De maiores zonas peonís a despachos con máis distancias: cidades galegas para o desconfinamento

Paseantes pola compostelá Praza do Obradoiro no serán deste 2 de maio, primeiro día de desconfinamento CC-BY-NC-SA Praza Pública

Incivismo ou escaseza de espazo? Falta de respecto ás normas do desconfinamento ou bater polas bravas coa realidade de que hai partes das nosas cidades que seguen concibidas para os coches mentres as beirarrúas quedan coas sobras do espazo público? Este 2 de maio, primeiro día no que rexeu o permiso para os paseos na nova fase do desconfinamento polo coronavirus, foron múltiplas as reaccións en cidades galegas a respecto do maior ou menor acomodo da rúa aos desprazamentos respectando a distancia interpersoal para evitar contaxios. Algunhas, de indignación. Outras, de alivio.

Incivismo ou pouco espazo? Obviar as normas ou bater polas bravas coa realidade de que partes das nosas cidades seguen concibidas para os coches?

Alén das sempre parciais experiencias de cadaquén nas saídas á rúa, en varios concellos das cidades galegas anúncianse xa mudanzas para esta nova situación. Dende a ampliación puntual de espazos peonís -o Goberno central ordenou vía BOE favorecer o tránsito a pé ou en bicicleta no desconfinamento- ata a reforma de despachos de atención á cidadanía para que persoal e veciñanza poidan gardar as distancias nese momento alcumado como "nova normalidade". Nalgunhas delas, os seus gobernos locais tamén subliñan a importancia de levar camiño andado en peonalizacións e dotacións con zonas verdes amplas.

Unha das contornas onde se rexistraron aglomeracións puntuais no primeiro día do desconfinamento foi nalgúns puntos do paseo marítimo da Coruña. "Agora, máis ca nunca, é moi importante que sexamos responsables", lembraba este sábado a pé de paseo a alcaldesa da cidade, Inés Rey, quen subliña que o consistorio habilita "doce quilómetros de senda peonil nesta desescalada", o que non é contrario a lembrara  importancia de "respectar as franxas horarias e os dous metros de distancia".

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o xefe de Seguridade do Concello, Carlos García Touriñán, no paseo marítimo este 2 de maio © Concello da Coruña

Máis espazo para camiñar na Coruña e Vigo

Dende este 4 de maio, o Concello coruñés pecha á circulación carrís de vehículos en vías claves da cidade para ampliar o espazo peonil

Entre estas medidas, destacan algunhas que antes da pandemia levarían posiblemente o goberno coruñés ao centro dunha treboada política. Dende este 4 de maio, o Concello vai pechar provisionalmente carrís de circulación en vías clave da cidade para permitir o tránsito peonil por eles. É o caso a rúa Manuel Murguía, na contorna do estadio de Riazor, ou nos Cantóns, ademais de "ampliar a zona peonil dende A Mariña ata a praza de Mina". 

Tamén -avanzou a rexedora "estase a estudar a idea de habilitar un corredor peonil entre a zona de Catro Camiños e o barrio de Matogrande". Algunhas destas medidas para evitar aglomeracións, avanza o Concello, mesmo poderían pasar a ser "definitivas" se "se comproba que o modelo funciona".

Habilitar máis zonas peonís tamén é unha das medidas que xa están a ser aplicadas na maior cidade galega, Vigo. O Concello anunciaba xa esta semana a reapertura de zonas verdes como as de Castrelos ou do Castro para "aumentar o espazo para as persoas e favorecer o mantemento das distancias". 

O Concello de Vigo fai peonís numerosas rúas en domingos e festivos mentres baralla medidas como parcelar as praias

Concretamente, avanzou Abel Caballero, o seu plan pasa por "peonalizar decenas de rúas os domingos e festivos para facilitar a distancia social" dende as 10 da mañá ata as 8 da tarde. Varias rúas en Bouzas, a avenida de Balaídos, varias vías na contorna de Torrecedeira ou rúas céntricas como Policarpo Sanz e varias da área de Urzáiz están afectadas por esta medida. Caballero anticipa que a súa previsión é levar novas peonalizacións máis alá desta primeira fase do desconfinamento mentres, asegura, o consistorio planifica tamén o verán sen desbotar accións como parcelar as praias para garantir a distancia interpersoal cando poidan volver utilizarse.

Proxecto de reforma de instalacións municipais do Concello de Pontevedra -na imaxe, o futuro aspecto da área do Padrón municipal- © Concello de Pontevedra

Camiño andado en Pontevedra

"Humildemente, somos privilexiados; temos a recuperación do espazo público levada a cabo ao longo de dúas décadas", reflexiona o alcalde de Pontevedra

Onde a amplitude das zonas peonís é unha constante en boa parte da cidade dende moito antes de que o coronavirus entrase en escena é en Pontevedra. "Temos o traballo avanzado e temos que dicir, humildemente, que somos uns privilexiados, porque temos unha recuperación de espazo público xa levada a cabo ao longo de dúas décadas", sinala o alcalde pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores, quen esta semana advertía de que as peonalizacións masivas iniciadas dende 1999 permiten agora na cidade non só pasear mantendo as distancias, senón tamén facilitar a reapertura de negocios con terrazas, mesmo ampliando os seus espazos sen atrancar o tránsito peonil.

Así, avanza Lores, o goberno local ve con bos ollos "ampliar de forma excepcional" o espazo de veladores e terrazas para "facilitar a actividade económica de hostalaría e comercio" sempre que "se poidan cumprir as condicións de seguridade" para o persoal e promover que a veciñanza poida "gozar tanto do espazo público como das actividades de esparcimento" nestes locais. 

Mentres, o Concello pontevedrés avanzaba tamén esta semana a "reformulación" de parte das súas dependencias municipais "cara á reapertura ao público". Concretamente, detallou Lores, as instalacións do consistorio no edificio administrativo rúa Michelena van ser reformadas de inmediato cun "acceso específico" para servizos de Rexistro e Padrón e tamén para "individualizar os postos de traballo para respectar as distancias e posibilitar a atención de máis persoas en condicións de seguridade, amplicando o espazo de espera e mellorando os fluxo sde circulación". Estas obras comezarán no mes de maio e súmanse á colocación de mamparas e outras separacións en instalacións municipais.

Na Muralla de Lugo no mesmo sentido, no mercado en Santiago con límites

Noutras cidades, o inicio do desconfinamento trouxo consigo a introdución de recomendacións para evitar riscos en espazos habituais de paseo da veciñanza. É o caso da Muralla de Lugo, na que a área de Mobilidade do Concello pediu que os paseos e carreiras deportivas se realicen todas no mesmo sentido, no contrario ás agullas do reloxo. 

Deporte pola Muralla de Lugo na primeira mañá do desconfinamento, este 2 de maio © Servizo de Audiovisuais - Deputación de Lugo

En Lugo e Santiago tamén permanecen abertos parques e zonas verdes, aínda que os xogos infantís permanezan pechados

Explica o tenente da Alcaldía e responsable desta área, Rubén Arroxo, que esta petición "aumenta a seguridade, ao evitar cruzamentos entre camiñantes" igual que a recomendación xeral de camiñar polas beirarrúas da dereita. "Ao non ser unha obriga, o incumprimento non se sancionará", sinala Arroxo, quen non obstante di confiar en que, en termos xerais, a veciñanza lucense siga a ser "un exemplo de actuación nesta nova etapa da crise da covid-19". Ademais da Muralla, o Concello de Lugo subliña no inicio do desconfinamento que mantén abertos parques e zonas verdes aínda que os espazos de xogos infantís si continúen pechados.

Tamén o Concello de Santiago ten abertas as súas zonas verdes para o paseo e o deporte no desconfinamento. O consistorio compostelán, dende o que se vén lembrando a súa condición de urbe con máis espazo verde por habitante en Galicia e entre as primeiras do Estado, as medidas do desconfinamento chegan tamén a un dos seus espazos habitualmente máis transitados tanto pola veciñanza como polo turismo agora ausente, a Praza de Abastos. Así, no espazo do mercado -onde este sábado Protección Civil distribuía máscaras sanitarias- reduciuse o aforamento a 32 persoas en catro das súas naves -2, 3, 6 e 7- e a 43 noutras catro -1, 4, 5 e 8-.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.