Librarías, editoriais, sector audiovisual e profesionais da cultura reclaman o apoio da Xunta ante o bloqueo total da súa actividade

Cartel nunha libraría coruñesa informando das medidas adoptadas por mor do coronavirus CC-BY-SA Praza Pública

Son moitos os sectores económicos que paralizaron completamente a súa actividade dende o primeiro día de confinamento. Un deles é o cultural, no que librarías, cines e salas de concertos levan xa 15 días pechados. Trátase, ademais, dun sector que xa anteriormente vivía unha situación moi precaria, con escasas marxes de beneficio e unha supervivencia difícil, que a epidemia fixo aínda máis complicada. 

AELG, FLG e AGE demándanlle á Xunta un paquete de oito medidas "esenciais para incentivar a demanda do libro galego"

Profesionais da cultura e entidades representativas deste ámbito, dende o mundo do libro ao audiovisual ou o da música reclámanlle ás administracións que as auxilien neste momento para asegurar a continuidade do tecido cultural galego. En especial, diríxense á Xunta para que aplique medidas de apoio para empresas e persoal.

A Asociación Galega de Editoras (AGE), a Federación de Librarías de Galicia (FLG) e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) emitiron un comunicado conxunto no que lle demandan á Xunta un paquete de oito medidas "esenciais para incentivar a demanda do libro galego". 

"Consideramos que existe un alto risco de que moitas das empresas que conforman o tecido do libro galego non poidan superar as dificultades económicas derivadas desta crítica situación, un panorama que non ten precedentes", alertan e sitúan nun 30%, como mínimo, a previsión de diminución da facturación para este ano. "A preocupación arrastra á totalidade do noso colectivo, dende empresas editoras e librarías —moitas delas, microempresas ou negocios unipersonais baixo o réxime de autónomos— ata as autoras e autores", engaden.

Persoal da cooperativa NUMAX na celebración do seu cuarto aniversario © NUMAX

Propoñen o incremento do 50% na dotación para a compra de libros por parte de todas as bibliotecas públicas e a reorientación das asignacións económicas previstas para o Xacobeo 2021

Entre as 8 medidas está a posta en marcha un Bono familiar que fomente a compra en librarías, o incremento do 50% na dotación para a compra de libros por parte de todas as bibliotecas públicas, campañas de fomento da lectura e de promoción do libro galego e reorientar as asignacións económicas previstas para o Xacobeo 2021 para destinar máis recursos á edición, á actividade dos escritores/as e ás librarías. Ademais, demandan unha liña especial de axudas para a edición e a ampliación dos prazos de execución e xustificación das accións subvencionadas en 2020.

Así mesmo, súmanse ás propostas elevadas ao Goberno central pola Federación de Gremios de Editores de España e as Cámaras do Libro de España: Dispoñer de créditos a interese cero para as empresas do sector, autorizar o atraso do pagamento das retencións do IRPF para empresas e autónomos, suspender o pagamento das cotas da Seguridade Social para empresas e autónomos durante o vindeiro semestre, facilitar o pagamento do IVE do 1º e 2º trimestre e suprimir o pagamento do IBI das librarías.

O sector audiovisual

As perdas para o sector audiovisual galego están estimadas en máis de 3 millóns de euros que afectan a un total de 20 proxectos en marcha

Pola súa banda, a Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) alertou este luns de que as perdas para o sector audiovisual galego están estimadas en máis de 3 millóns de euros que afectan a un total de 20 proxectos en marcha. AGAPI explica que todas as rodaxes foron paralizadas e moitas tiveron que pospoñer as súas datas de inicio. 

Así mesmo, a chegada ás salas comerciais tamén se viu truncada, é o caso de ‘Lúa Vermella’ de Lois Patiño recentemente estreada no Festival de Berlín, de ‘A illa das mentiras’ dirixida por Paula Cons e distribuída por Filmax, ou de ‘María Soliña’, dirixida por Ignacio Vilar, que "observan con preocupación este escenario que sitúa na corda frouxa a data de estrea prevista". De igual xeito, "títulos que xa estaban na carteleira cunha gran acollida de público, como ‘O que arde’ ou ‘Eroski paraíso’ viron interrompida a súa actividade en salas de maneira abrupta", sinala AGAPI.

"O sector audiovisual foi un dos máximo prexudicados polos recortes da crise de 2008 e novos axustes poderían supoñer o golpe de graza definitivo"

"A parte económica é sempre o talón de aquiles, o esforzo por conseguir o diñeiro necesario para sacar adiante as longametraxes de ficción, documentais, curtametraxes e series é o gran reto ao que se enfrontan as produtoras independentes. Por este motivo, vívese con moita frustración a situación de incerteza financeira", explica a asociación.

"O sector audiovisual foi un dos máximo prexudicados polos recortes da crise de 2008 e novos axustes poderían supoñer o golpe de graza definitivo", engade AGAPI, que reclama das administracións "medidas económicas que axuden a paliar esta difícil situación".

Rodaxe dun filme © Zircocine

O sector da cultura, unido nas súas demandas

Ademais das demandas realizadas por AELG, FLG e AGE, unha vintena de entidades e colectivos profesionais consensuaron un documento de propostas que remitiron á Xunta de Galicia que comeza subliñando que "o sector cultural é un sector moi sensible ás crises económicas", pois "o ocio é o primeiro ao que renuncian as consumidoras en tempos de crise". Asi mesmo lembra que se recuperou "moi malamente da crise do 2008" e que falamos dun sector que achega o 2% do PIB galego o que equivale a 1.100 millóns de euros.

"O sector cultural é un sector moi precarizado, con moito autoemprego e pequenas empresas, que o están pasando realmente mal ao suspenderse toda a programación cultural e estar pechados os espazos de exhibición. Ademais da enorme incerteza sobre o que vai pasar no futuro"

Este documento inclúe propostas como axilizar os pagos, revisar as bases das subvencións, manter as contratacións aprazándoas preferentemente, non rebaixar orzamentos en cultura, incentivar o consumo cultural baixando o IVE, así como axudas directas ao sector para que poidan facer fronte ás súas necesidades. 

“Pode parecer inoportuno estar reclamando medidas para o sector cultural nestas circunstancias nas que está morrendo tanta xente, pero o sector cultural é un sector moi precarizado, con moito autoemprego e pequenas empresas, que o están pasando realmente mal ao suspenderse toda a programación cultural e estar pechados os espazos de exhibición. Ademais da enorme incerteza sobre o que vai pasar no futuro", explica Pilar Portela, presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultura (AGPXC).

"O sector cultural é un sector solidario, proba disto é as actividades que se están facendo na rede, artistas que están facendo concertos, monólogos, obradoiros, etc para facer máis doada a situación de confinamento da sociedade. Outros países como Italia Francia ou Portugal xa aprobaron medidas específicas para o sector cultural”, engade Portela.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.