Vivenda, emprego, auga, luz: o plan social do Estado que procura paliar o impacto do coronavirus

Unha factura da luz CC-BY-SA Praza Pública

O Consello de Ministros deste martes, 31 de marzo, deu luz verde a un Real Decreto-Lei que abrangue múltiples medidas e que semella pretender responder a parte das reclamacións que diversos colectivos sociais e laborais, así como amplos sectores da cidadanía, viñan lanzando ao Goberno de España ante a crise do coronavirus. Tras o primeiro paquete económico, que trouxo consigo medidas como a moratoria de hipotecas ou o impulso do teletraballo, este segundo trae consigo un acento máis social, incluíndo accións que quedaron fóra do primeiro en áreas como o pagamento de recibos de subministros básicos ou axudas á vivenda en alugueiro.

O BOE deste 1 de abril concreta as medidas avanzadas tras o Consello de Ministros

Aínda que o Executivo da coalición do PSOE e Unidas Podemos non atenden a peticións como unha moratoria xeneralizada dos pagamentos do alugueiro ou a unha condonación xeral das cotas para persoal autónomo afectado pola crise sanitaria, si anuncia medidas nestas materias. Así se resume o avanzado este martes pola ministra de Facenda e voceira, María Jesús Montero, xunto ao vicepresidente de Dereitos Sociais do Executivo central, Pablo Iglesias, e á vicepresidenta económica, Nadia Calviño, sobre unhas medidas que se concretaron no Boletín Oficial do Estado deste 1 de abril no que atinxe ás persoas beneficiarias, condicións e prazos, así como modificacións nalgunhas das normas ditadas anteriormente.

Emprego, empresas e autónomos

-Subsidio excepcional de 430 euros para persoal con contratos temporais “de ao menos dous meses” que quedase no paro durante o estado de alarma e non cumpra o requisitos doutros subsidios. Axuda para un mes

-Moratoria de seis meses no pagamento das cotizacións á Seguridade Social para persoas autónomas e mais para pequenas e medianas empresas.

-Aprazamento sen xuros ata o 30 de xuño do pagamento das débedas coa Seguridade Social para PEMES e persoas autónomas.

Anuncio de peche nun local hostaleiro coruñés por mor do coronavirus CC-BY-NC-SA Praza Pública

-Adiamento sen xuros da cota de autónomos dos días traballados en marzo. Esa cota foi cargada este 31 de marzo. Segundo o Ministerio de Seguridade Social, “os autónomos cuxa actividade quedase suspendida polo decreto de alarma non terán recargos se pagan as cotas do 1 ao 13 de marzo con atraso”

-As empregadas do fogar dadas de alta na Seguridade Social que perdan o traballo permanente ou temporalmente por mor da crise do coronavirus poderán acceder a un “subsidio extraordinario de ata o 70% da base de cotización e, como máximo, equivalente ao salario mínimo interprofesional.

Subministros

-Prohibido o corte de subministros de auga, luz e gas na vivenda habitual para “o conxunto da poboación” durante o estado de alarma

-Ampliación dos descontos do bono social para persoal “afectado por despedimentos ou autónomos que cesasen a súa actividade ou reducisen os seus ingresos como consecuencia” do coronavirus. Para rendas non superiores a 18.799€ anuais para fogares sen menores, 22.559€ cun menor e 26.318€ con dous ou máis.

-“Suspensión temporal” do pagamento de subministros para PEMES e autónomos, podendo abonalas durante os seis meses seguintes á fin do estado de alarma.

Vivenda

-Suspensión de  desafiuzamentos por impagamento de alugueiro para fogares vulnerables sen alternativa ata seis meses despois do estado de alarma.

-Prórroga extraordinaria dos contratos de alugueiro que rematan “nos vindeiros tres meses”, para impedir subas de prezo durante a crise sanitaria.

-Microcréditos sen xuros a devolver en seis anos con outros catro adicionais para inquilinos en situación vulnerable: persoas no paro, que sufran ERTE ou redución de xornada ou autónomos que non cobren máis de tres veces o IPREM.

Bloques de vivendas en Ferrol CC-BY-NC-ND Xoán Porto

-Os propietarios de máis de 10 inmobles e fondos de investimento deberán aplicar unha moratoria de 4 meses nos recibos e acordar o xeito de pago co arrendatario. Se non hai pacto, aplicarase unha “reestruturación da débeda” en dous ou tres anos ou unha redución a da débeda á metade, ademais de poder acollerse aos microcréditos.

-Quen non poida devolver o microcrédito -fornecido polo Instituto de Crédito Oficial-, poderá recibir ata 900 euros en axuda directa.

-A moratoria das hipotecas xa aprobada esténdese aos locais e oficinas de autónomos

-Os concellos poderán usar o superávit “para medidas de apoio a colectivos vulnerables en materia de vivenda”

Consumo

-Prohibida a publicidade de apostas e xogos en internet durante o estado de alarma

-Devolución dos cartos ou alternativa por servizos sobrados e non prestados por empresas durante o estado de alarma

Televisións

-Á marxe das medidas en materia social, o Real Decreto-Lei inclúe tamén unha inxección de 15 millóns de euros para as grandes cadeas de televisión. Concretamente, xustifícao para "compensar unha parte dos custos" de "manter durante un prazo de seis meses determinadas porcentaxes de cobertura poboacional obrigatoria". Estas empresas reclaman apoio público dende hai semanas. O decreto non especifica axudas para compañías e entidades que editen medios noutros soportes.

Esta información foi elaborada coas achegas da redacción de Praza.gal e de Laura Olías, Ana Requena Aguilar, Rodrigo Ponce, Marina Estévez Torreblanca, Antonio M. Vélez e Analía Plaza (eldiario.es)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.