O Grupo PSA vén de anunciar o peche gradual de todas as súas plantas en Europa pola crise do coronavirus. A de Vigo deixará de producir este martes e pechará o mércores, 18 de marzo, segundo indicou a empresa, que concretou que a medida estará vixente ata o 27 desde mes.
O grupo irá pechando ao longo desta semana todas as plantas debido aos casos graves de coronavirus, aos problemas de suministro e á caída dos mercados
Nun comunicado expón que "debido á aceleración observada nos últimos días de casos graves" da enfermidade provocada polo coronavirus en lugares "próximos a determinados lugares de produción", as "interrupcións" no suministro de grandes provedores e á "repentina caída" nos mercados automobilísticos, o presidente do comité executivo decidiu o peche das plantas de produción de vehículos seguindo un calendario.
Os primeiros ceses de actividade foron os das instalacións de Madrid e Mulhouse (Francia), o luns. O martes é a quenda de Zaragoza, tres plantas francesas (Rennes, Poissy e Sochaoux), dúas en Alemaña (Eisenach e Rüsselsheim), unha en Reino Unido (Ellesmere Port) e outra en Polonia (Gliwice). O mércores pecharán, xunto con Vigo, as fábricas de Mangualde (Portugal) e Hordain (Francia) e o xoves serán a de Luton (Reino Unido) e a de Trnava (Eslovaquia).
No caso da planta viguesa, a dirección trasladoulles aos sindicatos que o plan é que a produción termine este martes. A liña principal deixa de producir ás 14:00 horas, pero o peche será progresivo para facer labores de baleirado. Tamén irán deixando de traballar gradualmente os talleres de ferraxe e pintura, segundo informaron conxuntamente UGT, CCOO, CIG e CUT. A empresa indicou tamén que haberá un teléfono para darlle información ao persoal nesta situación e que, se alguén dá positivo en coronavirus, débeo comunicar.
O peche das instalacións mecánicas irase axustando de forma coordinada e os procedementos específicos de cese da actividade serán responsabilidade do equipo directivo en cada unha das sedes, "en coordinación cos socios locais".
Pide ao persoal que cumpra coas medidas de protección mentres non se fai efectivo o cese da actividade
A empresa lembra que, ata que se fagan efectivos os peches, o persoal debe cumprir coas medidas de protección para evitar que se espalle o virus.
Os catro sindicatos de clase con representación na planta de PSA en Vigo (UGT, CCOO, CIG e CUT) reclamaban que se pechasen as instalacións e se parase a actividade e criticaron a postura da empresa de continuar coa produción. Máis de 13.000 persoas firmaron unha petición a través do sitio web change.org reclamando tamén que cesase o traballo nas instalacions.