Os festivais de música galegos resístense a cancelaren polo virus, unha "ameaza de morte" para o sector

Actuación durante o Esmorga Fest © David Tombilla

A pandemia polo coronavirus provocou que os festivais que lle dan habitualmente a benvida á primavera en Galicia comezasen a buscar alternativas. Un deles, o FIV de Vilalba, decidiu que non haberá edición de 2020, e mira xa ao ano que vén, pero outros moitos, tamén os programados para dentro duns meses, resístense a cancelar e esperan a evolución dos acontecementos.

A declaración do estado de alarma produciuse o 14 de marzo, que ía ser o segundo día do Esmorga Fest, en Sarria. A organización olla agora cara o outono, ao igual que a do Melona Fest, que ía ser a primeira semana de abril e quedou posposto ata os últimos días de outubro. A situacion afecta tamén fóra da música e o Festival de Cans xa anunciou un adiamento ata setembro, mentres que o Encontro do Humorismo da Coruña analiza que medidas tomar. Ambos estaban programados para maio.

Os festivais que arrancan a tempada en marzo e abril xa buscaron novas datas no outono ou cancelaron, mentres que os de verán confían en seguir adiante cos plans

O sector amosa a súa preocupación ante a posibilidade dun escenario que impida celebrar os eventos previstos e que provocaría perdas aos organizadores "que poden levar ao peche", avisa o xerente da Asociación de Festivais de Galicia, Xabi Alonso. "O sector dos festivais é o único que está seriamente ameazado de morte. Existe un risco moi real de que de aquí a uns meses non nos quede ningunha ou practicamente ningunha empresa das dedicadas a producir espectáculos", afirma. O retroceso, teme, pode ser "de décadas".

Que a covid-19 poida obrigar a anular os plans desta tempada "é coma se toda a produción dun ano de Citroën acabara no fondo do mar", di Alonso, que argumenta que se trata de empresas que traballan todo o ano para organizar os eventos. No escenario actual, agrega, é previsible que, como convocatorias multitudinarias, os festivais sexan "os últimos" en liberarse das medidas restritivas. "Non sabemos se será un mes, dous, cinco ou un ano", expón e cita como "pistas" as decisións relacionadas co deporte, como o adiamento dos Xogos Olímpicos.

O cartel do Son do Camiño de 2019 © O Son do Camiño

O ano pasado o Resurrection Fest reuniu en Viveiro a máis de 100.000 persoas. Xa non quedan abonos nin entradas de día para a cita deste ano, entre o 1 e o 4 de xullo, e os organizadores seguen adiante cos seus plans, polo momento. Un representante do festival confirmou que ata o de agora non hai cambios "nin de calendario nin de ningún tipo".

O Son do Camiño, un dos que máis público atrae, non pensa en cancelar "baixo ningún concepto" e destaca a importancia de garantir a seguridade dos asistentes

O Son do Camiño, que tivo na súa segunda edición, a do 2019, uns 33.000 asistentes, é outro dos que concentra a atención. Programado para o 18, 19 e 20 de xuño no Monte do Gozo, en Santiago, esgotou os abonos o mesmo día que os puxo á venda. O festival está á espera da evolución da pandemia, pero polo momento mantén as datas. "Cancelar, baixo ningún concepto", asegura Kin Martínez, responsable de Esmerarte, unha das empresas produtoras do evento. 

"Nunha situación extrema, se nos vemos obrigados a facer algún cambio, sería un aprazamento, pero non é no que estamos pensando", insiste e afirma que se adoptarán as medidas de seguridade que esixan as administracións "e algunha máis". O "prudente" é, na súa opinión, esperar a que remate o estado de alarma e a coñecer as previsións para adoptar "medidas, se hai que adoptalas".

Ante a posibilidade de que se produzan cambios de datas, o sector teme coincidencias de eventos, tamén doutros non musicais. "Nós non queremos adulterar o mercado", indica Kin Martínez, que expón que hai programacións xa feitas noutros meses e iso pode "afectar ao desenvolvemento" deses proxectos e "sobrecargar a un público que non vai poder ir a todo". 

"Se coincidimos (moitos festivais), estamos todos mortos", avisa o director do Revenidas, Xoán Quintáns, que anuncia que este ano está programado para o 11, 12 e 13 de setembro en Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa. Estaban a piques de anunciar as datas, pero consideraron que "non era o máis coherente nin ético" nesta situación.

Varios organizadores avisan de que pode haber unha acumulación de eventos, no só musicais, en setembro ou máis adiante e, se coinciden moitos á vez, están "mortos"

Os organizadores teñen case toda a contratación pechada, pero seguen atentos á evolución dos acontecementos por se teñen que cambiar de plans. "Estamos que non sabemos que facer", admite Quintáns, que destaca a incerteza: "Non sabemos que se vai facer e que non. Non sabemos se o público vai coller medo. A xente terá cartos para vir a festivais? Haberá que andar con máscara? Reducirannos o aforo a un terzo?".

Imaxe de arquivo dun concerto no festival Revenidas © Christian Pérez

O sector afronta, se hai aprazamentos e cancelacións, posibles compensacións porque hai contratos xa firmados e, nalgúns casos, fianzas depositadas. O panorama é "negro" para Quintáns, que teme tamén que a crise económica que suceda á sanitaria "a paguen os mesmos e se recorte en cultura". Os festivais de música, lembra, mobilizan millóns de euros e xeran actividade en empresas de son e iluminación, de hostalaría e de transporte, entre outras.

O carácter internacional dalgunhas citas complica a súa organización nun momento no que viaxar está restrinxido

A declaración do estado de alarma anulou tamén os plans doutro festival de setembro, o Work on Sunday (WOS), de anunciar as datas deste ano. "É un momento incerto, tampouco estamos tomando decisións", sinala o seu director, Iván Arias, que cre que é "extremadamente difícil" que se celebre polo seu carácter internacional. Os artistas cos que conta proceden de Estados Unidos, Reino Unido, Alemaña ou países asiáticos e africanos e é necesaria a antelación para reservar os voos e facer a produción. 

Coas restricións actuais aos movementos "é inviable" confeccionar un programa, di. Poderíase configurar, a partir de maio ou xuño, un cartel "in extremis" contando só con artistas europeos se a situación mellora e se poden facer viaxes no continente. Outro inconveniente é que só o oito por cento dos asistentes son locais e os que acoden dende fóra precisan tamén planificar a viaxe con tempo.

Sobre a posible coincidencia de plans en setembro, Arias propón unha coordinación interna para abordar o "solapamento" porque cre que non haberá público "para tanta oferta concentrada". O coronavirus súmase aos problemas da cultura, na que a situación, reflexiona, "xa adoita ser precaria", en especial para os proxectos pequenos, que "están todos nunha situación dramática".

O aprazamento é a idea coa que traballan os responsables do Morrasound Rock Fest programado para os días 19 e 20 de xuño en Moaña, relata Elena Ramiro, da AC Fontenla, organizadora do evento. Porén, admite que a decisión final dependerá de como evolucione a situación. Saben que contan coa "comprensión e os ánimos" das bandas e agora as preguntas son se é viable financiarse estando os patrocinadores en dificultades económicas e se haberá limites ao número de persoas que poden asistir.

O Esmorga, o festival que ía coincidir coa declaración do estado de alarma, traballa para manter a edición deste ano e que o cartel non cambie moito, explica o seu organizador, Josito Castro. Pronto, di, darán a coñecer os detalles. Coque Dosil, do Melona Fest, destaca que, no seu caso, teñen "a confirmación do 80 por cento" das bandas para as novas datas, na fin de semana do Samaín. 

O sector está preocupado polos efectos económicos e tamén psicolóxicos da crise sanitaria

"Para nós é un golpe moi grande. Case todos os abonos estaban vendidos e agora temos que dar a posibilidade de devolvelos", expón e admite que hai incerteza sobre as axudas coas que contaban para o evento e a dispoñibilidade dos grupos. "Non sabemos tampouco os efectos económicos que vai ter sobre o noso público nin sabemos se imos chegar ao obxectivo de financiamento", agrega. O aspecto positivo é que todas as partes están a ser "comprensivas". Eles apostan por manter o festival porque son "teimudos".

O que está cancelado "de forma definitiva" é o FIV, que ía ser en abril en Vilalba e que pensa xa na próxima edición. Alberto Alfonso, produtor do festival explica que é iniciativa do Concello e a decisión tomouse pola "incerteza". "Non sabemos que vai pasar en xullo, agosto, setembro ou incluso outubro", xustifica. Ata o de agora, apunta, no existían nos contratos cláusulas específicas sobre pandemias, pero el di estar seguro de que se incluirán no futuro. En calquera caso, subliña que todas as partes están "dando facilidades para saír desta co menor dano posible".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.