Salóns do libro, festivais de poesía e museos tornan virtuais para acompañar o confinamento

Imaxe do 'coronaconto' que se pode ver no Salón Virtual do Libro de Pontevedra © Salón do Libro

A pandemia do Covid-19 e as medidas de confinamento obrigaron nas últimas semanas a suspender ou adiar todos os eventos culturais que se estaban a celebrar en Galicia ou se ían celebrar nas vindeiras semanas, e tamén a pechar os espazos como museos e moitas bibliotecas. Algúns deles están a poñer en marcha iniciativas para manter a súa actividade e, sobre todo, ofrecer contidos culturais para as persoas que agora teñen que pasar moitas máis horas na casa, pensando sobre todo nos nenos e nenas. Esta fin de semana comezaron a facelo o Festivall Atlántica, Kalandraka ou Novo Cinema Galego, e nos últimos días están a xurdir moitas máis accións.

Durante as vindeiras semanas o Salón compartirá diferentes contidos: exposicións virtuais, contacontos e obradoiros

O Salón do Libro de Pontevedra, que pechou as súas portas o pasado 12 de marzo, suspendendo a programación que comezara o día 6 e tiña que chegara ata o 28 de marzo, inaugurou este martes o seu Salón Virtual. Durante as vindeiras semanas o Salón compartirá diferentes contidos: exposicións virtuais, contacontos e obradoiros. As publicacións terán lugar cara ás 12:00h. ou 12:30h. pola mañá e ás 17:30h. ou 18:00h. pola tarde.

A resposta á proposta realizada aos contadores, compañías e ao propio monitorado do Salón "foi moi positiva" e unha gran parte da programación adaptará o seu formato. Á espera da resposta doutras persoas contactadas, neste momento están confirmada a participación de Tamara Andrés, Soledad Felloza, Polo Correo do Vento, Reviravolta, Pakolas, Pablo Díaz, “Magia en la manga”, Asociación Mater Lingua, María Faltri e Jorge Juncal, Leucoiña, Fantoches Baj, “A xanela do maxín” ou 7H cooperativa.

Alguén que respira comezou a publicar na súa web unha serie de audios coa voz das e dos poetas que estaban no programa do festival

Tamén abriu de forma virtual o festival poético Alguén que respira!, organizado polo Concello de Santiago coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta. O evento, que tiña que celebrarse no Teatro Principal de Compostela entre este 18 e o 21 de marzo, comezou a publicar na súa web unha serie de audios coa voz das e dos poetas que estaban no programa do festival. 

O programa, segundo acordaron os organizadores co equipo de dirección artística, manterase integramente de cara á súa organización nos próximos meses. Con todo, coincidindo coas datas previstas do festival, a web ofrecerá unha serie de audios coa lectura de poemas por parte das persoas presentes no programa. Nel figuran, entre outras, Mercedes Peón, Manolo Rivas, Antonio Barahona, Pablo Fidalgo, Chus Pato, Celso Fernández Sanmartín, Lupita Hard, Lara López, Pau Vadell, Beatriz Chivite ou Miguel Azguime.

En Lugo, a Rede Museística Provincial está a ofrecer actividades didácticas en liña. Cada día, ás 12 horas, desenvólvense sesións virtuais nas que se convida aos nenos e nenas a crearen o seu propio museo. Trátase dunha proposta que forma parte da oferta didáctica dos museos e que agora se traslada á rede poñendo a disposición das familias recursos para contribuír a que estes días de permanencia obrigada nas casas se fagan máis amenos.

“Día a día acompañaremos as nenas e nenos para que creen os seus museos persoais con pezas de valor para eles, para que dialoguen cos seus maiores e recuperen a memoria, as raíces e a súa historia, para que debuxen, pinten, imaxinen e creen”

“Día a día acompañaremos ás nenas e nenos para que creen os seus museos persoais con pezas de valor para eles, para que dialoguen cos seus maiores e recuperen a memoria, as raíces e a súa historia, para que debuxen, pinten, imaxinen e creen”, explica Encarna Lago, xerente da Rede Museística. As actividades en liña ofreceranse a través de Zoom, unha aplicación empregada no ámbito educativo para a formación en liña que permite conectar ata 120 participantes con vídeo interactivo. Cando a Rede Museística recupere  a actividade habitual, ofrecerase ás familias a posibilidade de expoñer e compartir os seus traballos nos museos.

A Rede Museística Provincial tamén ofrece outros recursos en liña como as visitas panorámicas e virtuais ao Museo do Mar do San Cibrao, ao Pazo de Tor e ao Museo Fortaleza de San Paio de Narla.

Imaxe do festival Alguén que respira! ©

Tradescola anima "a seguir desfrutando da nosa cultura tamén dende a casa, tocando, bailando, cantando e compartindo logo na rede os vídeos"

De igual xeito a Tradescola e a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s (AGG) animan "a que a música e o baile tradicional siga presente nestes días de illamento por mor do virus", facendo un chamamento "a todas as persoas relacionadas dalgún xeito coa música e co baile tradicional", para que participen da iniciativa #tradicióncontraovirus, que anima "a seguir desfrutando da nosa cultura tamén dende a casa, tocando, bailando, cantando e compartindo logo na rede os vídeos co cancelo #tradicióncontraovirus e #quedanacasa".

Así mesmo, informan de que os profesores e profesoras da Tradescola están traballando para poder enviarlle ao alumnado, durante estos días, material para que continúen ensaiando na casa e poder seguir así en contacto mentras non se normalice a situación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.