Novo Cinema Galego decidiu propoñer un ciclo de filmes "para que as persoas podan ter máis opcións para entreterse"
A poboación afronta este luns o seu segundo día de confinamento obrigatorio. Van ser, cando menos, 15 días sen a posibilidade de ir ao cine, tomar algo nunha terraza ou sen ir ao ximansio ou correr polo parque. Nas últimas horas están poñéndose en marcha varias iniciativas para ofrecer contidos culturais a todas as persoas obrigadas a permanecer nos seus domicilios, lembrando a existencia de moitas alternativas de ocio online, dende improvisados concertos e festivais por streaming a bibliotecas con lecturas dispoñibles na rede.
En Galicia destaca a decisión do proxecto Novo Cinema Galego, que esta fin de semana "debido á situación de alerta decretada en España pola evolución do coronavirus e a indicación ao cidadán de quedar na casa" decidiu propoñer un ciclo de filmes "para que as persoas podan ter máis opcións para entreterse".
Son en total 16 filmes, seis deles longametraxes, entre os que destacan entre outros Vikingland (Xurxo Chirro, 2011), O Quinto Evanxeo de Gaspar Hauser (Alberto Gracia, 2013), Todos vós sodes Capitáns (Oliver Laxe, 2010), N-VI (Pela del Alamo, 2012) ou La Brecha (Marcos Nine, 2011), algunhas das obras que marcaron nos últimos anos o inicio e crecemento do movemento de novo cinema galego.
Ademais, pensando sobre todo (pero non só) nos máis pequenos e pequenas da casa, o Festival Atlántica de Narración Oral, que debía desenvolverse do 11 ao 20 de marzo e que tivo que ser cancelado, comezou a ofrecer unha colección de vídeos con contos gravados ex profeso polos e polas artistas desta edición. Este material vaise difundir coa etiqueta propia #ocontononpara e outras vinculadas a esta situación excepcional como #ficonacasa ou #quedonacasa.
"Estes vídeos son un xeito de paliar ese baleiro e tamén, unha contribución para alixeirar a corentena que se está a vivir no país. Por iso, haberá historias para todos os públicos: contos para nenos e tamén para maiores"
Algúns destes e destas artistas chegaron a ter algunha función e mesmo a participar na gala inaugural do Atlántica, pero os máis deles marcharon coa metade dos espectáculos por facer. "Estes vídeos son un xeito de paliar ese baleiro e tamén, unha contribución para alixeirar a corentena que se está a vivir no país. Por iso, haberá historias para todos os públicos: contos para nenos e tamén para maiores", explican dende o festival. En palabras de Soledad Felloza, directora do festival, "Atlántica non apaga o seu faro de historias, que nunca choveu que non escampase e volveremos navegar; cando volva a primavera, como dicía Álvaro Cunqueiro, serán mil primaveras máis”.
De momento, Atlántica xa colgou dous vídeos: un conto do venezolano Rubén Martínez e un punto de baile do galego Luís Prego. Nos vindeiros días, o festival irá ofrecendo moitas pezas máis de artistas como Sandra Araguas (Huesca), Fernando Saldaña (Salamanca), Aline Cântia e Chicó do Céu (Brasil), Carolina Rueda (Colombia), Noelia Carioca (Salamanca), José Luis Gutiérrez “Guti” (Zamora) ou Sofía Maul (Madeira, Portugal).
De igual xeito, Kalandraka ten en marcha na súa web a sección Contos contados, na que diversos autores e autoras van aparecer contando os seus contos, comezando por Xosé Ballesteros e o seu Coelliño Branco.