Este luns é un día inédito en todo o Estado. É a primeira xornada laborable baixo o estado de alarma decretado polo Goberno de España para tentar frear os contaxios do coronavirus, un amplo paquete de medidas que ten a súa parte máis visible na restrición da circulación para toda a cidadanía e o peche de gran parte do tecido comercial. As medidas de illamento para procurar conter a epidemia traen consigo, daquela, un devalo inmediato de ingresos para multitude de empresas co sector alimentario como principal excepción, pero tamén unha supresión repentina de ingresos para milleiros de persoas inscritas no réxime de autónomos.
A cuestión da economía. Concretamente, das medidas que o Estado poida poñer en marcha para amortecer o duro impacto económico da parálise polo coronavirus, estiveron no centro das diverxencias no seo do Consello de Ministros do pasado sábado, segundo diversas fontes citadas por xornais como La Vanguardia, El Confidencial ou eldiario.es. O centro da cuestión, informa Fernando Garea para El Confidencial, está no alcance que terá o que parte do Executivo central dá en denominar "escudo social" ante a crise que está a chegar.
O Consello de Ministros do martes aprobará un paquete de medidas económicas para afrontar a crise do coronavirus; a intensidade desas accións xerou discrepancias no seo do gabinete
As discrepancias, indican as fontes citadas, non enfrontan especificamente os dous partidos que sustentan o Goberno. Fronte ás teses máis conservadoras de ministras como a vicepresidenta económica, Nadia Calviño, sitúanse o vicepresidente Pablo Iglesias ou a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, pero tamén o responsable de Transportes e secretario de organización do PSOE, José Luis Ábalos, e mesmo o titular da Seguridade Social, José Luis Escrivá. Este sector, indican, aposta por unha forte inxección económica en múltiples frontes, dende aliviar a situación ás empresas abocadas á parálise polo virus ata axudar a poboación en atrancos para pagar o alugueiro ou a hipoteca.
Así e todo, o propio Pedro Sánchez avanzou o pasado sábado que o vindeiro Consello de Ministros terá sobre a mesa "medidas de apoio aos traballadores, aos autónomos, aos empresarios, ás familias e aos colectivos máis vulnerables". Tamén "apoio é flexibilización dos mecanismos de axuste temporal de actividade" -expedientes de regulación de emprego temporal- para "evitar despedimentos" e medidas para "garantir a liquidez ante as dificultades transitorias como consecuencia da emerxencia económica".
"Debe ser unha paréntese temporal, non unha nova crise para as maiorías"
Neste sentido expresábase tamén este domingo a ministra Yolanda Díaz. A través das redes sociais, a titular de Traballo aseguraba tamén que, unha vez declarado o estado de alarma e as medidas para frear os contaxios do coronavirus, "o seguinte paso é facer fronte á paralización da actividade económica e laboral" cos principais obxectivos" de "evitar despedimentos e garantir ingresos menres dure a emerxencia". Esta, sinala, "debe ser unha paréntese temporal e non unha nova crise para as maiorías". Así, asegura, boa parte das medidas xa están "listas" e "pactadas cos axentes sociais".
Medidas en Galicia
A cuestión das medidas económicas estará tamén presente na xuntanza que, este luns, manterán os líderes das principais forzas políticas para, baixo convocatoria da Presidencia da Xunta, abordar a crise do coronavirus. Aínda que no centro da axenda estará a forma en que é aprobado un adiamento das eleccións cuxa conveniencia todas as formacións comparten, dende as tres forzas da esquerda apóstase tamén por aproveitaren a oportunidade para abordar medidas económicas. O propio Alberto Núñez Feijóo incidía tamén neste aspecto na súa comparecencia do domingo, aínda que reclamando celeridade nas medidas do Goberno central en materia como "subvencionar as empresas que manteñan o emprego" durante a crise.
A necesidade de tomar medidas económicas dende a Xunta tamén estará sobre a mesa este luns na xuntanza das forzas políticas galegas
Así, dende o PSdeG, o seu secretario xeral e candidato á Presidencia, Gonzalo Caballero, reclamaba nos últimos días que, tamén dende a Xunta, se apliquen "todas as medidas necesarias nestas circunstancias tan complicadas" para "acompañar" a "traballadores, persoas autónomas e empresas". O ideal, a xuízo do socialista, sería formar "un comité de seguimento que inclúa a todas as forzas" con "información actualizada" e "medidas tanto no eido sanitario como na economía e nas condicións de traballo".
Tamén a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, avanzaba este domingo a súa intención de trasladar propostas económicas na xuntanza, a aplicar polos gobernos galego e central. A comezar, cre a nacionalista, debería poñerse en vigor "unha moratoria no pagamento de hipotecas, iniciativas de apoio a autónomos e axudas extraordinarias como a condonación de recibos da luz e do gas ao persoal afectado pola perda de emprego". Neste sentido, di, cómpre tamén a implicación da banca e lembra os fondos públicos perdidos durante o rescate, na crise financeira.
O Concello de Lugo anunciou xa unha "liña de axudas de 5 millóns de euros" para "pequenas empresas, autónomos e familias" afectadas pola crise do coronavirus
Pola banda de Galicia en Común o seu candidato, Antón Gómez-Reino, avanza tamén que a coalición exporá na xuntanza a necesidade dunha "proposta de medidas que complemente ás do Goberno do Estado" en materia económica. Entre os "retos inaprazables" sinala "protexer o emprego dos despedimentos masivos e defender as persoas autónomas" para que non se "vexan na disxuntiva de despedir os seus ou veren arruinados os seus negocios".
Á espera dos paquetes de medidas económicas fronte ao coronavirus por parte dos gobernos galego e central, en Galicia comezan a abrollar iniciativas neste sentido tamén dende o eido local. Así, por exemplo, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciaba este domingo a intención de que o Concello "habilite unha liña de axudas de 5 millóns de euros" dirixidos a "pequenas empresas, autónomos e familias" do municipio. No ámbito económico, avanza a socialista, procurarán "amparar os autónomos e ás pemes" que "vexan paralizada a súa actividade por esta crise sanitaria" e tamén ás persoas que "queden sen emprego" neste tempo. "A nosa intención é que poidan manter a súa renda", avanza.