Nesta semana, o Concello de Carballo comezou a repartir porta por porta as 32.000 máscaras cirúrxicas adquiridas pola administración local, en Sada o goberno municipal aprobou unha moratoria de 90 días para recibos anteriores ao estado de alarma e o atraso da domiciliación das taxas. Noutras vilas, como en Moaña ou Laza, desde as oficinas municipais organizan como levarlles a compra e os medicamentos a algúns veciños e noutros, como Vilamartín, fanse visitas á xente que vive soa para axudala en calquera necesidade.
Os concellos, a administración máis achegada á cidadanía, leva un mes aplicando medidas para reducir o impacto da crise e á sombra de Estado e autonomía
As administracións locais, as máis achegadas á veciñanza, levan un mes aplicando medidas para reducir o impacto da crise social, económica e sanitaria provocada polo coronavirus e o confinamento, moitas veces afastadas dos focos que acaparan o Goberno central e a Xunta pero con axudas e plans que aminoran as consecuencias da pandemia.
Entre todas estas, á marxe dos plans económicos, aprazamento de impostos ou mesmo axudas directas, inclúense tamén a achega de materiais didácticos para os máis pequenos, impresión de tarefas escolares, fomentos de actividades para os máis novos, servizos de apoio psicolóxico, fabricación masiva de máscaras e materiais de protección ou a desinfección de rúas e espazos públicos, levada a cabo por servizos municipais ou os bombeiros de cada municipio. Mesmo festas sorpresa de aniversario para a rapazada.
As medidas son amplas e variadas. Desde os concellos máis pequenos ata as vilas e, por suposto, nas cidades. Así, en todas as urbes aplicáronse medidas tributarias consistentes na moratoria ou adiamento de impostos municipais, ademais de suspender recargos ou xuros de demora, co obxectivo de minimizar o impacto económico da crise.
Lugo achega 600 euros por traballador a pequenas empresas que non fagan ERTE e Ourense anuncia que abonará sete cotas aos autónomos da cidade
Nalgunhas, como en Lugo, o Concello foi pioneiro nun plan de activación económica, dotado de 5 millóns de euros, que, por exemplo, achega 600 euros por traballador a pequenas empresas que non fagan ERTE polo virus, ademais de achegas de entre 1.200 e 750 euros para aquelas firmas ou autónomos obrigados a pechar ou que reducisen nun 75% a súa facturación.
En Ourense, pola súa banda, o Concello anunciou que abonará o pagamento de sete cotas aos autónomos da cidade, correspondentes aos meses de xuño a decembro de 2020, co obxectivo de "mitigar os graves prexuízos polo cesamento da súa actividade". Todo dentro dun plan dotado de 10 millóns de euros para apoiar estes profesionais, as pemes e o pequeno comercio da cidade.
En Ferrol, ademais de preparar un plan para empregar os remanentes de tesourería na concesión de axudas directas ás persoas afectadas pola crise da Covid-19, tamén se propuxo a creación dun directorio de empresas para unha aplicación de venda on-line destinada aos comercios locais. En Compostela, pola súa banda, prepárase un plan de activación económica dotado de 3 millóns de euros, ao tempo que noutras cidades ultiman tamén medidas de axuda centradas nos pequenos negocios.
Ademais, as persoas máis vulnerables foron outro dos obxectivos fundamentais nas grandes cidades. En Vigo, o Concello duplicou a asignación ao Banco de Alimentos e, nos primeiros días de confinamento, o alcalde Abel Caballero anunciou que o total das axudas de emerxencia entregadas polo goberno local superaba os 3.000 beneficiarios e os 300.000 euros, ademais de aclarar este martes que se ampliaron ata case 1.900 as bolsas de comedor para familias con menos recursos.
Pola súa banda, en Santiago, 750 persoas beneficiáronse xa do uso do tícket especial de compra nos supermercados da cidade, mentres que na Coruña, Protección Civil leva repartidos máis de 2.000 menús durante o estado de alarma, ademais de anunciar o Concello que manterá todos os seus contratos en vigor para garantir o emprego nas empresas prestatarias dos servizos, unha medida semellante á que anunciou a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, que asinou un decreto que garante que as compañías que prestan servizos á administración local non teñan que recorrer a despedimentos.
A Coruña anunciou que mantiña en vigor todos os contratos de empresas de servizos municipais e Lugo garante que non despidan persoal
Alén disto, foron tamén moitos os concellos que durante estes días priorizaron e adiantaron o pagamento a provedores municipais para inxectarlles liquidez, abonando por exemplo Lugo un total de 8,5 millóns desde o mes de marzo.
A habilitación de espazos para xente sen fogar foi tamén común nas urbes, así como a desinfección de espazos, a suspensión do cobro da ORA ou o impulso de diferentes programas de voluntariado para a repartición de comida, axuda ás persoas maiores ou que viven soas,