O impacto económico do coronavirus bateu con forza nos autónomos, un colectivo que abrangue máis de 210.000 persoas en Galicia. Ante a complicada situación da maioría deles, o Goberno central aprobou varias medidas importantes que, no entanto, foron completadas con outras por parte da maioría de gobernos autonómicos, tamén a moitas delas axudas directas que van moito máis alá da liña de financiamento para a inxección de liquidez aprobada pola Xunta.
A oposición reclama que a Xunta aprobe axudas directas para os autónomos, como moitas comunidades, máis aló das facilidades de crédito aprobadas
Así llo recriminaron ao Goberno de Feijóo tanto Galicia en Común como o BNG, que lembraron que o país é unha das poucas comunidades que non outorgou axuda directa ningunha a autónomos, para quen o Bloque propoñía unha achega de 2.000 euros e a supresión da cota durante tres meses.
A medida da Xunta, cunha dotación de 30 millóns de euros para pemes e autónomos, permite a mobilización de 250 millóns de euros en préstamos e avala entre 3.000 e 200.000 euros de importe por cada negocio, con prazos de amortización de ata catro anos con un de carencia, cun máximo dun 1,5% de xuros, que serán bonificados ao 100% pola Xunta. Segundo a Consellería de Economía, son xa 690 as solicitudes para estes préstamos por un valor total duns 56 millóns de euros.
Ademais, a Administración galega estuda "novas medidas de dixitalización e seguridade e saúde laboral para a recuperación tras a Covid-19" e lembra que os autónomos que teñen préstamos formalizados coa Xunta poden solicitar o aprazamento das cotas de amortización e xuros destes meses e devolvelas cando venzan eses préstamos, ademais de solicitar a suspensión dos prazos para a presentación de impostos autonómicos ata o 30 de xuño.
Pola contra. noutras autonomías, as axudas directas son abundantes e moi variadas. Mesmo Concellos, como o de Lugo, apostaron tamén por achegas de 600 euros por traballador a pequenas empresas que non fixesen ERTE, entre outras. Para comparar, velaquí as medidas da maioría das comunidades, á espera doutras xa anunciadas pero aínda non concretadas en diferentes territorios.
Euskadi
O Goberno vasco subvenciona con ata un máximo de 3.000 euros os gastos das cotas da Seguridade Social e o alugueiro do local dos autónomos cuxas actividades fosen suspendidas pola declaración do estado de alarma, aínda que con límite de beneficiarios. O lehendakari Urkullu anunciou esta semana que o Executivo destinaría 76 millóns de euros a autónomos e axuda á conciliación ante a prórroga das medidas do Estado, ademais de aprazarse pagos tributarios, suspenderse os pagamentos fraccionados do IRPF dos dous primeiros trimestres do ano e conceder axudas ao alugueiro en vivendas protexidas ata xuño a profesionais cunha caída nas ventas dun 40% ou máis.
Euskadi subvenciona con ata 3.000 euros os gastos fixos dos autónomos que suspenderon actividade; Catalunya achega 2.000 aos que perderon moito ingreso
Catalunya
A Generalitat puxo en marcha unha axuda directa de ata 2.000 euros para os autónomos que acrediten unha importante redución de ingresos en marzo en comparación con marzo de 2019. É unha medida dotada con 7,5 millóns de euros que outorgará unhas 4.500 prestacións. Ademais, o Institut Català de Finances (ICF) i Avalis de Catalunya inxectará liquidez a empresas mediante unha liña dotada con 1 millón de euros e asumirá o 80% do risco das operacións.
Ademais, e mentres dure o estado de alarma, suspéndense as declracións e ingresos de impostos autonómicos: sucesións e doazóns, transmisións patrimonais, patrimonio, bebidas azucaradas e establecementos turísticos.
Comunitat Valenciana
A Generalitat aprobou axudas directas de 1.500 euros aos autónomos que tivesen que pechar os negocios durante o estado de alarma e exclúen aqueles con rendementos netos desde 30.000 euros en 2019. Aqueles que acrediten un descenso das súas vendas de polo menos o 75% en comparación coa facturación media dos seis meses anteriores recibirán 750 euros.
Os prazos de débeda tributaria amplíanse ao 20 de maio e os tributos autonómicos teñen de prazo un mes máis. Ademais, bonifícase o 100% da cota de impostos sobre o xogo.
A Comunitat Valenciana aprobou axudas directas de entre 1.500 e 750 euros e Asturias unha de 400; Madrid dá 3.200 euros se a actividade continúa un ano
Comunidad de Madrid
O Plan Impulsa achega 3.200 euros a cada autónomo da Comunidad de Madrid que continúe durante polo menos 12 meses de alta na Seguridade Social desde a presentación da solicitude. O pagamento correspóndese co abono de 12 mensualidades da base mínima de cotización. Ademais, o goberno autonómico tamén presentou un plan de axuda para sufragar as cotas destes traballadores dos meses de marzo e abril e o adiamento no pagamento de diferentes impostos.
Asturias
O Principado dá unha axuda directa de ata 400 euros mensuais aos autónomos afectados polo peche por mor do virus para sufragar os custos fixos do negocio, como alugueiro, hipotecas ou subministro. Tamén aprobou o aprazamento de seis meses, sen intereses, dos impostos autonómicos. Ademais, Asturgar, a sociedade Asturgar avalará ante os bancos o 100% dunha liña de crédito de 10 millóns de euros.
Cantabria
Os autónomos cántabros poderán optar ao denominado cheque resistencia, que oscilará entre os 150 e os 300 euros semanais para cubrir os gatos fixos dos negocios e para os que se destinaron 10 millóns de euros. Destas axudas beneficiaranse 7.600 pequenas empresas, das que case 3.000 son autónomos e micropemes sen asalariados.
Aquelas firmas cun único autónomo percibirán 150 euros semanais mentres dure o estado de alarma, as que contan con ata cinco empregados, 225; e as que teñen de ses a nove, 300. Ademais, ampliouse nun mes o prazo de presentación dos tributos que xestiona a comunidade.
Cantabria achega entre 150 e 300 euros semanais aos autónomos, Castilla y León paga o 40% da cota e Canarias completa a prestación estatal ata o 100% do paro
Castilla y León
O Goberno castelán-leonés sufragará a tarifa plana de 60 euros ao mes dos autónomos durante seis meses e a axuda equivalente ao 40% da cota da Seguridade Social durante tres meses aos que, tras cesar a súa actividade, decidan reinicial. Ademais, aqueles profesionais que pechasen e deixasen de percibir ingresos e non teñan subsidio ningún recibirán da Unta 427 euros equivalentes ao 80% do IPREM.
Ademais, aprobou tamén diferentes medidas para inxectar liquidez para autónomos e micropemes que suman máis de 80 millóns.
Islas Canarias
O Goberno canario adía o pagamento do Impuesto General Indirecto Canario (IGIC) ata xuño de 2020, apraza outros tributos autonómicos e achega o outro 30% correspondente á prestación estatal por cesamento de actividade para que os autónomos que deixen de traballar pola crise do coronavirus perciban o 100% da prestación do paro.
Navarra
A Comunidade Foral de Navarra decidiu suspender os pagos fraccionados de IRPF dos autónomos do primeiro e segundo trimestre de 2020, beneficiando 25.000 traballadores e cun impacto económico de 27 millóns. Ademais, apraza as débedas tributarias de todas as pequenas e medianas empresas cun volume de facturación en 2019 inferior aos 6 millóns de euros e amplia os prazos para determinados tributos.
Ademais, Navarra pon a disposición dos autónomos unha partida de ata 20 millóns que implica unha axuda directa dun máximo de 650 euros aos que vexan limitada a súa facturación mensual como mínimo nun 30% con respecto á media dos seis meses anteriores.
Navarra ofrece unha axuda directa de ata 650 euros aos autónomos que vexan limitada a súa facturación mensual como mínimo nun 30%
Andalucía
Este mesmo mércores, o Goberno andaluz aprobou un plan de axudas para uns 150.000 autónomos que non poden acollerse a outros incentivos impulsados polo Goberno central. Será un plan dotado de 40 millóns de euros para reintegrar a cota da Seguridade Social deste abril cun pago único de 300 euros e de 50 para quen paga unha tarifa plana.
Ademais, a Junta avalará a autónomos e pemes ata o 80% das contías dos préstamos solicitados cun importe minimo de 5.000 euros e un máximo de 25% da facturación de exercicio 2019, con límite de 300.000 euros. A duración destes créditos é de entre seis e 36 meses, puidendo a entidade colaboradora aprobar prazos ou períodos de carencia. Alén disto, aprázanse tres meses os pagos dos impostos autonómicos.
Illes Balears
Nas Illes Balears aprobouse unha partida de 75 millóns de euros para outorgar liquidez aos autónomos e ás pemes, ademais de solicitar aos bancos unha moratoria nas hipotecas para os traballadores por conta propia. O Govern cobre totalmente o pagamento dos intereses, así como a comisión do aval dunhas operacións de ata 300.000 euros por beneficiario.
Os autónomos terán un mes máis para facer fronte aos tributos autonómicos e os tres primeiros meses de aprazamento destes impostos non esixirán intereses.
Extremadura
A Junta de Extremadura creou unha nova liña de microcréditos para emprendedores e autónomos ante a crise do coronavirus, como máximo de 25.000 euros e cunha curación de cinco anos, cun límite dun ano de carencia e cun tipo de interese do 1,5%.
Ademais, amplíanse en tres meses os prazos de presentación dos tributos autonómicos, así como dos ingresos de débeda pública ata dous meses despois do estado de alarma.
La Rioja
O Goberno de La Rioja amplía o praza de presentación de autoliquidacións dos principais impostos autonómicos.
Aragón
O Goberno de Aragón habilita a Dirección General de Tributos da Comunidade Autónoma a ampliar os prazos de pagamento, aínda que se agarda para saber ata cando será esa ampliación.
Castilla-La Mancha
As pemes e os profesionais autónomos desta comunidade terán un mes máis para presentar autoliquidacións dos impostos xestionados pola Junta de Castilla-La Mancha.
Murcia
Sucesións e doazóns e transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados aprázanse tres meses, mentres que o imposto sobre almacenamento de residuos, vertidos ao mar e emisións de gases poden abonarse ata o 20 de xuño. Ademais, os autónomos quedan exentos dunha serie de taxas.