Mentres o Goberno central activa o seu plan social para procurar paliar as consecuencias económicas do coronavirus, outras Administracións fan o propio a nivel local. No caso dos municipios galegos, un dos primeiros proxectos en marcha é o do Concello de Lugo, que este 1 de abril concretou o que deu en chamar Plan Reanima Lugo, encamiñado a "dar liquidez aos autónomos, empresas e familias" con axudas directas para, por exemplo, as pequenas empresas do municipio que non apliquen un ERTE ao seu persoal malia teren que pechar por mor do estado de alarma.
O programa de axudas 'Reanima Lugo' diríxese especialmente a empresas que tivesen que pechar por mor do estado de alarma e persoas autónomas que perdesen ata un 75% da súa facturación
Dotado con 5 millóns de euros, este plan pretende "ser complementario ás axudas doutras administracións, para sumar apoios e axudas entre todos", explicaba este mércores a alcaldesa lucense, Lara Méndez, tras expoñer a representantes do tecido económico da cidade o que, subliña, é "o primeiro plan de activación económica" fronte ás consecuencias da pandemia "que sen pon en marcha a nivel municipal en Galicia". Aplícase, mantén, malia "que os concellos non teñen competencias en Traballo", malia ser unha área "que é da nosa incumbencia".
Partindo desta base, a liña prinicipal do plan -que Méndez cifra en 4 millóns de euros- concéntrase en axudas directas a empresas e persoas autónomas "que se visen afectadas polo peche" ordenado no estado de alarma, "así como os autónomos e aquelas que reducisen a súa facturación polo menos un 75%" por esta mesma causa. "No caso daquelas empresas ou autónomos, con ou sen persoal ao cargo, que se visen afectadas polo peche, recibirán 1.200 euros" e se non pecharon pero a súa facturación caeu ese 75% ou máis, "a contía fixa será de 750 euros".
Segundo o avanzado, a orde de axudas cuxas bases serán aprobadas polo Concello lucense "nos vindeiros días" implica, "en ambos os dos supostos", que se estas empresas "non tramitan un ERTE" derivado desta situación, recibirán "ademais, 600 euros por traballador" no caso das compañías con ata 9 persoas empregadas e "de 450 euros, entre 10 e 49 traballadores". "Os beneficiarios comprométense a non solicitar o ERTE nos tres meses posteriores á concesión", resalta.
As pequenas empresas que se visen abocada ao ERTE polo estado de alarma pero manteñan "o complemento salarial do 100%" para o seu persoal poderán solicitar 180 ou 120 euros por persoa empregada
Se a empresa solicitantes se viu abocada ao ERTE por mor da pandemia poderá optar tamén á axuda fixa e a un complemento menor: 180 euros por persoa en empresas de ata 9 empregados e 120, de 10 a 49. Para acceder ao complemento "a empresa terá que acreditar que o complemento salarial do ERTE será do 100% da base reguladora" e non do 70%, "que é o que achega o Estado".
Alén das medidas estritamente laborais, o plan Reanima Lugo inclúe unha segunda liña -dun millón de euros- para persoas autónomas ou tamén asalariadas que "experimentasen unha merma nos seus ingresos" por un ERTE, ou ben "que tivesen necesidade de solicitar excedencia ou redución de xornada" para atender fillas ou fillos menores de 12 anos "afectados polo peche dos centros educativos por mor da crise sanitaria". No seu caso, o Concello "achegará 100 euros, que se incrementarán a 150 se fosen dous fillos ou fillas ao cargo e 175, se son tres ou máis".
Segundo indicou Lara Méndez en rolda de prensa telemática, "todos" os representantes do tecido económico lucense "agradecen a premura destas axudas", porque "o que necesitan agora mesmo é liquidez para afrontar pagamentos". "O que nos pediron é lles pasemos canto antes o borrador das bases para poderen transmitilo" aos negocios da cidade.