As empresas galegas seguen sumando expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) polo coronavirus, que afectan xa a 71.084 persoas. Na industria pasa a estar incluida na lista a madeireira Finsa, que suspende temporalmente os contratos de 1.600 empregados, a maior parte da súa planta en Santiago.
Finsa alega causas produtivas e estende as medidas, que afectan ás catro fábricas que ten en Galicia, ata maio
O ERTE de Finsa, que alega causas produtivas, abarca desde o 20 de marzo ata o 30 de abril e afecta ás catro fábricas da empresa en Galicia. Nas instalacións compostelás aplícase a 808 persoas; nas de Padrón, a 280; nas de Ourense, a 137; e nas de Lugo, a 384. O persoal afectado recibirá unha contía equivalente ao 90 por cento do seu salario no mes de marzo e ao 85 por cento no mes de abril. Mantense o 80 por cento das pagas extras e o 100 por cento das vacacións.
En cada planta, explican fontes de Finsa, haberá unha comisión de prevención específica para supevisar que as persoas que teñan que traballar desempeñen as súas funcións coas medidas de seguridade requiridas. Ademais, hai 335 empregados que están teletraballando.
Pola súa banda, a dirección da factoría de PSA en Vigo vén de firmar coa maioría da representación sindical, salvo CIG e CUT, o acordo para aplicar un ERTE a todo o seu equipo, salvo o persoal que teña que facer algunha intervención ou estea teletraballando. Son algo máis de 7.400 persoas que verán suspendido temporalmente o seu contrato mentres dure o estado de alarma.
A medida aplícase desde o 17 de marzo, día no que a fábrica viguesa parou a liña de produción, ou desde a xornada na que cada persoa deixase de traballar e os ingresos que perciba o persoal complementaranse ata o equivalente ao 80 por cento do soldo e pagas extras. Mantense o 100 por cento das vacacións. Haberá unha comisión de seguimento e a empresa comprométese, como require o real decreto-lei que contén as medidas económicas para facer fronte á crise, a manter o emprego nos seis meses seguintes.
O cese de actividade en PSA arrastrou á industria auxiliar da automoción, parte da cal aprobou xa medidas para suspender temporalmente os contratos. Outras empresas negocian os ERTE esta semana. A responsable de automoción da CIG, María García, denunciou que o persoal que se contrata a través de empresas de traballo temporal (ETT), está quedando "desprotexido" nestas circunstancias, porque non está incluído nos ERTE. Estas persoas, sinalou, teñen que recorrer á prestación por desemprego tramitada pola vía convencional, se é que chegaron a xerar o dereito.
A CIG denuncia a situación dos contratados a través de ETT na automoción, que non están incluídos nos ERTE
Os datos actualizados da Xunta para toda Galicia recollen este martes un total de 13.976 ERTE, dos que 16 teñen carácter estatal e 402, autonómico. Sobre os primeiros non hai datos do persoal afectado e nos segundos figuran 8.390 traballadores. Dos restantes, 5.422 expedientes presentáronse na provincia da Coruña e afectan a 25.322 persoas; 4.576 corresponden á de Pontevedra e inclúen a 24.564 empregados; 1.845 rexistráronse na de Lugo e suman 6.285 traballadores; e 1.715 corresponden a Ourense, con 6.523 persoas afectadas.