O Boletín Oficial do Estado (BOE) deste mércores recolle en detalle o novo paquete de medidas anunciadas o martes para axudar os máis afectados pola grave crise económica provocada polo coronavirus. Nun decreto-lei de case 90 páxinas, o Goberno central explica este plan de rescate para os sectores máis vulnerables, inquilinos, empregadas domésticas ou pemes. Tamén inclúe numerosas medidas para os autónomos, colectivo duramente golpeado e expectante ante a abrupta caída de ingresos ou total inactividade provocada polo confinamento e o estado de alarma. Velaquí van resumidas.
As condicións que deben cumprir os autónomos para acceder á moratoria no pagamento das cotizacións sociais serán aclaradas nunha futura orde ministerial
Pagamento da cota de marzo
No caso dos autónomos que suspendesen a súa actividade e pasasen a percibir a prestación polo cesamento da actividade e que non ingresasen en prazo as cotizacións sociais dos días traballados en marzo, poderán abonalas fóra de prazo sen recargo. Aínda que a ministra de Economía, Nadia Calviño, aclarou o martes que se devolvería a parte deste pago correspondente aos días non traballados en marzo, o decreto non detalla ese aspecto.
En nota de prensa, logo da comparecencia, o Goberno central aclarou que esta devolución inclúe só os autónomos que se acolleron ao cesamento da actividade polas medidas de confinamento. Unha futura orde prevé detallar a fórmula para reclamar a devolución da cota correspondente aos días non traballados en marzo.
Moratoria para os autónomos con actividade
En canto á moratoria no pagamento destas cotizacións para quen aínda mantén a actividade, explícase que será unha futura orde ministerial a que determine quen pode acceder a ela. A Seguridade Social poderá suspender o pagamento durante seis meses e sen intereses e esta medida aplicarase, no caso das empresas, ás cotas devengadas entre abril e xuño e, no caso dos autónomos, ás comprendidas entre maio e xullo. Xa que logo, os autónomos terán que pagar a cota do mes de abril.
A moratoria do pagamento das cotizacións da Seguridade Social dos autónomos non se iniciará ata o mes de maio
A moratoria solicítase á Seguridade Social durante os primeiros dez días do prazo regulamentario de ingreso da cota e, aínda que ten tres meses para contestar, considérase aplicable desde o momento da solicitude.
Ademais, aquel autónomo que non teña en vigor aprazamentos de pago de débedas coa Seguridade Social poderá solicitar o adiamento do pagamento das débedas coa entidade, que se deban ingresar ata xuño, cun interese do 0,5%. [Podes consultar aquí o decreto íntegro publicado no BOE].
"Flexibilización" dos contratos de subministro
Alén destas medidas, o Goberno central establece que se permite que "os autónomos e empresas poidan suspender temporalmente os seus contratos de subministro ou modificar as súas modalidades de contrato sen penalización". Así, permítiselles o cambio de peaxe de acceso e o axuste da potencia contratada sen custo ningún e, "unha vez concluído o estado de alarma, vólveselles permitir unha nova modificación sen custo nin penalización".
Autónomos e empresas poderán suspender ou modificar as condicións dos seus contratos de subministro durante o estado de alarma sen cargo ningún
A "flexibilización" dos contratos de subministro eléctrico para os autónomos inclúe a posibilidade de suspender temporalmente ou modificar os contratos con outra oferta alternativa co comercializador sen cargo ningún. Unha vez finalizado o estado de alarma, e no prazo de tres meses, poderase solicitar a reactivación do contrato ou unha nova modificación, que serán realizadas "nun prazo máximo de cinco días naturais" e sen custo ningún sobre o consumidor.
As medidas son semellantes no caso dos contratos de subministro de gas natural, puidendo os autónomos solicitar a modificacion do caudal diario contratado, a inclusión nun chanzo da peaxe correspondente a un consumo anual inferior ou a suspensión temporal do contrato sen custo ningún. As condicións de reactivación son idénticas ao caso do subministro eléctrico.
No caso dos puntos de subministro eléctrico, gas natural, gases manufacturados ou gases licuados do petróleo titularidade de autónomos, estes poderán solicitar a suspensión do pagamento das facturas correspondentes aos días inetgrados no estado de alarma
Créditos ou préstamos autonómicos ou de entidades locais
Por outra banda, o decreto establece tamén a posibilidade de aprazamento dos pagamentos do principal e/ou intereses de 2020 de créditos ou préstamos financeiros cuxa titularidade sexa dunha comunidade autónoma ou entidade local. Poderán acollerse a esta medida as empresas ou autónomos que fosen afectados pola crise sanitaria da COVID-19 e que sufrisen períodos de inactividade, redución significativa no volume de vendas ou interrupcións no subministro na cadea de valor que dificulte ou impida atender os pagamentos.