade mellor". É aquí onde cómpre atallar o "paradoxo" de que "os pais non lles deixan saír porque a rúa é perigosa", pero "eu creo que a rúa é perigosa porque non hai nenos na rúa, está abandonada". Se as vías urbanas "só serven para que pasen os coches, os coches -evidencia- non coidan a ninguén". No entanto, se o espazo reservado para os automóbiles pasa a ser dos peóns estes "comunican, míranse, piden desculpas se baten entre si...". E "se hai nenos na rúa, fanse cargo deles", convertendo a rúa nun espazo "máis seguro, máis belo e máis vivido".

Dous paraugas en paralelo en cada beirarrúa

Rúa Michelena, no centro de Pontevedra

Lonxe de limitarse á teoría, o proxecto A cidade dos nenos xa é unha realidade total ou parcial en varias urbes do mundo, xa sexa coa coordinación directa de Tonucci, caso de Roma, ou co seu proxecto como base inspiradora, que é o que aconteceu en Pontevedra, a onde o autor chegou tras dez anos de aplicación das súas liñas inspiradoras. Alí, lembra, o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, explicou que a análise comezou para transformar "unha rúa de nove metros con seis metros para os coches, con dous sentidos e un aparcadoiro, e un metro e medio para as beirarrúas". Contando o mobiliario urbano reservaba apenas un metro para os peóns.

"Propoño que á entrada de Pontevedra poña: 'Coidado, os nenos desta cidade van á escola sós e xogan na rúa"

"A cidade convidaba os peóns de Pontevedra a camiñar en fila india", ilustra Tonucci, quen confesa que ficou un chisco abraiado ao coñecer a referencia da transformación, baseada nunha pregunta: "Canto espazo precisan os peóns?". Sobre ela "inventaron unha media que non é convencional, como os metros ou os quilómetros: a medida era dúas persoas cun paraugas aberto". "Encantoume", ri sorrindo. "Os peóns precisaban seis metros e aos coches quedáronlles tres, cun sentido de circulación e sen aparcadoiro". "A cidade cambiou" e paou a "convidar os nenos a iren á escola sen adultos". "Eu -chancea- propóñolle ao alcalde de Pontevedra que ao entrar na cidade poida haber un cartaz que poña: Coidado, os nenos desta cidade van á escola sós e xogan na rúa", sinalou entre aplausos.

Algo que contar ao chegar á escola

"Os deberes non serven para nada"

Esta formulación de Tonucci non ten repercursións unicamente urbanísticas, senón tamén educativas. "Se os nenos non poden saír da casa" tampouco "poden ser bos alumnos" na escola. "Se non viven experiencias propias e interesantes, se non poden vivir a experiencia da aventura, do descubrimento, da marabilla... Non terán nada para levar á escola" ao día seguinte. E iso obsérvase cando mestras e mestres lles lanzan unha pregunta crucial: "Que fixeches onte?". "E din 'nada". "É verdade, non fan nada, non fan nada que mereza ser contado, pasan a tarde con mestres e adestradores" ou "a facer deberes", un "tempo perdido" para Tonucci. "Unha boa escola precisa nenos ceibos, que pasan a tarde a xogar". E neste escenario "os deberes non serven para nada".

"Eu defendo a idea de que os nenos poidan votar"

Unha infancia activa será a que protagonice o segundo eixo do proxecto: "a participación", que non é outra cousa que aplicar a Convención sobre os Dereitos do Neno, que dende comezos dos 90 fai que "os nenos deixen de ser futuros cidadáns" para seren "cidadáns, pequenos, pero cidadáns de pleno dereito". E a súa cidadanía é tal "que eu defendo a idea de que poidan votar", ilustra. E se non votan, cando menos deben participar, toda vez que o artigo 12 da Declaración lles recoñece o dereito "a expresaren a súa opinión libremente en todos os asuntos que lles afecten".

Esta obriga de participación e escoita tornou en "enorme mentira", di Tonucci, xa que "vinte e cinco anos despois non se fixo case nada ao respecto". É por isto que o seu modelo inclúe a creación de Consellos de Nenas e Nenos que, escollidos aleatoriamente entre a infancia de cada cidade, se reunan periodicamente para facer propostas e debater, un traballo de fondo que pretende, en última instancia, que nenas e nenos deixe de "repetir o que pensamos nós", a xente adulta. Un bo traballo neste ámbito permite, por exemplo, que "unha nena dun Consello de Nenos de Rosario" na Arxentina, chegase á seguinte conclusión en público: "A culpa de tódo é dos maiores, hai que lles poñer límites".

O libro de Tonucci en galego, editado por Kalandraka © Kalandraka

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.