As catro centrais sindicais de clase con representación na planta de PSA en Vigo (UGT, CCOO, CIG e CUT) preparan medidas contra a decisión da dirección da fábrica de manter a produción pese a declaración do estado de alarma por parte do Goberno de España para frear os contaxios do coronavirus, que non esixe o cese da actividade industrial. En cada quenda traballan 2.000 persoas e en moitos dos postos, destacan, non é posible manter unha separación de metro e medio entre operarios.
Os catro sindicatos piden ao maioritario,o SIT, que se sume ás súas reclamacións conxuntas, que pasan por unha paralización inmediata da actividade ata que se consensúe "un protocolo compartido entre a representación sindical e a dirección". As medidas propostas pola empresa son "insuficientes", manifestaron tras unha reunión este domingo. A postura manterase na reunión do Comité de Prevención e Saúde prevista para este mesmo luns.
"Estamso nun estado grave e o risco é inminente", din dende as centrais sindicais; a empresa argumenta que está a aplicar medidas adicionais de limpeza e hixiene
UGT, CCOO, CIG e CUT acoden á cita con críticas ás decisións da dirección, que consideran que "non son responsables", segundo Ana Belén Valiño, de UGT. "Estamos nun estado grave e o risco é inminente" para o persoal, destacou e citou como exemplos as decisións doutras plantas automobilísticas do Estado que deixaron de producir.
A empresa argumenta que a declaración de estado de alarma non esixe o peche das industrias e aplica dende hoxe medidas adicionais de limpeza e hixiene. Habilitou accesos nos que non é necesario tocar os tornos para entrar ao recinto, eliminou as reunións diarias dos encargados cos operarios ao seu cargo e adiantou 15 minutos a saída das quendas e atrasou outros 15 minutos as entradas para dar tempo adicional a que o persoal aparque o seu vehículo particular e evitar solapamentos. Ademais, poden traer a roupa de traballo posta do seu domicilio para evitar aglomeracións nos vestiarios.
As devanditas centrais sindicais presentaron este luns un escrito conxunto insistindo na paralización e pedindo unha reunión urxente do comité de empresa. Cren que estas decisións non chegan nunha planta na que traballan dentro dun mesmo vehículo ata catro persoas, sen poder gardar as distancias recomendadas polo Goberno central. "Non están pensando nos traballadores, senón unicamente nos aspectos produtivos e económicos", protestou Valiño.
Polo de agora, non consta ningún positivo por coronavirus no equipo, pero podería haber persoas asintomáticas, sinalou e lembrou que hai unhas 7.000 persoas empregadas directamente por PSA ás que se suman as das auxiliares que tamén acceden ás naves, co que "se pode estar falando de 10.000 ou 11.000". Se non hai unha paralización da actividade, agregou, irán "un paso máis alá" porque "a xente está indo a traballar con medo".