Así se concretan as medidas do paquete económico contra a crise do coronavirus

Un membro da UME fai tarefas de desinfección na estación de autobuses da Coruña © Goberno de España

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publica este mércores o real decreto-lei que recolle as medidas económicas anunciadas polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, para tratar de paliar os efectos da crise do coronavirus. O texto concreta que a vixencia de todas elas, salvo nas que se especifique outro prazo, será dun mes, que se poderá prorrogar, de requirilo a situación. As medidas afectan á situación laboral, á subministración de servizos básicos, ao pago de hipotecas, ás axudas ás empresas, á atención a maiores e dependentes e á investigación. [Todas as normas ditadas polo Goberno central ao abeiro do estado de alarma polo coronavirus pódense consultar aquí]

Todas as medidas terán unha vixencia dun mes, salvo que se especifique outro período, pero son prorrogables

Suspensión de contratos e redución de xornada

As persoas que queden en situación de desemprego de forma temporal ou ás que se lles aplique unha redución de xornada pola crise do coronavirus poderán percibir unha prestación, que non rebaixará o dereito a paro que xa tivesen xerado e para a que non será necesario ter o mínimo cotizado. Durante este tempo, considérase que o traballador está cotizando a todos os efectos.

A base reguladora calcularase tendo en conta os últimos 180 días cotizados ou, se son menos, o período inferior inmediatamente anterior ao desemprego. A prestación percibirase ata que acabe a suspensión do contrato ou a redución temporal da xornada.

As medidas de suspensión de contratos e redución de xornada temporais poden estar autorizadas en cinco días

Os expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) motivados pola crise do coronavirus poderán tramitarse con maior rapidez. Os que sexan considerados de forza maior pola situación creada polo coronavirus, poderán estar autorizados en cinco días desde que se presente a solicitude, cun informe da autoridade laboral. 

Xuntanza do Consello de Ministros o 17 de marzo para aprobar o paquete de medidas económicas polo coronavirus © JM Cuadrado / Goberno de España

As medidas excepcionais pódense aplicar se a empresa se compromete a manter o emprego durante seis meses despois de retomar a actividade

Poderanse seguir alegando, como recolle o Estatuto dos Traballadores, causas económicas, técnicas, organizativas e de produción para a suspensión temporal dos contratos ou a redución de xornada, pero relacionadas co virus. Nestes casos, a representación do persoal debe estar constituída en cinco días, o período de consultas non durará máis de sete e o informe da Inspección de Traballo, se se pide, non poderá tardar tampouco máis dunha semana.

As empresas con menos de 50 empregados quedan exoneradas de aboar as cotas da Seguridade Social, mentres que as de máis de 50 traballadores terán que pagar só o 25 por cento das mesmas. 

Estas medidas extraordinarias están suxeitas a que a empresa se comprometa a manter o emprego durante o prazo de seis meses dende a data na que se retome a actividade.

Os autónomos

Os autónomos teñen dereito a unha prestación por cese de actividade durante un mes, ampliable se se prolonga o estado de alarma

Os traballadores por conta propia teñen dereito a unha prestación por cese de actividade dun mes de duración, que se poderá ampliar ata o último día do mes no que finalice o estado de alarma, se este dura máis. Accederán á mesma se as súas actividades quedan suspendidas ou se a súa facturación no mes anterior a pedir esta prestación se ve reducida, polo menos, nun 75 por cento con respecto á media do semestre anterior. Deben estar dados de alta no réxime de autónomos e ter pagadas as cotas da Seguridade Social. 

A contía será do 70 por cento da base reguladora e o tempo de percepción da prestación entenderase como cotizado e non reducirá os períodos de prestación por cese de actividade aos que se teña dereito no futuro. Esta medida é incompatible con calquera outra prestación do sistema da Seguridade Social. 

Adaptación e redución de xornada e teletraballo

As medidas excepcionais que se establecen no real decreto, indica o texto, buscan que a actividade empresarial e as relacións laborais se reanuden con normalidade despois da crise do coronavirus. Por este motivo, aposta por manter a actividade con "mecanismos alternativos" como o teletraballo, que debe ser prioritario fronte a medidas de cese temporal ou redución da actividade. A persoa que vaia realizar o traballo a distancia poderá facer unha autoevaluación de riscos laborais, "con carácter excepcional", sen necesidade dunha revisión externa.

Poderán adaptar ou reducir a súa xornada os traballadores que acrediten que deben coidar, como consecuencia do coronavirus e decisións derivadas como o peche de centros educativos, ao cónxuxe ou parella de feito e aos familiares ata segundo grao de consanguinidade. No caso das reducións, poden chegar ao 100 por cento da xornada nalgúns casos.

A adaptación da xornada pode consistir nun cambio de quenda, alteración do horario, horario flexible, xornada partida ou continuada, cambio de centro de traballo, cambio de funcións, cambio da forma de prestación do traballo ou calquera outra modificación "dispoñible" na empresa e "razoable". As medidas limitaranse ao periodo excepcional de duración da Covid-19. O persoal que estea traballando cunha redución ou adaptación pode renunciar a estas medidas ou modificalas.

Bloque de vivendas CC-BY-NC srgpicker

Quen ten dereito á moratoria no pago da hipoteca?

A moratoria nos pagos de hipotecas aplicarase a persoas vulnerables, que son as que cumpren algún dos seguintes supostos: 

  • Que o debedor quede no paro ou, se é empresario ou profesional, teña unhas perdas sustanciais de ingresos ou unha caída sustancial nas vendas.
  • Que o conxunto de ingresos dos membros da unidade familiar non supere, no mes anterior á solicitude da moratoria, o límite de tres veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) mensual. O límite aumenta se a unidade familiar ten fillos, maiores ou dependentes ao seu cargo ou se o debedor ten parálise cerebral, enfermidade mental, discapacidade intelectual, discapacidade física ou sensorial ou nos casos de enfermidade grave incapacitante
  • Que a cota hipotecaria, xunto cos gastos e as subministracións básicas, sexa igual ou superior ao 35 por cento dos ingresos netos da unidade familiar.
  • Que, como consecuencia da emerxencia sanitaria, a unidade familiar sufrise unha alteración significativa das súas circunstancias económicas en termos de esforzo de acceso á vivenda. Considérase que este caso se dá se o esforzo que supón a hipoteca se multiplica por 1,3. Se se ten en conta a caída das vendas, esta debe ser de polo menos o 40 por cento. A unidade familiar é a composta polo debedor, o seu cónxuxe ou parella de feito e os fillos que residan na vivenda, con independencia da idade.

A moratoria pódese solicitar aos bancos dende a entrada en vigor, hoxe mesmo, do decreto-lei e ata 15 días despois do fin da súa vixencia e a entidade deberá implementala nun prazo de 15 días e sen aplicar xuros moratorios. Esta medida non computará nas provisións de risco das entidades de crédito.

Os servizos básicos

O real decreto establece que durante o próximo mes o subministradores de enerxía eléctrica, gas natural e auga non lle poderán cortar o servizo aos consumidores vulnerables ou en risco de exclusión. O bono social queda prorrogado de forma automática ata o 15 de setembro e quedan suspendidas as actualizacións dos prezos do gas natural e as bombonas de butano.

Non se lles poderán cortar as subministracións de enerxía e auga ás persoas vulnerables e conxélase o prezo do gas natural e o butano

O texto indica tamén que os provedores de servizos de telecomunicacións deberán manter a prestación dos mesmos tal como estaban contratados ao inicio do estado de alarma e só os poderán interromper por motivos de integridade e seguridade das redes e os servizos. Ademais, quedan suspendidas as operacións de portabilidade

Detalle dunha factura da luz CC-BY-SA Praza Pública

Medidas para as empresas

O Estado concederá avais, por un importe máximo de 100.000 millóns de euros, para os créditos bancarios a empresas e autónomos para atender necesidades de liquidez. O Instituto de Crédito Oficial (ICO) amplía o seu límite de endebedamento neto para dar tamén liquidez, en especial a pequenas e medianas empresas (pemes) e autónomos.

Unha liña de avais de ata 100.000 millóns de euros e una cobertura aseguradora de ata 2.000 millóns darán liquidez ás empresas

Ademais, durante seis meses, autorízase a creación dunha liña de cobertura aseguradora de ata 2.000 millóns de euros para empresas exportadoras que teñan problemas de liquidez debido ao coronavirus. Deberán ser pemes ou empresas de maior tamaño pero non cotizadas e nas que o negocio internacional represente polo menos un tercio da súa cifra de negocio ou que exportaran de forma regular nos últimos catro anos.

No apartado empresarial, o texto recolle unha modificación da lei sobre movementos de capitais e transaccións co exterior que impide que inversores de fóra da Unión Europea poidan adquirir o 10 por cento ou pasen a controlar unha firma española neste contexto. A medida afecta aos sectores de infraestruturas e tecnoloxías críticas; subministracións fundamentais como enerxía, materias primas e seguridade alimentaria; sectores con acceso a información sensible; e medios de comunicación.

Fondos para atender a maiores e dependentes

A partida suplementaria para atender a persoas maiores e dependentes será de 300 millóns de euros (pese a que Pedro Sánchez dixo na súa comparecencia tras o Consello de Ministros que sería de 600). 

Un fondo de 300 millóns de euros financiará proxectos e contratacións para servizos centrados nos coidados a maiores e dependentes

Os fondos transferiranse ás comunidades autónomas, deputacións provinciais ou corporacións locais para o financiamento de proxectos e contratacións de persoal de servizos a domicilio para compensar o peche de comedores, centros de día, centros ocupacionais e similares, para aumentar dispositivos de teleasistencia e para a atención ás persoas sen fogar, entre outros.

As entidades locais que rexistrasen un superávit en 2019 poderano dedicar a servizos sociais e promoción social.

Investigación

As axudas para a investigación contra o SARS-CoV2, que é o nome do coronavirus, ascenden a case 30 millóns de euros, dos que 25,2 serán para o Instituto de Saúde Carlos III e 4,45 millóns para o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIF).

Neste contexto, permitirase que se establezan xornadas laborais extraordinarias, "sen suxeición ás regras xerais sobre xornada e horarios do persoal ao servizo das Administracións Públicas". Haberá unha "contraprestación retributiva".

O decreto modifica tamén un apartado da lei que regula o Centro Nacional de Intelixencia (CNI), de modo que a Comisión Delegada do Goberno para Asuntos de Intelixencia estará presidida "polo vicepresidente do Goberno que designe o seu presidente" e integrada polos vicepresidentes designados polo presidente do Goberno, as ministras de Asuntos Exteriores, Defensa e Asuntos Económicos e o ministro de Interior, ademais do director de gabinete da Presidencia do Goberno, o secretario de Estado de Seguridade e a directora do CNI.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.